Antía Otero fala de lingua e poesía con Manuel Vidal Villaverde no Galicia Hoxe (11-04-2011):
Antía Otero ( A Estrada, 1982) é escritora e actriz. Licenciada en Historia da Arte e formada artisticamente na Escola de Teatro Espazo Aberto, conxuga unha formación e produción artística interdisciplinar, onde conflúen a escrita, a arte e a interpretación. Na súa experiencia na creación escénica destaca como traballo máis recente Operatorio, performance teatral creada ao lado de Carlos Neira, e no terreo audiovisual: Tabernario (Toño Chouza), 24 ( Seném Outeiro), As Reliquias do Santo. (Toño López), Dous Fragmentos (Eva) ( Angel Santos), OS ATLÁNTICOS (Beatriz de Monte, Gustavo Balza). Como poeta é autora dos libros O Son da Xordeira e (Retro)visor, e no 2010 acaba de dirixir AMAZONA, a súa primeira curtametraxe de ficción como directora e guionista. Na actualidade dirixe varios obradoiros de escrita e creación artística baixo o nome de O ollo da arte, e imparte a materia de Novos Comportamentos Artísticos na escola de teatro Espazo Aberto. Vicepresidenta da Asociación de Escritores en Lingua Galega e colaboradora con diferentes centros e plataformas culturais do país, mantén a súa páxina web www.antiaotero.com .
Raúl Dans publica Chegamos despois a unha terra gris (Xerais), obra premiada co Álvaro Cunqueiro de teatro:
O dramaturgo fai un "retrato desapiadado dun núcleo familiar en descomposición, en cuxo centro está Helena, esposa e nai, presa da insatisfacción e a amargura, ante o reto de afrontar unha batalla contra o destino mentres todo o seu universo se derruba" (Galicia Hoxe, 11-04-2011).
Agustín Fernández Paz publica Non hai noite tan longa:
Non hai noite tan longa conta o regreso de Gabriel Lamas, un home de 50 anos asentado en París, á vila galega na que naceu. É a primeira vez en trinta anos que pisa a súa terra. Non volveu nin sequera para darlle sepultura ao pai, condenado e encarcerado a finais dos sesenta por un delito que non cometeu. A Galicia coa que se atopa en 2002, tras a morte da súa nai, é moi distinta da que deixara en 1970. O que non cambiou foi a ferida que o arredou dos seus e o levou a Francia, aínda sen estiñar. A mala conciencia segue intacta. “A novela é un axuste de contas coa miña xeración”, explica. “Coa educación que recibimos” (Xornal de Galicia, 12-04-2011).
Tamén é noticia Agustín Fernández Paz pola selección da editorial Dalkey Archive Press:
Agustín Fernández Paz será o primeiro autor galego incluído na Best European Fiction (Mellor narrativa europea) que publica a editorial estadounidense Dalkey Archive Press. Será a terceira entrega desta selección, realizada polo escritor bosníaco Aleksandar Hemon. Fernández Paz aparecerá co conto Esta estraña lucidez, pertencente ao volume O único que queda é amor, libro que xa lle valera ao autor galego o Premio Nacional e que Jonathan Dunne traduciu ao inglés (Galicia Hoxe, 19-04-2011).
Chelo Suárez fala d’ As horas rotas:
Chelo Suárez muda de tema, pero non de xeito de escribir, na súa última novela, As horas rotas, (Sotelo), co que gañou o Premio Loueiro Rey 2010. O lirismo, a rebelión contra a violencia de xénero ou o ronsel da sensualidade conectan este libro cos anteriores da autora, que está agora a traballar nun poemario que dedicará ao poeta Lois Pereiro. As horas rotas indaga no xeito no que a vida das persoas, en especial as mulleres, quedou tronzada polo terror imposto tras o golpe do 36 (Galicia Hoxe, 12-04-2011).
Domingo Villar: A praia dos afogados en inglés:
Con esta nova novela de Villar, a Literatura galega comeza a arrabuñar espazo nos andeis británicos, onde o ano pasado se publicou -con notable éxito de crítica- Os libros arden mal, de Manuel Rivas, con tradución de Jonathan Dunne.Sen dúbida, Rivas é o grande embaixador galego na lingua inglesa -como recolle a páxina do propio Dunne-, xa que boa parte da súa obra recente pode atoparse nas librerías británicas: no 2001, traduciuse O lapis do carpinteiro (tamén a cargo de Dunne), no 2002 ¿Que me queres amor? -co título Vermeer"s Milkmaid and Other Stories-, e no 2003 En salvaxe compaña. Todas estas traducións correron a cargo de Dunne, responsable tamén da antoloxía que, recentemente, lle dedicou a revista Poetry Review á poesía galega contemporánea (Galicia Hoxe, 13-04-2011).
Noticia da tradución ó inglés de A praia dos afogados no Xornal de Galicia (13-04-2011):
“Certamente, que as miñas novelas gusten tanto no estranxeiro é algo que me sorprende, porque son uns textos moi locais, pensei que non as entenderían”, confésase o escritor de 40 anos. “Isto o que demostra é que a literatura non ten barreira de ningún tipo, supoño que é como cando por aquí, en Galicia, lemos a un autor galés, ou siciliano”, conclúe Domingo Villar.
Pilar Pallarés e a súa poesía neste artigo de Miguel Anxo Fernán Vello:
Para quen isto escribe Pilar Pallarés é unha das máis altas voces, sen dúbida, da poesía contemporánea e a súa obra, a lectura da súa obra, é unha porta cognitiva por excelencia que nos permite acceder ao outro lado, ás esferas ocultas da realidade (Galicia Hoxe, 15-04-2011).
Iria Fernández Crespo presenta Flores da Galvana:
A escritora Iria Fernández Crespo (Barcelona, 1982) presentou onte en Compostela a que é a súa estrea na poesía. O seu primeiro libro titúlase Flores da Galvana (Espiral Maior, 2011). “Estes versos teñen cinco ou dez sentidos que se reúnen nun mesmo: a luz do pensamento crítico”, explicou a autora na presentación do seu libro (Xornal de Galicia, 19-04-2011).
Manuel Guede gaña o Dieste de teatro con A función do tequila. A obra pescuda
na peripecia vital da muller que a CIA lle puxo de secretaria a Castelao na súa visita a Nova York en 1938, cando o autor de Sempre en Galiza trataba de lograr apoio económico para a II República. Ela era daquela unha rapaza e chamábase María Docampo. Porén, ao tirar do fío descobre unha figura fascinante: o seu marido, José García Peña Jalisco (Galicia Hoxe, 20-04-2011).
No Xornal de Galicia (20-04-2011): “Manuel Guede faise co Premio Rafael Dieste de textos teatrais”. En La Voz de Galicia (20-04-2011): “Manuel Guede gaña o premio Rafael Dieste de teatro”.
Manuel Lourenzo González, premio Barco de Vapor:
Manuel Lourenzo González, premio Barco de Vapor:
la novela ganadora es «una narración llena de imaginación y fantasía, que destaca por el acertado diseño del mundo en el que transcurre, con el uso de un lenguaje propio que da cuenta de todas sus peculiaridades» (La Voz de Galicia, 20-04-2011).
Noticia do premio no Galicia Hoxe (2104-2011): “Manuel Lourenzo gaña o Barco de Vapor por Mundo ARB”:
O libro é "unha novela de viaxes, sobre a aventura da viaxe, a loita por adaptarse a un medio adverso, a importancia da amizade, e sobre como ter un obxectivo tira para chegar ata o final, malia as dificultades", comentou Lourenzo.
Os protagonistas son tres amigos, moi pequenos, que viven nas pólas dunha árbore, que para eles é un mundo enorme. Emprenden unha viaxe por novas xeografías e paisaxes, na que coñecen outros mundos distintos do seu, "aprenden a valerse por si mesmos, e a respectar e preservar a natureza", salientou o autor.
A noticia en Faro de Vigo (21-04-2011): “una novela, Mundo ARB, sobre la defensa de la naturaleza y el deber de conservarla”.
Etiquetas: narrativa, poesía, teatro, Manuel_Guede, Pilar_Pallarés, Antía_Otero, Raúl_Dans, Chelo_Suárez, Fernández_Paz, Domingo_Villar, Manuel_Lourenzo_González
Ningún comentario:
Publicar un comentario