18.4.10

Noticias de literatura-78

Antonio Campos Romay presenta A ollada melancólica, un conxunto de 21 relatos:
Cun estilo directo e unha prosa contundente, apegada á realidade cotiá, Campos Romay rememora "unha época triste, de xente triste e sen horizontes, nun suburbio dunha cidade galega. Xentes que non terían espertado o interese de ninguén, por iso eu pensei, máis que en escribir relatos, en fotografar aquelas persoas, no papel. Desde a nostalxia, a melancolía de que non puido ser doutro xeito. Daquel tempo de odio a quen roubara a liberdade... Dunha época na que, se Goya volvese vivir, tería pintado as súas pinturas negras...", explicou o autor (Galicia Hoxe, 10-4-10).
Luz Pozo Garza, premio Irmandade do Libro:
Luz Pozo, unha das escritoras máis importantes da literatura galega do século XX, naceu en 1922 en Ribadeo. Os seus primeiros anos pasounos en Viveiro até a chegada da Guerra Civil. Na contenda, o seu pai foi detido e encarcerado. Nesa situación, a súa familia trasládase a vivir a Marrocos. Ao final do enfrontamento, a familia regresa a Galicia. Estas vivencias inflúen de forma considerable na vida e na obra de Luz Pozo. A pesar de que os seus comezos literarios foron en castelán, Luz Pozo comezou a escribir en galego en 1952 coa súa obra Ou paxaro na boca. Entre as súas obras, destacan Verbas derradeiras (1976), Concerto de Outono (1981) ou Códice Calixtino (1986) (Xornal de Galicia, 11-4-10).
Iván García Campos gaña o Blanco-Amor de novela:
“É unha novela cando menos, estraña” di o escritor Iván García Campos de Imposible de Desatar, a novela coa que gañou o Premio Blanco Amor deste ano. Explica que “parte dun tipo de narración diferente ao que adoita ser habitual, na que se xoga co lector mediante os tempos narrativos e o silencio, un recurso importante que se converte nun protagonista máis, nun elemento básico para o desenvolvemento e a comprensión do texto” (Xornal de Galicia, 11-4-10).

En Vieiros:
O xurado valorou “a coherencia e o equilibrio entre a forma e o fondo, e o retrato da cara oculta da sociedade actual, dos conflitos persoais, da soidade e incomunicación, a través de personaxes cargadas de humanidade”. Ademais, na súa acta subliñan o “carácter innovador” do autor no tocante ao estilo e ás técnicas narrativas”.

N' A Nosa Terra sinálase que "a novela premiada conta a historia dunha familia contemporánea chea de contradicións nos que cada membro se desdobra en distintas personaxes creando unha interesante trama narrativa".

No Galicia Hoxe (12-4-10) saliéntase, entre outras cousas:
incomunicación na sociedade actual, os heroes anónimos aos que ninguén olla fóra do seu círculo inmediato, a situación actual do mundo laboral ou o tránsito da familia tradicional aos novos tipos de familia son algúns dos temas que aborda Imposible de Desatar
Emma Pedreira publica Xoguetes póstumos:
Son póstumos porque foron escritos tras ese momento no que dixen «ata aquí». Propúxenme deixalo, pero non puiden evitar seguir escribindo poemas soltos que recolle este libro. Xoguetes refírese a que sigo a xogar coas palabras (La Voz de Galicia, 16-4-10).
Premios da Crítica. Noticias no Galicia Hoxe e mais no Xornal de Galicia.

Imaxes de: Galicia Hoxe (Campos Romay), Xornal de Galicia (Iván García Campos), La Voz de Galicia (Emma Pedreira).

Ningún comentario: