3.4.10

Noticias de literatura-77

Luís Seoane: A investigadora Charo Portela achégase á figura e á obra desta inmensa figura das nosas artes e das nosas letras:
“Para Luis Seoane, o Medievo era unha época a imitar”, asegura Charo Portela, autora de Luis
Seoane e a Galicia Medieval, unha monografía que presentou onte na Universidade de Santiago. Nos textos do Seoane escritor e nos lenzos do Seoane pintor asomou a Idade Media de xeito constante durante toda a súa vida, vista “como unha época de esplendor e riqueza, de gran nivel cultural e na que o pobo, grazas a feitos como as revoltas irmandiñas, foi o protagonista da Historia”, di Portela (Xornal de Galicia, 10-3-10).
Agustín Fernández Paz fala con Vanesa Oliveira no Galicia Hoxe (13-3-10):
É evidente que se a lingua na que escribimos se alcuma de imposta, de inútil, de atrasada, de limitadora, é obvio que calquera ofensa á lingua e calquera retroceso na sociedade no ámbito lingüístico é unha ferida que nos chega ós escritores, que á fin e ó cabo, traballamos coa lingua. Non podemos doutro xeito que ver con preocupación o panorama actual. Escribir en galego sempre supuxo escribir contra as circunstancias adversas. Nese aspecto, Rosalía é un exemplo importante porque escribiu os seus libros nunhas condicións difíciles. O certo é que o panorama sociolingüístico que tiñamos había atrancos pero daba a sensación de que se avanzaba. Pero dende hai un ano, temos a sensación e a certeza de que hai unha vontade de limitar a presenza social da lingua.
Antonio López Ferreiro: lembranza da súa obra e figura no centenario do seu pasamento. O concello de Vedra prepara actos para dignificar a figura do polígrafo.
O último canto, na lista White Ravens 2010:
O último canto (editado en galego, español e, en breve, en portugués, inglés, francés e italiano) enfronta dun xeito entrañable e natural a morte, un concepto difícil de comprender para os nenos e de explicar para os adultos. No libro, Pablo Albo trata de explicar as diferentes etapas afectivas que se experimentan tras a perda dun ser querido: o dó, a aceptación, e finalmente, o recordo (Galicia Hoxe, 20-3-10).
A casa da luz de Xavier P. Docampo, ó cine:
Esta novela conta a vida de Alicia, unha rapaza trastísima á que, ao parecer, todo lle vén do seu ingobernable desexo de saber, de coñecer e de experimentar (Xornal de Galicia, 27-3-10).
Fernández Naval gaña o Premio de Poesía Fiz Vergara Vilariño con Bater de sombras:
Bater de sombras marca, segundo subliña o autor nunha conversa telefónica, un cambio no foco da súa poesía: el sempre escribira desde a perspectiva da luz e neste libro esculca un ámbito contrario. "A sombra é algo que convive connosco", asegura, "dentro de nós, e aínda que combatemos contra ela cada día, hai días nos que a sombra aflora. Desta vez, quixen vivir mirándolle aos ollos" (Galicia Hoxe, 28-3-10).
O Xornal de Galicia salienta:
O ourensán Francisco Fernández Naval foi escollido onte como gañador da X edición do Premio de Poesía Fiz Vergara Vilariño, co seu libro Bater de sombras, que nace "do desexo de examinar esa parte tenebrosa do ser humano", en palabras do propio autor.
O león Kandinga, de Boniface Ofogo (Kalandraka), premio CJ Picture Awards:
O protagonista desta fábula é un rei -enfermo, vello e abandonado- vido a menos pola súa crueldade. O egoísmo e a avaricia son malos compañeiros de viaxe, non só para os animais salvaxes, senón tamén para as persoas...
Boniface Ofogo propón unha reflexión sobre o comportamento humano e pon a experiencia do seu pobo natal ao servizo dos lectores para que aprendan esta moralexa: "Se tes moito, é bo compartir cos que non teñen nada". Elisa Arguilé acompaña o texto cunhas ilustracións de estilo primitivo que destacan pola súa forza expresiva e os contrastes de cor (Galicia Hoxe, 30-3-10).
O Café Bar 13 segue adiante coa colección O Lapis do Taberneiro:
«A pretensión de todo isto non é comercial, senón realzar o aspecto comunitario arredor dunha taberna nun barrio de Compostela», di Santiago acerca desde «fenómeno de literatura marxinal».
«Eu xa fago pequenas tolerías deste tipo, non é nada incoherente na miña traxectoria. Gústame facer cousas con máis valor social que mercantil», explica Carlos Santiago (La Voz de Galicia, 2-4-10).
Teatro de Cámara Ditea cumpre cincuenta anos:
“Alimentámonos do teatro, porque gozamos co que facemos, e alá onde imos, coas butacas cheas ou baleiras, notamos que o público comparte esa diversión con nós”, afirma Alberto Álvarez Escudero, o actual director da compañía. Ditea (Difusión do Teatro) naceu en 1960 por iniciativa dun dos pioneiros da arte dramática en galego, Agustín Magán, e ten no seu haber máis de 80 espectáculos, realizados por máis de 300 persoas ao longo deste medio século, entre as que se atopan actores como Xosé Manuel Olveira Pico, Mela Casal, Luis Zahera ou Xan Casas (Xornal de Galicia, 32-4-10).

Imaxes de: Xornal de Galicia, Galicia Hoxe, La Voz de Galicia.

Ningún comentario: