3.10.13

Xesús Fraga, O elefante branco. Cuestionario

Cuestionario para o club de lectura de O elefante branco (de Xesús Fraga).


  1. O elefante branco é un título que se explica na propia novela. ¿Cal é esa explicación?
  2. A novela é unha homenaxe ao escritor Ánxel Fole. Xustificade esta afirmación.
  3. O mago Waldemar ten “espírito de narrador”. ¿Que sigifica isto?
  4. Analizade a voz narradora na novela.
  5. Analizade o tratamento do espazo na novela.
  6. ¿A muralla da cidade produce algún efecto no protagonista ou noutro personaxe?
  7. Na novela menciónanse dous personaxes con tendencia a facer torres no aire. ¿Quen son? ¿Que problemas lle causan á familia?
  8. Na novela hai un personaxe conscientemente caracterizado pola súa fala dialectal. Comentade este aspecto.
  9. A avoa é un personaxe moi interesante. ¿Que características a fan salientable?
  10. Debatede, baseándovos na novela, a importancia dos feitos aparentemente humildes.
  11. ¿Pódese afirmar que O elefante branco é unha novela de formación?
  12. Na novela aparecen varios modelos de vida en parella. Analizádeos e relacionádeos coa época á que se refiren.
  13. Comentade os recursos narrativos máis salientables empregados na novela. Por exemplo: narrador en primeira persoa, uso de cartas persoais, diálogo contrapuntístico, espazo que enmarca a historia etc.
  14. Na novela atopamos polo menos un par de obxectos dotados dun especial simbolismo. ¿Cales son? ¿Que poden significar?
  15. Atopamos na novela varios personaxes que viviron a emigración. Comentade os casos, épocas e características. Reparade na opinión que os propios personaxes teñen sobre o tema.
  16. Analizade o tratamento do tema da guerra. Enfocádeo especialmente dende o punto de vista dos personaxes que sufriron esta experiencia.
  17. Na novela, pais e fillos ocúltanse información. Comentade este aspecto. Podédelo enfocar dende o punto de vista das relacións interxeracionais.
  18. Na literatura é doado atopar a figura da Vella Sabia. ¿Quen desempeña tal función na novela? ¿Un só personaxe? ¿Varios? ¿En que medida?
  19. ¿Podería sacarse desta novela un modelo de educación? ¿Cales serían as súas liñas mestras?
  20. Procurade o anaco do relato titulado “A caixa de habanos” (de Ánxel Fole, Terra brava), lédeo e analizade como se integra n’O elefante branco.

     Deixo este cuestionario coa malévola intención de sempre: que sirva de guía para o coloquio sobre a novela e, se cadra, como base para unha proba avaliable sobre a lectura.

    Outras actividades


Ningún comentario: