Nace a novela nunha noticia de prensa que difunde o falecemento dun octoxenario
nun hospital de Pontevedra. O extraordinario da noticia era que un cuarto dese hospital foi a casa de toda a vida do ancián, que non se podía mover a causa da espiña bífida.
Imaxe: Editorial Galaxia |
Xosé Monteagudo desenvolve as posibilidades narrativas da noticia e crea a Tomás, protagonista inmóbil e non moi autente, que nos devolverá a súa visión d’O curioso mundo das persoas normais.
As persoas normais presentan dúas características básicas: teñen unha vida no mundo exterior e gardan unha postura vertical. A postura horizontal --permanente no protagonista-- converte os normais en pacientes ou en defuntos, se é definitiva. Isto foi o que lle pasou ao doutor Regueiro, que o puxeron definitivamente horizontal por roxo e deixaron a Tomás sen mentor.
O mundo de fóra coñéceo Tomás a través de pacientes e persoal sanitario. Son a súa escola, pois non se nos di que tivese outra. E esa escola aprovéitaa Tomás afinando a técnica de escoitar e a de preguntar, aínda que ás veces digan que “é mellor non preguntar”. As preguntas esixen respostas coidadosas que lle esconxuren o perigo de consecuencias non desexadas, porque as palabras non teñen o mesmo significado para todo o mundo e segundo quen as pronuncie ou escoite poden causarlle encordios na súa precaria pero non infeliz situación. O única que preocupa a Tomás é que o trasladen dese cuarto de hospital onde o tratan, se non con agarimo, si con corrección.
Tomás é un personaxe que fixo da resignación a ferramenta básica para unha supervivencia pasable nun medio hostil, pero do que logra obter a comida, a calor e os coidados necesarios para levar unha vida mellor ca a de moitos seres normais do mundo de fóra. A materia pendente será a do cariño, pero o trato afable dos médicos e enfermeiros será un sucedáneo aceptable. O personaxe creado por Xosé Monteagudo logra converter en normal unha situación irregular, unha pataca quente que non queima a ninguén dos afectados. Tomas sobrevive grazas a boa vontade do persoal hospitalario e a táctica de deixar ir das autoridades.
A novela repasa os momentos máis salientables da historia recente. Comeza cos efectos da guerra civil e da represión (os de máis peso no relato) e remata practicamente nos nosos días. Non hai datas, pero nótase o cambio dos tempos no xorne e nas actitudes de pacientes e persoal sanitario. Ás veces, unha simple palabra “nova” para o eivado (fútbol, automóbil, neveira, avión…) ou novos aparatos chegados ao hospital sérvenlle ao lector para sinalar a etapa da que se está a falar.
O lector non pode deixar de sentir mágoa por este eivado entrañable que se preparou para a morte cunha envexable presenza de ánimo.
Sitiografía
- Xosé Monteagudo, O curioso mundo das persoas normais. Presentación editorial.
- Xosé Monteagudo, O curioso mundo das persoas normais. Blog da Editorial Galaxia.
- O curioso mundo das persoas normais. Axenda AELG.
Xosé Monteagudo, O curioso mundo das persoas normais . Vigo, Galaxia, 2012.
Ningún comentario:
Publicar un comentario