8.1.11

Flavio Soriga. Sardinia blues

1. En S’Archittu (Sardeña) aboian tres mozos licenciados universitarios, sen traballo, que van ocupando as horas nas discotecas, bares e nalgún “traballo” delituoso que lles vai solucionando a vida e lles permite, asemade, exercer de “piratas” antisistema.
No momento en que Flavio Soriga nolos presenta están pasando o mal trago dun desengano amoroso. Esta desafortunada historia de amor será o pano de fondo das últimas accións dos tres homes.
Todos tres teñen unha experiencia vital difícil á que se enfrontaron con ansia de superación, malia non teren un futuro esperanzador. Pani, o narrador principal, canga resignadamente coa talasemia. Licheri, que segue a narración cando Pani morre por un asunto de saias, fora drogadicto. Corda considérase un escritor fracasado. Os tres, en definitiva, membros dunha xeración perdida, abafados por unha sociedade hostil, tan illados coma o propio espazo no que habitan.
Para o autor son tres “mozos namorados do mundo e da vida. Tres bandeirantes da esmorga e do tirar para diante como se poida, futuros directores de éxito e presentes malandros de pouco pelo, tres piratas do campidano, amantes de Andy Warhol e dos poetas rock, das noites en branco e das novelas americanas, das aventuras vividas e da necesidade de as soñar sempre de novo”.
2. O espazo en que se moven é simbólico, como ten sinalado Tomás Ruibal. Os tres personaxes coñecen mundo e veñen reencontrarse no lugar onde teñen as raíces. Aman a súa terra, critícana con dureza e deféndena dos tópicos que a acoran nunha imaxe falsa ou xa superada, nin sequera útil para turistas. Segundo  Marco Lauri, a novela de Flavio Soriga presenta unha Sardeña contraposta á das postais e á dos narradores que a describiron como unha colonia exótica para o mercado italiano; nesta novela damos cunha “Sardeña globalizada, posmoderna e tristemente discotequeira, na que discoteca é a ‘gaiola eléctrica dos monos’ e os pastores e mais os bandidos son  homosexuais en conflito cos fillos”. Un país, en definitiva, que non ten nada que ver coa imaxe tradicional que del se dá.
3. Os tres mozos viven á marxe da sociedade. Considéranse “piratas” e manifestan o seu desprezo polo sistema social con pequenos delitos que resultan aparatosos pero que non causan vítimas. Esta actividade delituosa tamén lles serve de entretemento mentres agardan polo seu primeiro traballo, que non saben cando chegará.
Marco Lauri, xa citado, apunta que o protagonismo non reside nos personaxes senón na “ansia de vivir”. E tamèn na “sardidade”.
Estes, e mais outros aspectos xerais, son analizados polo miúdo por Imaculada Otero Varela, que conclúe que estamos diante “dunha obra que nos ofrece un thriller, un retrato xeracional, unha reflexión social e, seguramente, histórica, unha novela “étnica”, unha novela sobre a globalización, un exercicio de esforzo estilístico, unha comedia, e, o que é mellor, un divertido e heteroxéneo alargamento dos nosos horizontes cara outras realidades que, á fin, non nos resultan alleas”.

4. Sitiografía


Flavio Soriga, Sardinia blues, Vigo, Galaxia, 2008.

Ningún comentario: