A publicación de Ir Indo trátase en realidade dunha segunda edición dez anos posterior á primeira, secuestrada polo editor que a encargou: o Banco del Noroeste. Dez anos máis de hipoteca da memoria histórica do galeguista e outro trago amargo máis para o biógrafo.
Encabeza Álvarez Blázquez o seu traballo con tres citas que poderían considerarse como os tres pés nos que alicerzar a figura de Bóveda: o espertar da conciencia, a vida vivida segundo esa conciencia e o significado histórico do personaxe. Destacamos a primeira das citas, referida por Xosé Sesto López:
Eu estaba sentado á beira do meu pai, sentados os dous na soleira dunhas obras. Meu pai lía un xornal. Alguén pasou e rosmou: “Que tempos: agora hastra os obreiros len o periódico”. Si, alí comezou a miña vida política.
Eran aínda tempos en que, segundo algún político, “no necesitamos gente que lea, sino bueyes que aren”. Bóveda tiña intelixencia e posibilidades para facerse político desta caste. Mais a conciencia levouno polo camiño do compromiso co país e a súa xente: “Galicia, o home galego, estaban inxustamente arrumbados nas cunetas do progreso, aferrollados, aldraxados, esquecidos. Ou, o que aída era máis triste, lembrados soamente á hora da explotación e do sacrificio” (p. 36). Pagouno coa vida.
Álvarez Blázquez amósanos o Bóveda que el coñeceu persoalmente. Por iso avisa, con lealdade, ó lector:
Fun amigo de Bóveda, máis que curmán, porque unha mutua corrente de simpatía nos ligou. Sabía eu da súa dimensión política, pero moito máis souben da súa humanidade. Ao longo destas liñas, que escribín con devoción e mágoa, cecais non me fose posíbel en moitos casos acadar a ríspeta obxectividade do historiador imparcial. confésoo e sinto orgullo de dicilo: son parcial de Bóveda, é dicir, comparto o seu pensamento e a súa conduta. Foi baixo desta óptica que aceptei o encargo de escribir a súa biografía. Pero esta parcialidade non impide que nas informacións e xuízos que aquí se verquen siga eu honestamente o recto camiño da verdade. Non facelo así sería tanto como traizoar a aquela vida exemplar e traizoarme a min mesmo (p. 15).
O percorrido biográfico que se nos ofrece incide nestes trazos da personalidade do persoeiro que se manteñen constantes ó longo da súa curta vida: conciencia, compromiso, preparación intelectual e vontade de servizo a Galicia: “O futuro dista é o único que interesa” (do diario político, p. 76). A par do compromiso social, cómpre salientar a súa valoración do civismo, como deixou patente no comportamento observado nos primeiros días do alzamento (cfr. p. 159).
(Imaxes: capas da edición que se cita e mais da secuestrada.)
Ningún comentario:
Publicar un comentario