23.10.07

Soidades de Ana. A vida herdada

Pois con esta pregunta só procuro unha pequena reflexión sobre os condicionamentos que nos impón o ámbito familiar no que nacemos. Non herdamos só os bens materiais que nos deixen os nosos maiores, descontado o quiñón que leva Facenda. Herdamos tamén boa parte das súas virtudes e dos seus defectos. Non fai falla que nolo diga a prensa rosa: sabemos perfectamente que somos fillos de... (por sorte ou desgraza). Mesmo hai familias que van deixando en herdo o nome duns membros para outros: María nai, María filla, María neta, María bisneta... Filipe I, II, III...
Algúns personaxes que aparecen nesta novela loitan en boa medida contra esta imposición do clan familiar. Outros aceptan a situación sen especial dificultade. Se analizades a relación da irmá de Ana e mais o seu noivo decaterédesvos de que manteñen posturas contrarias ante o estilo de vida herdado.
En resumo: mirade en que medida os pais impoñen un comportamento, uns estudos, unha dedicación ó clan...

Se aínda non enfoquei a cuestión, preguntádelle ó profe. Para iso lle pagan, digo eu.

(Imaxe de http://foros.xenealoxia.org/viewtopic.php?p=14031.)

20.10.07

Necrolóxicas

Leo esta noticia e, de paso que tocamos madeira, non podo evitar que me veñan á cabeza certas vivencias. A última delas puramente lingüística: tiven que explicarlle a un alumno o que era unha necrolóxica. Fíxeno sinalando co dedo encol do xornal. O rapaz preferiu "esquela", porque "necrolóxica le daba mal rollo". Retruqueille que "mal rollo" sempre o daba; non tiña que ver o idioma. Con todo, o rapaz seguiu nas del e eu quedei en xaxún: ¿poderanse esconxurar os medos cambiando de lingua?

O meu párroco, cérnico galeguista, pretende convencernos de que Deus entende o galego. Pero estalle a resultar unha ensinanza moi sacrificada: atópase con fregueses que non se consideran ben casados nin ben enterrados neste idioma. E o que máis amola o pobre do abade é que lle pidan os oficios na lingua que rexeitan. Outro misterio máis, por se fosen poucos os da relixión.
Coñezo a alguén -supoño que haberá máis no seu caso- que ten ben avisada a familia: cando vaia para a pataqueira, que lle aproveiten o que teña da aproveitable e o resto que o incineren; as honras fúnebres, se non llas fan en galego, que os asistentes recen en silencio. (É de supoñer que cando iso ocorra aínda exista a lingua e haxa sacerdotes en activo.)
Cómpre avisar a familia para que non se deixe engaiolar pola compañía funeraria. Esa xente non pregunta polo idioma do defunto e, por defecto, saca os formularios na lingua oficial do Estado. E aínda cómpre presenza de ánimo para dicirlle que o finado deixou mandado de que o empanasen coa súa lingua de vivo. Se cadra, as empresas mortuorias deberían coidar tamén estes detalliños sen subir o prezo do servizo.
Mirade por onde, un feito tan sinxelo como estarricar a pata convértese nun acto oficial e reclama a atención e participación de varias institucións. A saber, ministerio de Xustiza, Rexistro Civil, algunha Igrexa, Facenda (esta lagarta está en todas)... Por iso está decidido de antemán que hai que dar co cu no tego, pero na lingua constitucional.
A ver se as autoridades sacan algún decretiño para que, por defecto, enterren o morto na lingua na que viviu, sen que a atristurada familia teña por riba que relear pola necrolóxica. ¿Non pode haber enterros cooficiais, ou que?

18.10.07

Botellódromo

"Hay que ponerles un sitio y controlarlos"

Ás veces propóñense actividades que converten a aula nunha especie de Madroa. Nesta ocasión collín un texto do xornal Que! e pedínlle a un grupo de rapaces que describisen o posible contexto no que puido ser usada tal expresión.
Non me resisto a relacionar os resultados, porque fan certo o dito de que a can fraco...
Vexamos:
O despistado cre que se refire a "células canceríxenas". Terei que explicarlle de novo o da concordancia.
Os libros, a tala incontrolada de árbores e a praga dos muraños de Castela tiveron cadansúa proposta.
Unha rapariga afirma que se refire ós homes, dende unha perspectiva de loita de "géneros". A rapaza non é feminista; é intelixente e sabe que os homes valen para ben pouco.
Hai outra rapaza que relaciona a frase co botellón. Polos datos que dá vese que xa leu o xornal, e ademais debeuno facer de camiño ó centro.
Por parellas temos os que pensan nas tribos urbanas e nos inmigrantes. E aínda hai outro par que confesa sentirse desnortado e non ter nin idea de que quere dicir a frase de marras.
Cinco dos participantes pensan en tolos ou enfermos, que deben estar metidos en cuartos especiais, vixiados por cámaras e asistidos por médicos. (Hai un tipo de xente que preferimos tela gardada.)
A proposta gañadora (seis votos) refírese á falta de respecto e á indisciplina dos adolescentes. ¿Suspicacia?
Así e todo, a resposta que máis me gustou foi a do badulaque espelido: unha frase coma esa non ten sentido ningún, e menos nunha clase de lingua. Non teño máis que dicir e morra o conto.

17.10.07

Erín Moure

Noticias coma esta debían lerse con prescrición facultativa, porque actúan como vacina contra a lingua do poder (sexa cal for). En realidade, a lingua do poder é o orneo, dito sexa con perdón dos cuadrúpedes.

A noticia é de especial interese para os bachareis por dúas poderosas razóns: unha, a información literaria que facilita; a segunda, máis importante aínda, a actitude que a autora amosa ante as linguas nas que se expresa.
Sobre a obra que se cita -Teatriños ou aturuxos calados- podedes consultar:
http://www.xornal.com/article.php3?sid=20071015132535 e http://www.xeracion.com/nova/3632.html.


Que a lectura vos sexa de proveito.

16.10.07

Soidades de Ana: os pais e o noivado

¿Que quero preguntar con isto?

Nada.
O que pretendo e que me describades como se trata este tema na obra.
Reparade que estamos diante de familias ben situadas, conservadoras, celosas da súa honra. E a honra non é só unha cuestión moral; tamén é unha cuestión social: es honrado se te consideran honrado. Os pais da nosa protagonista -igual có resto dos personaxes que desempeñan este papel- teñen tal idea moi ben deprendida.
O noivado, ademais de ser unha cuestión persoal, tamén ten a súa cara pública e pode influír na consideración que a sociedade teña da familia. Por iso os pais miran con reparo as relacións das fillas. Nomeadamente das fillas. Nos fillos reparan menos. Así e todo, apuntan a relacións que vaian máis alá do ámbito persoal: cómpre mirar pola posición social, polas empresas...
Os pais sufriron a fiscalización do noivado polos seus propios pais e, cando lles toca a vez de fiscalizar os noivados das fillas atópanse con que esta xeración prefire moverse sen regras nin pexas.
A ocultación das relacións ós pais dá unha certa liberdade de movementos, pero liberarse da obediencia cega ós pais deixa os mozos sen o amparo do clan familiar, polo menos no caso da nosa protagonista.
Na loita xeracional pais-fillos, o noivado é un dos aspectos máis salientables.
Non sei se aclarei algo o que me preguntastes na aula. Se non é así, seguide insistindo.


Abur.


14.10.07

A Mennulara no país

A Mennulara tamén tivo éxito entre nós. Deixo enlazados uns cantos botóns de mostra.
O texto da presentación editorial recollido na páxina do Consello da Cultura: http://www.culturagalega.org/lg3/novidade.php?Cod_prdccn=519
No mesmo portal achamos a recensión de José Ignacio Cabano Vázquez.
Unha sinopse da novela atoparédela na páxina de Andel.
Non podía faltar a noticia na prensa, que nos fala da novela e mais de actividades de xente que le. (Hai xente para todo.)
Para rematar esta sucinta visión dende o país, temos o catálogo da editorial, de onde tomamos a foto da capa.
Para que o sinalado club de lectores d' A Mennulara se vaia documentando coido que deixo indicacións dabondo.
E non esquezades que tedes uns cadernos dixitais que devecen polas vosas opinións. Os cadernos e mais os lectores de orella. Os veciños do norte van lanzados. Vede, se non, o blog da biblioteca Monte Alto. Podedes empezar por intentar responder ás cuestións que propoñen no blog.
Dádelle duro e sen dó.

13.10.07

A Mennulara, novela siciliana

(Para o club de lectores d' A Mennulara)
É interesante achegarse a unha novela dende a perspectiva dos membros da sociedade nela retratada. Para tal cometido, resulta unha boa axuda a recensión de Marilia Piccone.

Desta recensión cómpre salientar:


a) O carácter siciliano da novela. Xa o deixara indicado a propia autora nunha entrevista enlazada uns post máis abaixo. Aínda que a Sicilia descrita está nunha fase de transicións, o carácter de illa obriga a que os cambios vaian amodo.


b) O carácter de serva e patroa da protagonista, papeis antagónicos que complican a visión que se ten do personaxe.


c) A sorpresa do testamento, que converte a novela nunha sorte de busca do tesouro; técnica que se combina co uso do dixomedíxome para que o lector se achegue ó personaxe.


d) Os encabezamentos dos capítulos, que seica achegan un aire a relato antigo.
Así e todo, non deixedes de ler a recensión indicada, porque se cadra lin mal.
E lede tamén o "INCONTRO CON SIMONETTA AGNELLO HORNBY", tamén asinado por Marilia Piccone.
Non perdades tampouco:
http://www.italialibri.net/opere/mennulara.html; sinala o artigo a "sicilianidade" e a dobre "existencia" da protagonista.
http://www.rivistaprometheus.it/rivista/ii37/mennulara.htm; caracteriza a muller siciliana como omnipresenza silenciosa: "La loro onnipresenza silenziosa, la loro intuizione del come il cedere l'apparenza del comando consente di mantenerne l'esercizio, il loro sapere che l'esigere di rado consente di riuscire ad ottenere sempre".
http://it.wikipedia.org/wiki/La_Mennulara
Por hoxe, vai chegando.
Abur.
(Imaxe de http://www.stradanove.net/.)

9.10.07

A Mennulara en Italia

Da recensión deste editor italiano destacamos a cualificación d' A Mennulara como novela coral.
A crítica francesa tamén caracteriza a figura da muller protagonista como serva-padrona; talvez sexa o par de palabras que mellor defina este personaxe.
A recensión sitúa os grupos sociais e insinúa os cambios que se van operando nunha sociedade en transformación, mesmo "dans une Sicile toujours prisonnière de ses traditions".
Opinións moi semellantes -non podía ser menos- son as que aparecen na páxina de ocio do diario Marca.
Segundo a Wikipedia, a novela foi traducida a doce linguas.

A Mennulara. Achegas do mundo francófono

Entrevistan a autora por mor da edición de La tante marquise. Mais o que di sobre esta obra, válenos para a que estamos a ler:





Les résumés, en tête de chapitre, ont le ton d'une déposition.
L'avocate déteint sur la romancière?
S.A.H. Je n'ai jamais écrit que du droit. Dans mes romans, je suis précise et, en même temps, je ne veux pas en dire trop. Il faut un sens de la mesure. En Sicile, les gens parlent peu. Ils pèsent les mots. Les Italiens parlent beaucoup plus.

Reparade en que os encabezamentos dos capítulos non son exclusivos d' A Mennulara, e que non serven só para fornecer o lector dunha síntese do que van tratar; tamén son un recurso técnico da prosa forense.


A Mennulara: versión francesa



Na versión francesa, esta novela que citamos tivo máis éxito ca na lingua orixinal, a xulgar polo número de edicións. Déixovos uns enlaces por se tedes gana de lle botar unha ollada.


Unha reseña de librería: http://www.lianalevi.fr/litterature/330_0.htm. Conta o que xa sabemos cunha sinxela lectura da novela. Así e todo, insiste na dobre visión que se ten do personaxe (visión que se nos dá a través dos outros personaxes, porque a pobre da muller xa está dando malvas). ¿Coinciden todos os personaxes en que a protagonista tiña mal carácter? Iso é o que afirma quen fai a recensión. ¿Concorda con esta afirmación o club de lectores desta novela?


Na mesma páxina de Liana Levi (http://www.lianalevi.fr/auteurs/hornby.htm) atopamos unha pequena biografía de Simonetta Agnello, unha entrevista e unha bibliografía hoxe moi superada.


Na entrevista destacan algúns aspectos de interese para a interpretación da novela: a dobre vida cultural e lingüística da autora, a profesión de avogada (reparade que a novela ten moito de informe).


Abonda por hoxe. Mañá buscaremos máis pistas.


Abur.

8.10.07

Dinamiteiros da fala

Anda un pobre colega adoecido cuns seus pupilos de 13 ou 14 anos. "Teño unha depresión de cabalo... Dunha recua de cabalos", di. O coitado esconxúrase xurando ata en linguas mortas.



-¿E logo?

-¿E logo? Pois mira ti mesmo.

E guíndame unhas follas de exercicios. Pasáralle unha foto ós discípulos e pedíralles, entre outras poucas cousas, que lle inventasen unha posible historia.

A foto (e o texto que a compañaba, pero que escamoteou ós rapazolos) son da autoría de Juan Millás, quen os publicou na revista Mujer Hoy.

O meu pobre colega pensou que, aínda sendo algo macabra a escena -ou precisamente por iso- estimularía a imaxinación dos escolares.

Velaí van a munición e mais os tiros:




¿Que lle podería dicir?

-Home, se cadra isto é ese famoso bilingüismo harmónico do que tanto se fala.

Tamén pensei que a este coitado profesor infiltráronlle na aula uns sicarios de Xasesabequén para demostrarlle que o galego é unha lingua urticante para rapaces novos. Mais coideime ben de non facer o comentario, porque non quería comer os exercicios.

No remate de contas, vai ter razón Mariano R. Cómpre deixarse de morondangas, e veña inglés e tecnoloxía. A ver en que se alicerzan.

Do que xa non me lembro é de se cando eu tiña trece anos redactaba deste xeito. Supoño que non, porque non estaría vivo para contalo.

Ó meu compañeiro e a outros coma el estalles ben empregado o castigo por non seren intelixentes e fuxiren da escola a fume de carozo.

Ánimo, colega. Arriba los corazones.

7.10.07

Cemiterio de elefantes

Anúnciasenos unha nova edición de Cemiterio de elefantes (Fran Alonso). Lembro que non hai moitos anos propuxemos esta lectura no instituto e mesmo viñera o autor para falarnos dela. Non pasaron tantos anos, pero parecen outros tempos. Os grupos de alumnos estaban máis cheos e os participantes facían preguntas.

A nova edición sae actualizada na ortografía e cunha "revisión estilística, que fixa un texto máis definitivo".

Trátase dun mangado de relatos ambientados na noite. Constitúen un retrato da vida noctámbula viguesa entre as doce da noite e as oito da mañá. Esa vén sendo a xornada de estudo dun dos personaxes. E mentres este se encerra, a vida bole por fóra, escura e perigosa.

6.10.07

Rajoy linguaxeiro

Rajoy: ´Garantizaré por ley el uso del castellano en la escuela y la
administración´ (Faro de Vigo, 6-10-07) (...) promoverá "una ley que
garantice el derecho de usar el castellano en la escuela y en las
administraciones".Tras denunciar "el nacionalismo obligatorio y la cultura única
que están arrinconando al castellano".


Ergo o dedo, porque teño que facer unha pregunta:


¿E logo non estaba xa garantido o uso do castelán na escola e mais nas administracións?


¿E logo Rajoy non ten que facer papeleo para decatarse do que se fala nas administracións? ¿Mesmamente en las consejerías?


¿E logo a Constitución non establece certos deberes para co castellano?


¿E logo castellano non acarrexa cultura única?


¿E logo que significa "nacionalismo obligatorio"?


"El nacionalismo obligatorio e la cultura única están arrinconando el castellano", ¿nos Estados Unidos, en Guinea Ecuatorial ou en Filipinas?


Mentres non aclaro as dúbidas, rezo para que se lle ocorra garantir por lei o uso do galego na escola e na administración. Porque este idioma é testán. Non quere prestixiarse. No lo quiere y no lo quiere.


A ver se coa garantía da lei... e a axudiña do Apóstolo e mais de santa Ritiña. E que Deus nos teña da súa man para que non volvan tempos coma os da octavilla.


Tocante ó AVE, ás autovías, ás hipotecas, os minipisos... xa veremos o que opinan os meus tataranetos. Porque o que hai, ven se ve; e do resto, ¿que queredes que vos diga?
(Imaxe da octavilla en http://conjura.bloxus.com/)

3.10.07

Soidades de Ana. Opinións de lectores

Atopo neste foro unha interesante opinión que copio aquí. Reparade no matiz.


SOLITUDS DE L'ANNA Doncs solituds de l'Anna està escrit desde el punt de vista de la germana de "L'Anna" . L'Anna és una noia ke es keda embarassada i es mor x culpa d'una hemorràgia. Sabent això, la germana vol esbrinar tot el ke li va pasar a l'Anna.. mm.. aket llibre vol demostrar ke "prohibir" no és el mateix ke "protegir". A mi em va agradar .. xo .. nse, no és un llibre ke eet faci riure ni re, és un llibre com x coincienciar (s'escriu així ? xD )
Algo moi semellante vémolo nestoutra opinión:

Una novel·la compromesa i directa que denuncia la situació d’aïllament en què es troben els adolescents que han d’acarar un embaràs no desitjat. Un títol recomanat no sols per als joves, sinó també per als adults que encara entenen que prohibició és sinònim de protecció.



¿Como enfoca a novela o tema do fracaso educativo? Se cadra, podemos debater esta cuestión co gallo da lectura da novela.




Confuso

Segundo este xornal
"O 90% dos escolares galegos ten ordenador Setenta e cinco de cada cen posúen MP3 ou MP4 e nove de cada dez usan messenger habitualmente, segundo Audiovisual nas aulas".

Lido o artigo así, de súpeto, veume á cabeza a vella definición de fe deprendida na catequese: "Creer lo que no vemos".

Se acredito no xornal -e non teño por que non facelo- os meus prezados alumnos mentíronme. Se cadra, para que evitar propostas de traballo, agacharon datos nas súas fichas. E se acredito nos meus prezados alumnos -e tampouco non teño por que non facelo- estamos nun instituto depauperado, que non merece estar neste primeiro mundo que nos venden.

E velaí está a miña pobre neurona sen saber a que carta quedar. E canda o desazo que produce a incerteza vénme ó espírito -se é que o teño- o desasosego da sospeita de non ter pedigrí.

Tampouco me convence moito o feito de que haxa máis ordenadores ca móbiles. O outro día lin nun xornal -non lembro cal- que había nas Españas uns oito millóns máis de móbiles ca de habitantes... Mais así e todo, se o din as estatísticas...

No que si acredito é nos índices de lectura. Facendo a operación polo método da vella nin saen a cinco libros por alumno e ano. O que significa que nin sequera se debruzan sobre os libros propostos por eses profes sádicos, maníacos da lectura. E isto si que me cheira a experiencia coñecida.

Se asociamos o permiso para ir de botellón ás lecturas realizadas, teriamos un país abstemio. Salvo esa ducia de ratas lectoras que andarían calcadiños perdidos.