21.1.11

Dezso Kosztolányi. O tradutor cleptómano (2)

Vén de: O tradutor cleptómano (1).

2. Neste conxunto de relatos atopamos unha voz narradora en primeira (predominante) e terceira persoas. Mais en ambos os dous casos o xogo proximidade/afastamento do narrado semella o mesmo; se cadra debido a esa especie de conivencia que se establece co lector que, sexa singular ou plural, sente coma se o relato se lle estivese contando en exclusiva:
-”Vostedes, que se dedican a escribir, saben que todo depende das palabras” (p. 10).
-”Isto, téñovolo que contar” (p. 19); “Tedes que recoñecer que xa desde o primeiro momento a miña actuación foi segura e certeira” (p. 21).
Ás veces, o narrador deixa o singular para meterse no grupo plural que inclúa o lector:
-”Pois iso me atrevo a dicir que (...). Para obtermos a verdadeira felicidade non precisamos moito: unha boa obsesión e un bo bote de motor” (p. 61).
En todos os casos, o lector percibe a través dos narradores o espírito crítico de Kosztolányi coa súa patria, pola que sente un orgulloso amor que non lle impide recoñecer a pobreza. Un exemplo especial, porque o personaxe do que fala vén sendo o alter ego do autor: “Kornél Esti regresaba dende París á súa casa despois do seu ano lectivo. Porén, nada máis subir ao seu compartimento de terceira, ‘o vagón húngaro’, bateulle no nariz o coñecido e familiar fedor da miseria da súa pobre patria, e sentiuse coma na casa” (p. 77).
3. A frecuencia e importancia que se lle dá ó tema da  lingua nos relatos que estamos a ler non debe resultar estraña, dado que Kosztolányi foi poeta, narrador e tradutor. Nesta escolma atopámolo en “Bandi Cseregdi en París”, en “O revisor búgaro” e, como tema central, en “Gallus, o tradutor”. Non é este o único relato de Kosztolányi que dá pé a pensar nos aspectos psicolóxicos da tradución, no estado de ánimo do tradutor cando elabora o seu traballo. O noso tradutor Gallus, cleptómano (estivera no cárcere por ladrón; velaí a importancia das palabras), segue a ser cleptómano tamén cando traduce. Para Marie Vrinat-Nikolov “esta situación, inventada por necesidades da ficción e para crear comicidade, ilustra mellor que calquera comentario ata que punto o tradutor-é-en-tradución o que é existencialmente”.
O resto dos personaxes que se moven nos relatos de Kosztolányi tampouco non escapan á súa ollada psicográfica; cómpre ter en conta que o autor estivo influenciado polas teorías freudianas, aínda que tamén fose crítico con elas.
4. En xeral, a crítica coincide en sinalar como trazos característicos de Dezso Kosztolányi a súa mestría como contador de historias, a súa actitude de testemuña impasible da sociedade do seu tempo, o seu carácter divertido e irónico, ás veces un punto cáustico e burlón pero sempre divertido. O mundo e os personaxes que nos presenta non son brancos ou negros, teñen múltiples facetas, son, á vez, tráxicos e cómicos.

5. Sitiografía


Dezso Kosztolányi, O tradutor cleptómano, Cangas, Rinoceronte, 2008. Tradución de Jairo Dorado Cadilla.

Ningún comentario: