16.4.11

...que te voy esmendrellar

Así mesmiño, preciso e contundente, llo estampou nos fociños a alcaldesa de Carballeda  a unha rival política. Cóntanolo o xornal El Mundo (14-04-2011). Aquí non imos discutir se as cousas foron así ou asá. Nin tampouco imos entrar nas cuestións da educación en valores, transversalidade, igualdade, convivencia, urbanidade ou cidadanía. Só nos imos centrar na cuestión da lingua. Se cadra é un bo modelo de bilingüismo cordial, pero preferimos metelo no saco das interferencias.
Vexamos:
a) Aínda que hai bilingües que afirman que as linguas non teñen territorio, estas palabras bonitas pronunciáronse en Carballeda de Valdeorras. Que saibamos non ten "sinónimo" enriquecedor do estilo de Carbajeda de Valledehuerras ou similar. Daquela, dito sexa cos permisos pertinentes, debemos andar por territorio galegofalante.
b) Mais as palabras bonitas foron pronunciadas en castelán, nun lícito e legal exercicio de liberdade.
c) Neste idioma sabemos que a fórmula da perífrase utilizada é: ir+a+infinitivo. Outras linguas, coma a galega ou a francesa, non presentan nesta perífrase a preposición a entre o verbo auxiliar e o auxiliado. É dicir: a nosa doadora constrúe en galego con lastros casteláns.
d) Tocante a esmendrellar é doado atopalo en dicionarios galegos. Resulta plástico e agradable na expresión esmendrellarse de risa. Noutras acepcións non ten chiste ningún. Tamén podemos buscar a palabra nos dicionarios casteláns... coa axuda dun farol.
Feito o comentario, aínda nos quedan un par de preguntiñas no aire. Son ocorrencias que non teñen nada que ver coa lingua:
1. ¿Falar castrapo con estola de pel e outros complementos resulta máis fashion que facelo en "gallego cerrao"?
2. ¿Por que se faría eco deste notición un xornal coma El Mundo?

Imaxe de Actions Lecture.

Ningún comentario: