Fernán Vello publica en italiano Dizionario del trasalimento (editore Sentieri Meridiani):
Dizionario del trasalimento naceu co obxectivo de converterse nunha obra que pretende ir ampliando nos próximos anos con entradas novas nunha especie de poemario interminable. "A miña empresa actual é lograr que a poesía aumente a realidade e que o poema provoque, como dicía Borges, unha reacción física", asegura Fernán Vello (Galicia Hoxe, 2-1-2011).
Bernardino Graña fala no Xornal de Galicia (3-1-2011) por mor da publicación da escolma que recolle medio século de poesía:
O percorrido poético que realiza Miro Villar iníciase en 1958, ano no que Graña publica co Brais Pinto a obra Poema do home que quixo vivir. A partir de alí, xurdiron unha serie de títulos nos que Bernardino Graña amosou a súa sensibilidade artística e o seu interese poético polo mar. “En Bernardino Graña hai moita presenza do mar. Realmente é o poeta da mar e ten un punto de vista atlántico, unha perspectiva mariñeira. El fala da xente do mar, do mariñeiro común, de todo ese mundo. O seu uso lingüístico está cheo de termos do mar”, resume o propio Villar, quen tamén di que na escolma “están presentes poemas do mar, pero tamén outros de carácter amoroso”.
Marga do Val fala con Lupe Gómez por mor da publicación do poemario A cidade sen roupa ao sol:
No novo libro de Marga do Val atopamos moita frescura, orixinalidade e forza. A autora pón as palabras a clareo para que recuperen a súa integridade, o seu compromiso, a súa orixe (Galicia Hoxe, 7-1-2011).Os fíos, de Xurxo Sierra, recomendada polo Xornal de Galicia (8-1-2011):
Antón, Lidia e Chano: tres historias que camiñan pola fronteira do cotián e do absurdo, enfiadas por Xurxo Sierra con intelixencia e saber facer narrativo. Unha historia de vidas cruzadas na que o destino dos personaxes introduce un plus de intriga que engaiola e sorprende ao lector.Xurxo Sierra Veloso acaba de publicar Os fíos. Entrevista no Galicia Hoxe (10-1-2011):
O galego, por moitos anos de autonomía e outras lerias que levemos, segue a ser, cada vez máis, un territorio tristemente reservado á militancia, ao compromiso lingüístico, sempre desinteresado e ruinoso. Quen o queira mesturar con liortas ideolóxicas vai moi enganado. E quen pense que se lle pode tirar beneficio á cuestión sociolingüística está moi preto de ser un parvo, por moito que queira adornar os seus argumentos con citas de John Stuart Mill.Isidro Novo publica Cabalos do demo e outros invertebrados:
"Aquela xente tola ou revirada, marxinal ou anormal dentro da nosa sociedade, xente un pouco fóra de xogo, "outsider", é a que me parece máis interesante porque non resposta ao que ti esperas". Os personaxes extraordinarios protagonizan Cabalos do demo e outros invertebrados, o último libro de relatos do lugués Isidro Novo (Galicia hoxe, 12-1-2011).Herta Müller, Randea do alento. Crítica de Xesús González Gómez:
Randea do alento propón unha cousa tan difícil como é un mergullamento no universo terríbel dos campos soviéticos, a través dun narrador, Leo Auberg (que pode ser Oskar Pastior, mais tamén pode ser calquera mozo romanés, de orixe alemá), de 17 anos. Leo, Leopold, abandona a Transilvania cunha vella maleta na que, ademais de algo de roupa e outros obxectos, introduce catro libros: un Fausto, un Zaratustra, unha escolma de Weinheber, e unha antoloxía: Oito séculos de poesía. ("Nós non estiveramos en guerra ningunha, mais para os rusos, por sermos alemáns, eramos culpábeis dos crimes de Hitler".) Mais estas pertenzas, das que o narrador entrega unha lista polo miúdo, non estáran moito tempo no seu poder. Dunha ou outra maneira, o mozo liberarase delas. No campo, 50 follas do Zaratrustra valen unha "medida de sal", e se entrega 60, unha "medida de azucre". Pouco e pouco, outros obxectos e outras cousas encherán a súa vida: sobre todo, o Anxo da Fame (A Nosa Terra, 12-1-2011).Asun Estévez presenta Noites, amenceres... e algo máis:
Nesta obra amosa unha evolución cara a unha poesía máis social, máis preocupada polo que pasa ao seu arredor, aínda que tamén volve sobre a súa propia experiencia coa escrita. "Gústame o infinito, ter o horizonte amplo, deixar atrás os zapatos que me apertan. Porque sei que así, todo acabará sendo posible", asegura a poeta (Galicia Hoxe, 15-1-2010).Publica Faro de Vigo un interesante artigo sobre novidades literarias 2011. Cítanos obras españolas, hispanoamericas e internacionais. Curiosamente -o no- en galego no te tenemos novedades.
Ningún comentario:
Publicar un comentario