7.4.10

O lobishome de Candeán

0. As citas de Álvaro de Campos (heterónimo de Pessoa) que a autora coloca ó longo da obra sérvenlle ó lector para establecer as tres partes estruturais da novela.
As citas do poeta portugués parecen escolleitas pensando no desenvolvemento do personaxe do lobishome: a memoria insomne, o cadáver do propio pasado, a esperanza invisible. Velaí a evolución dun individuo consciente de que vive unha vida que lle resulta allea e sobre a que non ten ningún control.
1.1. Na primeira parte da novela (capítulos 1-11) dásenos noticia da morte de Elvira baixo as gadoupas dun lobishome, da aparición do cadáver e do seu enterro. Preséntansenos tamén nesta primeira parte os personaxes que atoparemos ó longo da historia cos seus trazos definitorios: Elvira, a vítima adolescente; Silvia, a súa amiga, por quen sabemos dos hábitos da mocidade, como os excesos co alcol e a chegada tarde á casa cos problemas que isto xera no seo familiar; Berto, irmán de Elvira, que vive absorto no seu mundo de videoxogos; Puri, señora da súa casa e escrava da familia e do bar. Aparecen tamén, entre outros, o policía e mais Balbina, a misteriosa muller do pano negro. No enterro xúntase a parroquia e xorde como un xuíz colectivo.
1.2. Na segunda parte (capítulos 12-29) desenvólvense as pescudas e vanse decantando as actitudes dos personaxes. A noite gaña presenza e os escenarios tórnanse máis concretos: adro, cemiterio e monte, en exteriores; cuartos (de Berto, de Sali, do lobo...), en interiores.
Algúns personaxes pasan a primeira liña, nomeadamente o de Balbina, que sabe "escoitar por debaixo das palabras" (p. 96). As pescudas rematan coa detención do lobishome na súa propia casa.
1.3. A terceira parte (capítulos 30-31) funciona como colofón: as augas van volvendo ó rego da "cruel normalidade", salvo excepcións. Bieito segue a súa particular procura do lobo, malia haber xa un detido. Celia, a nai de Elvira, seguirá coa súa vida en soidade.
2. O peso da novela recae na construción dos personaxes. De entre eles, este lector salientaría o lobishome e Balbina. Son dous tipos de personaxes que gozan de tradición nas nosas letras.
O lobishome que temos aquí, malia ser un perigoso criminal, presenta máis a fasquía dun enfermo ca a dun malvado. Semella máis culpable por abandonar a medicación (¿perrencha de adolescente?) que polo crime cometido. Resulta curiosa a compaixón que esperta nos seus perseguidores: Balbina vai visitalo ó cárcere e lévalle algún presente.
Este último personaxe, de idade indefinida, reúne os trazos da vella sabia e da meiga. Mesmo encabeza o mostrario de bechos raros para os seus parroquianos: "Os cativos inventaron a historia de que esa muller é en realidade unha bruxa que sae de noite a chucharlles o sangue aos bebés" (p. 129). Os veciños prefiren evitar a esta muller solitaria que, por outra parte, sabe vivir en paz consigo mesma.

3. Fálase da novela en:
  1. La Voz de Galicia, que a presenta como unha novela de terror.
  2. O blog da Editorial Galaxia, que nos sinala outras fontes críticas.
  3. Héitor Mera, en Vieiros, considera que "O feito de prestarlle tanta atención os personaxes quítalle moito ritmo narrativo á noveliña".
  4. Fervenzas literarias coloca a obra na sección "O mellor do 2009".


Paula Carballeira, O lobishome de Candeán, Vigo, Galaxia, 2009.

1 comentario:

Anónimo dixo...

Estou de acordo con que o mellor é a construción de certos personaxes como o de Balbina e o pouso de sentimentos ou sensacións inacabadas que deixa entrever. Sinxelo pero entretido.
Parabéns polo blogue.
Cruz
http://enlprimeirodemarzo.blogspot.com