24.10.13

A tixola polo mango

Foto: Teatro do Noroeste
Unha sinxela cociña montada no escenario, música dun tempo “feliz” e uns poucos xogos de luz é todo canto precisa a actriz Luma Gómez para darlle un repaso á situación vivida pola muller nunha época en que tiña como destino ser “reina del hogar y esclava de su marido”.
Ataviada co uniforme de “maruja” (bata de casa, pelo recollido cun diadema rematado nunha esaxerada flor vermella), a protagonista zanfonea polos seus dominios entre tixolas, coitelos e verduras e mentres prepara o estufado do carne de porco vai debullando a situación da muller dunha época xa pasada, pero aínda non superada de todo.
Comeza por deixar sentado que no seu tempo atopar un marido era a condición básica para que unha muller dese a talla. O que viñese despois habería que ilo capeando coas ensinanzas da “escola da santa paciencia”. A experiencia da protagonista revela que, independentemente da súa ideoloxía, o rei da casa practica o mesmo tipo de pedagoxía: “pasa para a casa diante miña”.
Mais a santa paciencia vaise esgotando e o que remata con ela de vez é a consabida historia de cornos. A protagonista pensa friamente a decisión que vai tomar mentres espera a volta do marido, que lle pide que lle poña algo de comer. O resultado é o estufado de “porco” que foron probando os espectadores. No forno da cociña aínda se está a facer a cacheira. A do marido, claro.

Ningún comentario: