27.6.17

Sherwood Anderson. O triunfo do ovo

Imaxe: O triunfo do ovo / Irmás Cartoné
O triunfo do ovo é, segundo o seu autor Sherwood Anderson, “un libro de impresións sobre a vida americana”. Recolle 15 narracións, de extensión variada, precedidas da teoría pola que se rexen os relatos do autor. Os contos son os seguintes:
  1. “O mudo”. Conta en primeira persoa unha escena que ocorre nunha vivenda coma se fose unha película muda. O narrador non sabe o que ocorre porque non ten palabras para expresalo.
  2. “Quero saber por que”. Un rapaz afeccionado aos cabalos admira a un adestrador, a quen considera un pai para el. Pero dende o momento en que o ve entrar nun bordel de mala morte e bicar a unha muller que ten parecido cun cabalo que coñece só sente desprezo por ese home e non sabe por que o despreza.
  3. “Sementes”. Un pintor afeccionado á psicanálise tenta recuperar a saúde e superar o esgotamento. Cóntalle ao narrador (que nolo transmite en primeira persoa) o caso da muller que necesitaba ser curada. O pintor cre que o abafan plantas rubideiras, “sementes sementadas por mortos… agroman na miña alma e afóganme”. Anda na procura da purificación.
  4. “A outra muller”. Cóntanos un poeta novo que vai casar coa súa prometida, pero outra muller ocúpalle o pensamento. Espera que cando case a outra lle desapareza da mente.
  5. “O ovo”. A obsesión polo progreso dunha familia que quere mellorar criando pitas acaba por se converter en obsesión persoal polos ovos que se transmite de pai a fillo. (Quizais sexa este relato o que mellor transmite a filosofía da vida do americano).
  6. “Lámpadas apagadas”. O doutor Cochren comunícalle á filla Mary que padece do corazón e que pode morrer en calquera momento. A preocupación do pai é que vai ser da filla cando el falte. A filla vai lembrando a vida sen nai, a pouca comunicación co pai, os afectos non manifestados, as murmuracións sobre a desaparición da nai… O doutor caeu morto polas escaleiras da casa despois de vir de atender un parto. Unha vida que comeza e outra que se apaga no mesmo acto.
  7. “Senilidade”. Comeza o relato en terceira persoa, pero case que todo el descansa na voz dun vello --casado en segundas nupcias cunha muller moito máis nova-- que salmodia a súa vida a un viandante que pasou por onde se atopaba.
  8. “O home do abrigo marrón”. O historiador escribe moitísimo sobre grandes homes, pero é incapaz de comunicarse con quen ten máis cerca: a súa muller. Se cadra, algún día…
  9. “Irmáns”. O narrador, nos seus paseos polo campo, tropeza cun vello tolitates que considera da familia canto personaxe aparece nos periódicos, mesmo a un home que matou a muller sen saber por que. Este velliño tolo que pasea cun can no colo e que devece por falar co narrador concentra en si “a historia toda da soidade do ser humano”.
  10. “A trapela”. O profesor de matemáticas, casado e pai de tres fillos, leva unha vida anódina. Ten dúas criadas na casa e vive despreocupado e sen paixón. Entre os seus alumnos aparece Mary Cochran (a rapaza do conto “Lámpadas apagadas”); convídaa á súa casa e a vida dos habitantes cobra outro aire. A relación da Mary coa familia rematou de forma brusca. O profesor sentiuse feliz porque el non sería o culpable de que aquela muller vivise na prisión en que se convertera a súa casa e a súa vida.
  11. “A moza de Nova Inglaterra”. Os Leanders son unha familia de granxeiros pobres. Os fillos, coma o resto dos veciños varóns, van marchando cara ao oeste ou cara a Nova York. Os vellos Leanders e a súa filla Elsie deciden marchar á casa do seu fillo Tom, que casara e progresara. Na nova casa, Elsie seguía sentíndose coma un paxaro prisioneiro ata que a “treboada que se estaba formando no seu interior” escachou.
  12. “Guerra”. No grupo de refuxiados, unha muller polaca resísteselle ás indicacións do mando alemán: só queren que a deixen en paz. Prodúcese un estraño cambio de almas que comporta un cambio de papeis: agora o alemán resístese a camiñar cara  a onde ela lle manda.
  13. “Maternidade”. Unha moza, traballadora dunha granxa, ten amores cun mozo labrador. Medran. Vense ás escondidas. Ela queda embarazada. Vai ter un neno. A historia, inzada de lirismo, remata cando vai chegar o parto.
  14. “De ningures a nada”. Unha moza de 27 anos regresa de Chicago á aldea doss pais para falar de algo con eles. Había seis anos que vivía en Chicago. Os ruídos da grande cidade non lle impedían durmir, ao contrario dos pequenos ruídos da tranquila casa paterna, que non lle deixaban pegar ollo pola noite ao tempo que se estaba facendo muller. O día na casa paterna estaba regulado por pequenos xestos e remataba cando seu pai lle daba corda ao reloxo antes de se deitar a durmir. No barullo da cidade de Chicago, Rosalind madura: le libros, escoita e fala con xente interesante, asiste a concertos e participa no teatro amador. Un encontro casual co seu veciño solteirón acaba por lle descubrir unha alma xemelga: tamén el quere fuxir da vila. Outro home que domina a mente de Rosalind é o seu xefe, un home preso á vida pola muller e os fillos, pero amargado polo traballo. Rosalind volvera á casa dos pais para lle contar á nai o seu amor por el. Quería que o soubese antes de se entregar ao home co que non podería casar. Rosalind abandona a casa no medio da noite, marcha a pé ata a vila veciña para coller un tren para Chicago. Na vila permanecerá o solteirón, unha especie de alma xemelga masculina.
  15. “O home da trompeta”. Misterioso conto narrado en primeira persoa pola voz dun negro que lles fala ás xentes do seu pobo como un oráculo e lles di o que poden facer das súas vidas.

Anderson retrata o estilo de vida do Medio Oeste americano. Os personaxes destes relatos atopámolos no remuíño da trasfega de xentes do campo á cidade nunha época en que están medrando os grandes núcleos urbanos (Chicago, por exemplo) empurrados por unha forte industrialización. Nalgúns casos, “progresar” comporta abandonar o campo e buscar vida na cidade. Pero vivan no campo ou na cidade, o lector atópase diante duns personaxes que se senten tremendamente sós. Dá a sensación de que vixían e controlan o comportamento público uns dos outros, pero é o narrador que pon ante os ollos do lector a intensa e desacougada vida que se lle remove nos adentros. Como di Melville Stoner, un deses personaxes: “En todo ser humano hai dúas voces, ambas loitando por facerse oír”. Así e todo, a voz que máis se fai sentir e que lles serve como lema, independentemente de que os leve á felicidade ou á desgraza é “triunfar na vida”.
Os relatos constrúense segundo a visión moi persoal do autor. Para Anderson “os contos son xente que senta na porta da casa da miña mente”, e neste proceso de personificación dota os relatos de sensacións físicas e psicolóxicas. Os personaxes, máis que as accións, son o eixe sobre o que xiran os contos de Sherwood Anderson.

Dictiografía

Sherwood Anderson, O triunfo do ovo. irmás Cartoné, 2015. Trad. Carlos Valdés e Celia Recarey.

31.5.17

Rolda pola república das letras-185. Maio de 2017

En este libro, Eiré ofrece a los lectores retazos de su historia personal que se convierten en lecciones de vida para convertir esta novela íntima en un libro universal (El Correo Gallego, 02-05.
[...] Deshabitar unha casa e Nomes de fume, os dous libros cos que a poeta Miriam Ferradáns vén de gañar, respectivamente, os premios Francisco Añón e Pérez Parallé. Un detrás doutro, pouco antes de levar tamén o Leiras Pulpeiro por Do tacto (entrevista de Montse Dopico, Praza Pública).
O xurado destacou que a obra gañadora é un poemario “de grande orixinalidade que domina a tradición, mesmo a non convencional, e que recorre a unha linguaxe depurada para, a través dela, facer unha viaxe xeográfica e tamén emocional onde teñan cabida outras linguas e presenzas culturais de gran calado” (A. V., Sermos Galiza, 06-05-2017).
[...] é unha “reinterpretación das novelas de viaxes” cunha “comunión moi marcada co universo do mar e das lendas” (Sermos Galiza, 06-05-2017).
[...] Destaca que ‘Galicia en Bus’ “recrea asuntos como a memoria e a identidade a través da perspectiva de xénero, articulando un percorrido territorial que se estende desde o íntimo ata o cartográfico" (Sermos Galiza, 07-05-2017).
E, como en todos os grandes cancioneiros amorosos, atopamos aquí a mestura de paixón e dor, inseparables, ou estrañados cando faltan: o cravo de ouro, de ferro ou de amor de Rosalía, a aguda espiña dourada de Antonio Machado: «Pero esquecer non podo nin quixera / Tanta paixón coa miña dor revolta / Só podería xuntas esquecer (Marina Mayoral, La Voz de Galicia, 08-05-2017).
Francisco Cortegoso (Pontevedra, 1985 -2016) é autor de ‘Memorial e danza’ (Espiral Maior, 2014), co que gañou o Premio Nacional de Poesía Pérez Parallé, e ‘Suicidas’ (Chan da Pólvora, 2016) (Sermos Galiza, 12-05-2017).
No 2017, Chévere cumple 30 anos e vaino celebrar ofrecendo ao público a posibilidade de volver asistir a tres espectáculos míticos do repertorio antigo da compañía, que se poderán ver xuntos exclusivamente en Santiago durante o mes de xullo (Sermos Galiza, 19-05-2017).
[...] organizada pola Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (AELG), a Asociación Galega de Editoras e a Federación de Librarías de Galicia. As distincións, sen dotación económica, recoñecen “a excelencia do traballo literario realizado no ámbito editorial” ao longo do ano 2016 en Galicia (Praza Pública, 21-05-2017).
Os Premios da Crítica Galicia naceron en 1978 en Vigo nunha cea do Círculo Ourensán Vigués na que a elite cultural, que pagara 800 pesetas polo prato, deu coa dura realidade nos fociños: a gala foi parada polos obreiros de Ascón, amolados e en loita pola reconversión naval, para pedir solidariedade (E. V. Pita, La Voz de Galicia, 21-05-2017).
O relato infantil O enigma de Mona Lisa (Galaxia, 2016) viu a luz en galego, antes de editarse en Uruguai, verquido por Iolanda Veloso Ríos. A odontóloga, ilustradora, escritora, artista plástica e escenógrafa María Noel Toledo é a “ilustrautora”, como lle gusta denominarse, desta historia coral, baseada na vida cotiá, pero chea de referentes culturais que Mariel, a nena narradora protagonista e, ás veces, omnisciente, vai aprendendo no evoluír da trama (M. Fernández Vázquez, El Correo Gallego, 21-05-2017).
[...] a autora achéganos unha novela que reconstrúe, con ambición e minuciosidade, a sociedade castrexa. A través dunha arquitectura coral, composta por unha pluralidade de voces, a narrativa mostra a organización social, política, militar e familiar dos poboados castrexos, dos norteáns (Belén Bouzas, El Correo Gallego, 21-05-2017).
Canta connosco! recolle as letras das doce cancións que compoñen o traballo, un CD coa música, un DVD con vídeos para favorecer a práctica e aprendizaxe das cancións, que tamén se poden seguir polo karaoke. O libro conta coas suxestivas ilustracións de Óscar Villán, que lle achegan frescura e humorismo ao conxunto, así como unha presentación de Manuela Rodríguez, quen rememora a relevancia de Migallas no panorama galego e lles agradece as súas contribucións á música infantil, salientando a combinación de ritmos tradicionais e actuais e as potencialidades destes recursos para traballar de xeito lúdico e interdisciplinar aspectos como a expresión dramática [...] (Isabel Mociño, El Correo Gallego, 22-05-2017).
[...] en 'A semántica oculta de Mrs. Hockett' establécese unha comunicación entre distintas disciplinas: a literatura, a lingüística e as matemáticas, nun fluído xogo —narrado impecablemente, con ritmo e certa ironía— entre narrativa e poesía, entre códigos numéricos e emocións humanas" (Sermos Galiza, 23-05-2017).
[...] unha viaxe divertida, disparatada, incrible e na que aos seus protagonistas lles pode ocorrer calquera cousa (La Voz de Galicia, 24-05-2017).
Os tres de nunca (Xerais), a nova novela do escritor Nacho Taibo. Nela, coma en Os dous de sempre de Castelao, vanse entrelazando as historias dos personaxes principais. Esta fórmula xa fora utilizada polo autor en Homes de ningures, a obra coa que gañara o Premio da Crítica Española (entrevista de Montse Dopico, Praza Pública, 28-05-2017).
Eu concibino como un deambular, un saír da casa sen saber moi ben a onde vamos nin que sucederá. O que nos pase nese paseo xa é cousa do que deixemos entrar ou non (entrevista de Xesús Fraga, La Voz de Galicia, 31-05-2017).
A profesora ferrolá Maite Ximénez presentará mañá en Compostela os libros Cantar de Valtario e Cantar de Ruodliev na súa traducción aó galego. Trátase da primeira vez que se verten a nosa lingua estes dous poemas épicos escritos en latín medieval (Karmele Vázquez, El Correo Gallego, 31-05-2017).

26.5.17

Carlos Vila Sexto. O enigma de Caronte

Imaxe: O enigma de Caronte. Galaxia
Un grupo de amigos adolescentes prepárase para gozar do seu derradeiro verán xuntos. Na vila non hai instituto e a etapa do bacharelato suporá a diáspora da panda. Pero a morte dun dos rapaces, da que logo terán sospeitas de que fora un asasinato, ofrécelles a posibilidade de viviren unha emocionante aventura que porá en perigo as súas vidas e tamén lles demostrará o valor da amizade e do traballo en equipo.
O rapaz asasinárano porque soubera da existencia dun tesouro agochado. Seguindo as pistas que deixara, os seus amigos tratan de dar con el e, sobre todo, co asasino. Con intelixencia, esforzo, algo de axuda e unha migalla de sorte desfaranse dos inimigos, darán co tesouro e empregarano para axudar os amigos necesitados.
O tesouro do que se fala non ten gran valor material. Trátase da medalla de Caronte, unha medalla de dobre cara que ten o inmenso valor de devolver os mortos ao mundo dos vivos.
No complexo mundo que o lector atopa n’O enigma de Caronte todo pode ser o que non parece. Así, temos na vila un personaxe estraño que realmente non o é; un presunto asasino que resulta ser un verdadeiro amigo; un benfeitor do pobo que agocha un lobo sen escrúpulos comesto pola cobiza; uns matóns que, á fin de contas, resultan uns coitados; un desleigado ante os ollos da xente, pero que lle gardou ausencia toda a vida á muller da que se namorara cando mozo…
Tamén o espazo físico presenta esa dobre face que desafía os protagonistas e sorprende o lector. Baixo as casas, bosques e rúas da vila existe un labirinto de covas escavadas no terreo calcario por ríos subterráneos que desembocan no mar.
A historia que se nos conta é unha historia dobremente vivida. Os primeiros protagonistas eran novos en 1965; a xeración dos netos pechará o círculo medio século máis tarde. A estrutura externa da novela dá axeitado soporte ao seu desenvolvemento: o prólogo que describe unha escena de 1965 e o epílogo que fecha a historia en 2015 enmarcan oito capítulos, subdivididos en varias partes que relatan situacións máis ou menos simultáneas dos distintos grupos de personaxes.
O grupo dos rapaces superará o dos vellos facendo prevalecer o valor da amizade sobre a rivalidade e a cobiza. Demóstranlles que se pode vivir sen necesidade de enganar nin especular para amasar fortunas que os convertan en triunfadores ante a sociedade. Á parte do misterio que tentan investigar os protagonistas, a novela está incardinada na crúa realidade. Os personaxes agochan segredos, viven amores, sofren desamores e deslealdades, encabúxanse e reconcílianse, sacódeos a crise económica, preocúpalles o futuro dos fillos e, especialmente estes, reciben unha completa lección do que se adoita chamar educación para a vida.

Dictiografía

Carlos Vila Sexto, O enigma de Caronte. Vigo, Galaxia, 2016.

30.4.17

Rolda pola república das letras-184. Abril de 2017

Foi, sempre será, desa estirpe de poetas para os que o mar e o amor son -case- todo. Péchase así, violenta e inesperadamente, un corpus poético que, alén das ducias de poemas soltos en publicacións compartidas, se conforma por As árvores do incesto (premio Espiral Maior, 1994), As horas de María (premio Johán Carballeira, 2006) e por E alentar na túa rosa (accésit no premio Illas Sisargas, 2010), ao que cómpre engadir o que foi o seu derradeiro libro, e teño para min que talvez a súa máis sólida incursión poética: e Caín (Laiovento, 2016), onde percorre as estremas da mitoloxía, do erotismo e do propio proceso da escrita con brillantez e madureza (Ramón Nicolás, La Voz de Galicia, 01-04-2017).
Asimilar converterse nunha pantasma, tras a morte física, é o tema que vertebra a trama. Esmeraldina sofre un proceso de adaptación progresiva: primeiro, nega a súa morte e non se recoñece nos cambios paulatinos sufridos no seu corpo; despois, aprende as vantaxes de estar morta e de manter un contacto simbólico e próximo coa familia; e, finalmente, acepta viaxar cara ao Alén Mundo, cando a familia asimilou a súa perda (Isabel Mociño, El Correo Gallego, 02-04-2017).
Esta edición conmemorativa inclúe un dos últimos textos revisados polo vilalbés, quen retocou o epílogo desta historia que agora aparece encadernada en flexibook e incorpora ilustracións orixinais de Antonio Seijas, artífce dunha novela gráfca baseada en Cartas de inverno (E. Agrelo, El Correo Gallego, 02-04-2017).
Ao longo dos dez capítulos da obra denúncianse as presións dos intereses económicos, o tráfico ilegal de persoas, a explotación laboral e sexual e desvélase a importancia de coñecer a historia para comprender a realidade, así como o valor da liberdade, sempre comprometido, nunha novela xuvenil cuxo elemento central é a descuberta da identidade individual e colectiva (Isabel Mociño, El Correo Gallego, 02-04-2017).
En algunos poemas de Ernesto Guerra da Cal (Ferrol, 1911-Lisboa, 1994) la poesía gallega alcanzó las más altas cimas de la expresión lírica (J. G., La Voz de Galicia, 04-04-2017).
Quero ser optimista; non teño moita razón para o optimismo, pero si teño clara unha cousa: a nosa misión aquí é intentar deixar un mundo máis libre e máis digno aos fillos. Agora non vexo máis que precariedade entre os máis novos, esa competitividade que se fomenta dá noxo... Hai que ser máis solidario e creo que se están a perder moitos valores. O capitalismo sempre fomentou o individualismo, ensínanche a competir (entrevista de Miguel Pardo, Praza Pública, 04-04-2017).
[...] editado por primeira vez en 1986. Un libro, que en palabras de Camilo Gómez Torres, biógrafo e estudoso da obra de Manuel María,  “é  sentido e sufrido polo poeta coa intensidade dun amor que vai máis aló da vida e da morte” (Galicia Confidencial, 04-04-2017).
A biografía de Lama empeza por tentar «desterrar esa imaxe que se adoita representar de muller triste e escura, avellentada, vestida de negro, metida na casa e mirando pola fiestra, melancólica, nun día de choiva». Ao contrario, o retrato enfiado por datos e testemuños pinta alguén moi diferente (Xesús Fraga, La Voz de Galicia, 06-04-2017).
[...] ten protagonismo en Blues para Moraima a memoria colectiva da Guerra Civil española e as súas consecuencias: «A nosa xeración foi a de referencia no que ten que ver co silencio sobre o pasado. Os meus pais, e sobre todo os meus avós, nunca tiñan nada que dicir sobre a Guerra Civil. A dor gardada da memoria é a que tamén está na vida do protagonista», adiantou Fernández. Tamén que Carlos Velo, Blanco Amor ou José Suárez foron fitos referenciais para o relato (La Voz de Galicia, 06-04-2017).
Nun momento no que as estatísticas revelan que o número de galegofalantes é cada vez menor, Callón realiza, en palabras de Bragado, unha crónica do acontecido no panorama lingüístico na Galiza entre os anos 2009 e 2016 (Beatriz G. Caneda, Sermos Galiza, 17-04-2017).
Suárez Abel deuse a coñecer como escritor a principios da década de 1980 no Premio Modesto R. Figueiredo cos relatos “O fillo do Serafín” (accésit en 1981), “O Quiquiriquí” (primeiro premio no 1982) e “A alemana” (finalista en 1986). A súa primeira novela 'Turbo' (1986) gañou o Premio Blanco Amor. Posteriormente publicou 'Álvaro Pino' (1989), 'Sabor a ti' (finalista do Premio Xerais en 1991), 'Selva Negra' (1993) e participou en libros colectivos como 'Contos do Castromil' (1992), 'Unha liña no ceo'  (1996), 'Novo do trinque' (1997), 'Contos dende a arquitectura' (2003) e 'Pontevedra. Laranxeiras e limoeiros' (2015) (Sermos Galiza, 19-04-2017).
A xente que levamos tempo traballando no xornalismo sabemos que moitísimos puntos de vista quedan nas esquinas, tapados por outros puntos de vista predominantes. Entón eu no epílogo saquei historias moi coñecidas e pegueilles unha volta porque o que pensamos que significa unha cousa se cadra desde outro punto de vista significa outra totalmente diferente (entrevista de R. Castro, Sermos Galiza, 18-04-2017).
Comecei, como che contei antes, a pasear. E para min era o mellor momento do día. Monforte é unha vila bastante morta, pero eu non quería renunciar á posibilidade de crear proxectos. Tiña ideas, tentaba facer cousas, e era moi difícil. Evadíame nos paseos, nos que vía a mesma xente, e os mesmos sitios, e a súa evolución. Parecía que non pasaban cousas, pero si pasaban. Unha señora á que a primeira vez vin bailando co seu marido, que era afiador, despois quedou soa e finalmente puxo a casa á venda e marchou… Había cousas que me interesaban, e con elas fixen O quinto inverno. Co que pasaba no extrarradio monfortino, onde aparentemente non pasaba máis que o tempo e a néboa. Diaria. Tamén na mentalidade (entrevista de Montse Dopico, Praza Pública, 21-04-2017).
Terranova é unha librería de librerías, están as que pertencen á propia educación sentimental, á historia íntima. Terranova ten unha parte escondida onde imaxinamos Ruedo Ibérico ou Sempre en Galiza. A dedicatoria a Molist é porque na miña mocidade é unha das primeiras librerías nas que entro, na que teño conciencia de que o libreiro é unha persoa que non está alí para prover os libros, ou cobrar, senón que é algo máis e por iso está aí como unha primeira referencia (entrevista de Rodri García, La Voz de Galicia, 24-04-2017).
En “Abril de libros”, Berta Dávila convídanos á lectura de media ducia de libros “que queren ser, tamén, paxariños de papel cosidos uns a outros polos fíos invisibles da palabra escrita” (Praza Pública, 24-04-2017).
[...] novela que pescuda na artista barroca Artemisia Gentileschi na Roma do século XVII (entrevista de Marcos Pérez Pena, Praza Pública, 26-04-2017).
A luz na casa de Luz entra pola fiestra do salón no que senta a ver os nenos ir ao colexio, vén do piano, dos retratos dos fillos da poeta de nenos, dos netos (entrevista de Ana Abelenda, La Voz de Galicia, 28-04-2017).
Empecei escribindo artigos sobre Paredes (Vilaboa), onde nacín. Descubrín que había casos de persoas represaliadas das que ata entón non sabía, comecei a facer entrevistas con mulleres maiores e decateime de que había moitos casos que non estaban rexistrados. A partir de aí, fun buscando outros casos. O libro é froito dun traballo de tres anos feito aos poucos (entrevista de Montse Dopico, Praza Pública, 28-04-2017).
Trátase dunha obra de ficción na que unha escritora irlandesa, Sally McMahon, que en plena madurez sofre unha fonda depresión. Para atallala, decide acudir á consulta dun psiquiatra. A obra percorre así a secuencia e a intensidade das conversas médico-paciente desenvolvidas durante dous anos (entrevista de Alberto Ramos, Praza Pública, 28-04-2017).
Para min escribir é imprescindible. A sociedade precisa a poesía. Cando estás facendo algo, cando queres comunicar algo, tratas de que sexa o mellor de ti, o mellor que experimentas no coñecemento, na evolución e sempre me parece pouco (entrevista de Rodri García, La Voz de Galicia, 29-04-2017).
A proposta da última novela de Begoña Caamaño pasa por dar voz a un personaxe secundario e demo- nizado, humanizar os vellos mitos e conseguir o único obxectivo que xustifica achegarse a eles nos nosos tempos: amosar as súas caras ocultas e a forma na que poden se- guir sendo actuais e útiles no noso contexto histórico (Mario Regueira, Sermos Galiza, 29-04-2017).
É un libro extenso que toca varios temas do mar, desde a primeira molécula, o primeiro átomo: a madeira coa que se constrúe o “deus” dos barcos. Os barcos son como deuses porque, sen eles, os mariñeiros non somos nada. A idea era, así, falar de todo o proceso, desde o principio, poñendo énfase na construción do barco, e nos rituais: como se leva o peixe á lonxa para a poxa, por exemplo (entrevista de Montse Dopico, Praza Pública, 30-04-2017).