30.7.14

Berta Dávila. O derradeiro libro de Emma Olsen

Sacar á luz “todo o que pasou” é o obxectivo que se propón Emma Olsen co que será o seu derradeiro libro. Cadencialmente, capítulo a capítulo, a voz narradora váinolo recordando ata converter esa necesaria explicación de “todo o que pasou” no leitmotiv da novela.
Cando inicia o relato Emma Olsen é unha escritora célebre que retorna á súa vida natal (Faith) para morrer. A pouca vida que lle queda serviralle para explicar o pasado e quedar en paz consigo mesma. A narradora conta dun personaxe (o señor Montana) que volveu a Faith “coa esperanza de atopar algo ou alguén que lle lembrase quen era en realidade” (p. 74); podía telo dito de si mesma. En ambos os dous casos, o regreso é a explicación dunha fuxida, a volta ás raíces, o arranxo de contas co pasado. Para a protagonista tamén significará “baleirar a conciencia agora que o final se achega” (p. 80) e cobrar cobrar as débedas das lealdades rotas.
Lugar e personaxes van intimamente unidos no relato. Faith (Fe) “non é un lugar para gañadores de ningún tipo; formamos parte dunha longa tradición de fracasos e oportunidades perdidas e non estamos afeitos a outra cousa” (p. 93). A cidade é descrita pola narradora como un espazo terminal: a vía férrea remata alí; quen nace en Faith, aí morre; o ciclo vital dos habitantes parece estar marcado pola predestinación. Destino inicial e futuro soñado: escola de secretariado, oficina da fábrica de pneumáticos, casa prefabricada (p. 104). Por iso a narradora propón a fuxida como condición necesaria para romper esa cadea.
Na derradeira historia que nos conta Emma ten un papel principal a figura de Clarissa -veciña, amiga, parella-, dotada dun carácter ferozmente posesivo que a leva a converterse no deus do seu mundo.

A historia “que tiña que ser contada”, prometida no primeiro capítulo, remata explicada no décimo: Clarissa suicídase e leva canda si a Bill o día que este rapaz ía casar con Emma. Na colección de formas de matarse xa estaba anunciada. A promesa que se fixeran Emma e Clarissa cúmprese, pero tamén se converte na peor traizón.
O relato desenvólvese nunha estrutura lineal. Ante o lector preséntase como unha tradución, acompañada de notas que relacionan e aclaran as confesións do “derradeiro libro” de Emma Olsen coa súa “obra literaria” anterior. A ficción aliméntase doutra ficción.

Falan da novela
  • O derradeiro libro de Emma Olsen, no blogTrafegando ronseis.
  • O derradeiro libro de Emma Olsen, entrrada na Galipedia.
  • Dolores Vázquez, “Berta Dávila gana Premio de Narrativa Breve de Repso”, La Voz de Galicia, 18-09-2013.
  • Tensy Gesteira, “Eu atopei Fait...”, en Ruasmagazine.
  • Ramón Nicolás, “O derradeiro libro de Emma Olsen, de Berta Dávila”.
  • Reto de lectura: literatura gallega con O derradeiro libro de Emma Olsen”, en Librópatas.com.


Berta Dávila, O derradeiro libro de Emma Olsen. Vigo, Galaxia, 2014

17.7.14

Jorge Armesto Rodríguez. As bágoas dos seres pequenos



Os seres pequenos son persoas, pero tamén cousas como a Máquina ou a Boneca de follato. Sobreviven nun mundo hostil. A voz poética fala deles con afecto e mágoa. Os seres pequenos son os perdedores da Historia, os vencidos da vida. Para eles, “a vida é un esputo de Deus” (p. 43). Segundo o poema escolleito, a Terra tamén é un ser pequeno que vai virando a súa vida padecendo as catorce estacións que compuñan -ou aínda compoñen- o viacrucis de calquera cristián.
Capa do pemario

Falan do poemario


Jorge Armesto Rodríguez, As bágoas dos seres pequenos. Pontevedra, Edicións Fervenza, 2007.

4.7.14

Teresa González Costa. Madeira de gañador

A historia transcorre na oficina nos momentos previos á fusión das
empresas Ceres e Renar. O cerebro desta importante e delicada operación (Xiao) atópase nun estraño proceso de transformación en árbore. Cando o xefe (Pedro) se decata, xa non ten marxe de manobra para adiar o encontro co directivo da outra empresa.
Ao virar en árbore, Xiao adquire a capacidade de comunicarse con outro personaxe que resulta ser unha testemuña excepcional de acontecementos secretos: a mesa de cereixo salvaxe. Será pola mesa que saberá Xiao da traizón que lle está preparando Pedro, da infidelidade da súa futura esposa Estela e da marxinación do culto e inocente Fabricio.
Xiao acepta a transformación en árbore como unha forma de liberación das miserias humanas. Amósase un chisco hipocondríaco e manifesta a súa preocupación polas molestias de fungos e insectos, pero espera botar raíces nun terreo axeitado para a aciñeira en que se está a converter. Tamén o fai feliz a idea de que a súa cortiza sirva para deixárense os namorados mensaxes de amor e para que a numerosa familia de Fabricio poida xantar á súa sombra cando vaia de excusión.
O bando dos bos (Xiao e Fabricio)abandonan a oficina na procura da salvación. O bando dos ruíns (Pedro, Estela, o xefe de Renar) terán ante si un futuro de pelexas e traizóns.


Falan da peza en



Teresa González Costa, Madeira de gañador. MOME, Pontevedra, 2012.

1.7.14

Noticias de literatura-150. Xuño de 2014

o acto decorreu coa axilidade e emoción de sempre, sen dúbida debidas á veteranía da organización
e á expectación que xera un premio tan recoñecido, necesario e portanto valioso para o sistema literario como este de Arteixo (Alfredo Ferreiro, Praza Pública).

Este libro ven sendo a continuación do outro (Os ángulos da brasa). Eu non teño máis que un libro con distintos títulos, pero é o mesmo sempre. Non ves acabado nunca un libro, quedan flecos, cousas por dicir e entonces queres rematalo e volves outra vez a escribir e non acabas tampouco porque, como dicía o bo de Octavio Paz, un escritor que leo moito, non facemos máis que un proxecto de libro, dese libro que nunca chegamos a escribir. Ten razón, estamos sempre na mesma historia, dándolle voltas ao mesmo (Rodri García, La Voz de Galicia, 06-06-2014). 
un breve libriño pero de gran impacto que invita ao lector a ir máis alá das cousas, da súa esencia, a abrir a percepción tras as posibilidades aparentemente ocultas das cousas (en boa medida, o fundamento da filosofía e tamén da ciencia) (La Voz de Galicia, 06-06-2014).

un libro contra a desmemoria na que o autor regresa aos anos sesenta a través das lembranzas de Miguel, unha personaxe que ben podería ser calquera  membro da súa xeración (Alberto Ramos, Praza Pública).
Recibiu o Premio Trasalba e, máis unha vez, presentouse herdeiro dos soños da xeración Nós. O escritor Agustín Fernández Paz criticou no seu discurso a condición de "libertade limitada" que padecen @s galegofalanes e lamentou o doado que é desfacer o que tanto tempo "custou construír" (M. L., Sermos Galiza)
Baixeras constrúe un novo libro arredor da memoria e a experiencia vital, “un discurso lírico que procura en todo momento a emoción do lector”, dixo (Sermos Galiza, 12-06-2014).
Con Caderno do Nilo  o poeta Cesáreo Sánchez Iglesias constrúe a súa viaxe poética a través da historia, a memoria, a cultura e a procura interior. O escritor conta cunha sólida traxectoria poética que se inicia con Silencios e conversas de Inverno en 1978,  e na que se inclúen títulos como A Árvore das sete palabras, Do olvido o río, O rostro da Terra ou O rumor do distante (Carme Vidal, Sermos Galiza, 13-06-2014).
A obra 'Caderno do Nilo' de Cesáreo Sánchez Iglesias foi a gañadora da modalidade de creación literaria dos 'XXIX Premios Antón Losada Diéguez', que recoñeceron a 'Trastarabás. Enciclopedia de brinquedos tradicionais', de Antón Cortizás, na categoría de investigación e ensaio (Luís Mato, El Correo Gallego, 15-06-2014).
Ten compartido épocas co Marqués de Sargadelos, María Pita, e agora, nas rúas compostelás, co comisario Andrés Salorio (Xosé Antonio López Silva, El Correo Gallego, 14-06-2014).

  • Eu son novelista”. Entrevista de Alfredo Conde con Héctor J. Porto, La Voz de Galicia, 23-06-2014).
Figura como salido de la imprenta en diciembre de 2008, pero ese fue el único viaje que hizo. Herbas de cego desde entonces “bajo custodia” en dependencias del Ayuntamiento, en concreto en el Museo Municipal. De Dios falleció en agosto de 2010 sin llegar a verlo (Xosé Manuel Pereiro, El País, 16-06-2014).
Raros e curiosos contén un fato de relatos, de «crónicas delirantes cuxo fío condutor son uns personaxes estrambóticos». Mantén, iso si, un denominador común omnipresente, imprescindible, nos seus traballos (e que afecta, por suposto, á súa obra gráfica, á caricatura política): un humor raiano no absurdo, no surrealista, no disparatado (Héctor J. Porto, La Voz de Galicia, 22-06-2014).
Cúmprense este 28 de xuño vinte anos da morte do poeta, profesor e tradutor Evaristo González,
máis coñecido por Evaristo de Sela. Figura fundamental no mundo da tradución, a obra de Homero chega á nosa lingua da súa man (Xosé Abilleira Sanmartín, Sermos Galiza).