Baixo o título de O tradutor cleptómano, Rinoceronte preséntanos un conxunto de relatos do escritor búlgaro Dezso Kosztolányi.
1.1. O primeiro deles é o que dá título ó conxunto.Cóntanos a vida dun tradutor que, despois de cumprir dous anos de condena por ladrón, atopa traballo por mediación dun amigo nunha editorial. Pero reixéitano porque na súa versión faltan obxectos e xoias nos espazos e nos personaxes e cambia a calidade do material descrito na versión orixinal por outro de menor valor. O amigo do narrador, feito o balance do roubo e ante a imposibilidade de corrixilo, abandónao á súa sorte.
1.2. O narrador de “O revisor búlgaro” maniféstanos que non se debía viaxar a ningún país do que se descoñeza o idioma. Nunha viaxe en tren por Bulgaria, de noite, insomne no corredor, mantén unha conversa co revisor que o toma por concidadán. O narrador non coñece en búlgaro máis de media ducia de palabras, pero enceta unha longuísima conversa que remata ben como puido ter rematado mal. Nin por asomo sabe o que lle contou o revisor, pero sen dúbida era moi interesante.
1.3. “A prodixiosa visita de Krisztina Hrussz” nárranos o enterro da protagonista, cantante de cabaré, e o desconsolo no que se afunde o estudante de medicina Vidor Tass, mozo amante. O tempo non o sanda. Botábaa moito en falta e chamaba por ela... E un día Krisztina volveu. Parecía máis chea e bonita ca antes de morrer. Só volvera do outro mundo por media hora, pero non foron quen de aproveitala. Ós dez minutos xa se aburriran un do outro.
1.4. “A chave” cóntanos o desconsolo do neno Pista Takácss cando descobre unha faceta descoñecida de seu pai. O neno Pista ten que ir a facenda onda seu pai na procura dunha chave. O pai, un oficinista de baixa categoría, trátao con severidade. Pero chega o xefe a facerlle un encargo ó aqueloutrado pai. Mentres agardan, Pista e mais o xefe manteñen unha conversa sobre os estudos. Cando retorna o pai, a situación cambia e trata o fillo con agarimo. O criterio do xefe é máis importante có criterio do pai. Fóra do edificio, o neno chora desconsolado.
1.5. “O bote de motor” conta o degaro de Berci, un empregado de 26 anos con catro fillos (burro e tarouco, na opinión da muller). Devece por un bote de motor. A numerosa familia pasa necesidade, pero iso non lle dá quitado a idea da cabeza. Ascéndeno e logra comprar o bote de motor. A obsesión cumprida faino feliz aínda que ó seu redor se afunda o mundo.
1.6. “O meu tío Geza” é a lembranza dun tío inventor dunha inútil máquina cortadora de pan.
1.7. En “Omelette á Woburn” atopamos a un estudante que volve de París en tren. En Zúrich métese inadvertidamente nun restaurante de luxo. Cea unha minúscula tortilla coa angustia de que non lle vai chegar o diñeiro para pagala. Cando sae do local, chora amargamente o desprezo dos camareiros e a vergoña que pasou.
1.8. “Bandi Cseregdi en París, en 1910” conta a aventura parisina deste rapaz, enviado polo seu tío para que estudase. Dálle un vello manual de francés e unha presada de cartos. Os cartos gástaos todos na primeira noite de troula. O manual só lle serviu para agradecerlle o almorzo á camareira dun seu amigo en París.
Segue en: O tradutor cleptómano (2)
Dezso Kosztolányi, O tradutor cleptómano, Cangas, Rinoceronte, 2008. Tradución de Jairo Dorado Cadilla.
Etiquetas: Dezso_Kosztolányi, Tradutor_cleptómano, narrativa, Jairo_Dorado, Rinoceronte
Ningún comentario:
Publicar un comentario