Noticias de literatura-92
Antón Fortes presenta Á sombra dos anacardios:
Neste  álbum preténdese advertir da alta porcentaxe da poboación infantil  afectada pola sida en Guinea-Bissau. Este país africano é un dos que  rexistra maior subdesenvolvemento de todo o mundo. A mortalidade  infantil, causada por esta desatención en saúde, é moi elevada no país:  de cada mil nados vivos, 105 bebés morren antes de cumprir un ano (Galicia Hoxe, 26-12-2010). 
Noticia da presentación de Á sombra dos anacardios no Xornal de Galicia (26-12-2010):
o  autor presenta "esperanza" nesta obra, contrarrestando figuras escuras  con alusións á morte coa "actitude vital desta poboación", transmitindo  "a capacidade de se felices" destes pequenos.
Paul Auster agasállanos o Nadal en galego con Sunset Park:
Sunset Park,  editado en galego por Galaxia, toma como punto de partida a vida de  Miles Heller, un mozo de vinte e oito anos, que aos vinte desanoou os  lazos que o unían ao mundo que ata entón coñecera; abandonou a  universidade, despediuse con nocturnidade e unha breve nota dos seus  pais, deixou Nova York, e ninguén volveu saber nada del (Xornal de  Galicia, 26-12-2010).
Miroslav Sasek lévanos de viaxe:
Este  autor nado en Praga en 1916 fíxose coñecido polos seus libros de  diferentes cidades de todo o mundo. Aínda que nun comezo, as obras ían  dirixidas aos nenos, moi pronto se converteron en libros para todos os  públicos pola súa orixinalidade en canto aos debuxos e aos textos. El  Patito Editorial recupera estas brillantes creacións do debuxante checo,  un referente dentro dos libros de viaxes destinados tanto aos pequenos  como os grandes lectores (Galicia Hoxe, 27-12-2010). 
Emma Pedreira fala no Xornal de Galicia (27-12-2010) sobre a súa poesía, en especial de Antítese da ruína:
É  unha obra de reflexións sobre a morte, sobre as desaparicións que hai  na vida dos individuos. Aí entran as perdas de familiares, de contornas  físicas e dos seres máis vellos das nosas árbores xenealóxicas. É todo  un proceso sucesivo que vive o ser humano até que acaba por se atopar só  e só consigo mesmo.
Antón Riveiro Coello reedita Homónima (Galaxia):
Homónima volve sobre o escritor Suso Paradela, personaxe de A quinta de Saler e Os ollos de K,  que decide marchar a México, á procura do seu avó, mestre anarquista  que fuxiu da guerra civil á aldea de Tzataplán, e co que comparte nome e  apelidos (Galicia Hoxe, 30-12-2010).
Fernández Naval conversa con Lupe Gómez sobre literatura e, en especial, sobre Bater de sombras (obra gañadora do Fiz Vergara Vilariño):
É  na dialéctica luz-sombra que imos construíndo o ser que somos. Hai  sombras diferentes, unhas están referidas a morte, perdas ou ausencias;  outras teñen un carácter máis existencial, en relación coa íntima  conciencia do que somos; hainas exteriores que nos axexan e condicionan  e, aínda habería outras relacionadas con ese lado escuro que todos temos  e que hai días nos que pretende instalarse en nós (Galicia Hoxe, 31-12-2010).
 
 
 
          
      
 
  
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
Ningún comentario:
Publicar un comentario