2.5.10

Prefiero Dios a Deus

Leo a entrevista que lle fan La Voz de Galicia (2-5-10) ó reverendo Plácido Vázquez Peña por mor das súas vodas de ouro sacerdotais.
Parabéns. Que a sorte lle sexa propicia e que Deus o teña da súa man, coma o resto da xente. É o meu desexo felicitalo novamente nas vindeiras vodas sacerdotais. Deus o queira.
Non coñezo persoalmente o reverendo Plácido Vázquez, pero quen lea a entrevista adiviñará un home sensato, deses que un levaría no seu carro á misa. Por iso me estraña este anaco da entrevista no que lle preguntan pola lingua:
-¿Más en castellano o en gallego?
-En castellano, pero también la pronuncio entera en gallego. Aunque hay una palabra que me hace daño. Prefiero Dios a Deus, pero uso las dos cuando digo la misa en gallego. Creo que es por una influencia del portugués.
Teño para min que don Plácido non dixo isto, pero é o que está escrito no xornal que se cita. Aínda así, non sería unha actitude diferente á que maioritariamente mantén a Igrexa en Galicia. Bastante sorte temos que non considere o uso do idioma do país un pecado. (Alguén haberá, pero non nos consta.) Lembremos que don Plácido foi discípulo de López Ortiz, un bispo da diocese de Tui-Vigo que consideraba o galego na liturxia como cousa pouco seria. Polo menos este noso veterano sacerdote di algunha misa en galego, aínda que sexa a contragusto. E quitado o nome de El-Señor, que é bilingüe nas misas en galego, supomos que o resto da cerimonia será monolingüe neste idioma. Supómolo. (Neste lerio do bilingüismo cordial eclesiástico teño visto cousas de escarramelar os ollos. A máis simpática e ridícula vivina nunha igrexa de Monforte: comezabas un rezo nun idioma e rematabas noutro. Todo adobado pola sacrosanta vontade do sancristán, que semellaba dirixir a cerimonia axudado polo cura.)
En fin... Quen estea limpo de prexuízos lingüísticos que zorregue o primeiro cantazo. Cómpre sinalar que as ovellas teñen os mesmos prexuízos, quizais acrecentados polo carácter supersticioso: o que se entende resulta menos esotérico. Pero no pastor esperamos máis sentidiño. ¿En que supera Dios a Deus? Teñen as mesmas sílabas, e a segunda forma resulta cuspidiña ó nome en latín, que segue a ser a lingua oficial da Igrexa. Tampouco vexo motivos para ter unha fe acendida en Dios e ser medio ateo cando se trata de Deus.
Que Deus -se pode- ampare o galego. Tocante á Igrexa (galega) non debería comportarse coma os políticos que nos gobernan. Ten moitos motivos para facer xustamente o contrario. Pero a Igrexa, coma os políticos que nos gobernan, non fai exame de conciencia.

Deixémonos de lerias. Parabéns de novo, don Plácido. E lembre que Deus non é malo... nin sequera en galego.

Ningún comentario: