A secretaria xeral de Igualdade, Marta González, presentou onte en Santiago a II Guía de Literatura Infantil e Xuvenil non Discriminatoria. Unha obra que reúne un total de 50 obras galegas pensadas para xente de entre cero e 18 anos e que busca promover «valores de igualdade» a través das súas historias (ABC, 01-04-2011).
Esta segunda Guía de Literatura Infantil e Xuvenil non Discriminatoria, tenta destacar obras en que as nenas cumpren un papel protagonista activo e senlleiro; sinalar narracións en que tanto as cativas como os cativos se ven liberados dos roles de xénero máis esterotípicos; reflectir textos en que o maltrato e a violencia, en calquera das súas formas, son claramente condenadas ou nos que se establece unha reflexión profunda a partir delas; valorizar os saberes tradicionalmente considerados femininos; impulsar os valores de igualdade, paz e tolerancia a través da literatura; e achegar outras culturas para que se coñeza a situación de nenas e mulleres en ámbitos diferentes ao europeo (FalaRSE, 01-04-2011).
Cando Federica Montseny, unha das figuras máis prestixiosas do movemento libertario, pois a súa vida é en parte a historia mesma do anarquismo ibérico, viaxou por Galicia en decembro de 1935, a expectación creada pola súa presenza era enorme, e non exenta de polémica. Federica aliñábase na corrente máis radical da CNT, que impulsara os movementos insurreccionais de 1933, e era moi crítica coa militancia anarcosindicalista máis moderada (do blog de Trifolium, 31-03-2011).
O volume bota man da fusión de xéneros literarios a través da reflexión, da poesía visual, dos xogos de palabras, da interacción, dos caligramas, da narración, da música, das novas tecnoloxías para conseguir unha proposta poética fresca e divertida (Xornal de Galicia, 02-04-2011).A Federación de Libreiros entregou os premios Irmandade do Libro. No xornal La Voz de Galicia (03-04-2011) atopamos, por mor do evento, unha entrevista con Víctor Freixanes (autor do ano por Cabalo de ouros) e un artigo sobre Diego Ameixeiras (libro do ano por Asasinato no Consello Nacional).
Marga do Val e Víctor Freixanes gañan o premio da Crítica con A cidade sen roupa ao sol e Cabalo de ouros. Noticia destes premios en La Voz de Galicia (10-04-2011)
Quico Cadaval e Cándido Pazó debrúzanse sobre a figura e a obra de Álvaro Cunqueiro.
“Teresa Moure, la mujer de las palabras”, artigo de Consuelo Bautista en El País (03-04-2011).
Xabier P. Docampo reedita O misterio das badaladas e estrea a película A casa da luz:
O libro, unha “novela de pandillas” que depuraba a fórmula do libro programado, prendeu axiña. Inspirábase nunha colección anglosaxoa, coñecida en España como “Elige tu propia aventura”, pero evitando a frustración do lector. Os xogos que puntuan a trama non son imprescindíbeis para chegar ao final. Non hai “Game over”. Daquela, a Lei de Normalización Lingüística disparara a necesidade de textos en lingua galega para a escola e todo estaba por facer. “Escribían Paco Martín, Xoán Babarro e pouco máis”, recorda. “Aínda faltaba un ano para que Agustín Fernández Paz empezase a publicar. O equipo comercial de Vía Láctea traballou duro e puxo a novela en todas as partes. Era difícil atopar un rapaz que non a coñecese. Hoxe, todos eses lectores teñen trinta e pico anos” (Xornal de Galicia, 04-04-2011).María do Carmo Kruckenberg entrevistada en La Voz de Galicia (05-04-2011) por da publicación da súa biografía. Noticia da presentación de Vivir, unha aventura irrepetíbel en Faro de Vigo (05-04-2011). Artigo de Alberto Ramos no Xornal de Galicia (06-04-2011).
Francisco Domínguez Romero (Ferrol, 1939 - Santiago de la Ribera, 2005), Poemas de inverno (Follas Novas):
Na última etapa, á que pertencen estes Poemas de inverno, o poeta frecuentou o medio electrónico. Ao final do libro, tamén se inclúe un apuntamento biográfico (Galicia Hoxe, 06-04-2011).Lupe Gómez publica Diálogos imposibles:
Dialogos imposibles é, en palabras de Lupe Gómez, "poesía e teatro ao mesmo tempo", entre outras razóns porque ela nunca pode abandonar totalmente a poesía, pero tamén "porque me apetecía escribir teatro" e o seu teatro "está influído pola poesía. E viceversa: os dous xéneros vanse mesturando e retroalimentando entre eles" (Galicia Hoxe, 07-04-2011).Eva Veiga publica A frecha azul do teixo:
As persoas que somos -eu digo afortunadamente- de aldea temos seguramente máis ocasión de experimentar nalgún momento a comuñón coa natureza que é, ao meu parecer, o máis semellante a un éxtase; é dicir, un intre de absoluta plenitude. E esta entrega que acontece con certa facilidade cando somos nenos, diminúe segundo nos imos "adulterando". E é mágoa porque significa un vínculo profundo e indestrutible coa vida. Lembro , especialmente, certas tardes de outono: o aire como se movese unha luz de mel, o rumor seco do millo, unha humidade case imperceptible e anunciadora de tormenta; e aquel arrecendo a cocedura de pan nos fornos... E, en efecto, só na poesía podo reencontrarme con esa experiencia, case irresistible, da beleza (Galicia Hoxe, 08-04-2011).Carmen Blanco e Claudio Rodríguez Fer estudan a situación da muller en Vivas en nós. Mulleres represaliadas polo franquismo na Coruña a raíz de 1936:
"Partimos do esforzo personal das mulleres máis conscientes na Segunda República, que foi freado no 1936 para evitar que as mulleres volvesen á vida social, á vida profesional, para volver metelas na casa segundo unha concepción sexista. Por iso se ensañaron tanto coas mulleres cuxa actividade tivera unha dimensión pública: intelectuais, obreiras sindicalistas e sindicadas... As formas de violencia de xénero eran moitas, sendo a violación e máis brutal, pero non esquezamos por exemplo o rapado de cabezas, pois para eles o cabelo era símbolo de femineidade", explicou Fer (Galicia Hoxe, 08-04-2011).Valados, de Agustín Fernández Paz, adaptada ó teatro por Rubén Ruibal e subida ó escenario por Artestudio:
Valados conta a historia de Helena e Xoel. Ambos os dous gozan dunha fermosa vila e dunha gran amizade, até que un vento fantasmagórico lles rouba a ledicia e o amor e desata as diferenzas entre as persoas. Dos prexuízos que agroman –medo ao diferente, desconfianza no veciño– xorde un valado que parte a cidade en dous, deixando a Xoel a un lado e a Helena no outro.Lois Pereiro: Galaxia reedita Náufragos do paradiso:
Música e danza conforman un espectáculo teatral que pretende invitar á reflexión e a esperanza a un público de todas as idades (Xornal de Galicia, 09-04-2011).
Lois Pereiro comezou a escribir Náufragos do paradiso –a súa única novela– a finais da década de 1970, cando acababa de facer vinte anos. Cunha linguaxe que emprega imaxes poéticas, a historia narrada concéntrase na interioridade torturada de Bernal e a súa viaxe á “pálida beleza da morte prematura”. Nun milimetrado puzzle de sentimentos e situacións, o autor mostra a súa extraordinaria e incisiva capacidade de observación como preciso analista da condición humana (Xornal de Galicia, 09-04-2011).Floreano (de Gogue) dános a noticia simpática: vai aparecer en tres dimensións. Aínda que o vemos habitualmente do embigo para a gorra, cómpre recoñecer que é un personaxe moito máis enteiro e asisado ca moitos dos que toman decisións que nos afectan. Mesmo estando algo chispo. E que saibamos, paga sempre o seu chiquito de viño e nin se lle ocorre pórlle tarifa á auga que a natureza dá gratis. Vai un grolo á súa saúde, señor Floreano.
Etiquetas: narrativa, teatro, poesía, Eva_Veiga, Víctor_Freixanes.Xabier_P_Docampo, Lupe_Gómez, Lois_Pereiro, Kruckenberg, Gogue, Floreano
Ningún comentario:
Publicar un comentario