Imaxe: O enigma de Caronte. Galaxia |
Un grupo de amigos adolescentes prepárase para gozar do seu derradeiro verán xuntos. Na vila non hai instituto e a etapa do bacharelato suporá a diáspora da panda. Pero a morte dun dos rapaces, da que logo terán sospeitas de que fora un asasinato, ofrécelles a posibilidade de viviren unha emocionante aventura que porá en perigo as súas vidas e tamén lles demostrará o valor da amizade e do traballo en equipo.
O rapaz asasinárano porque soubera da existencia dun tesouro agochado. Seguindo as pistas que deixara, os seus amigos tratan de dar con el e, sobre todo, co asasino. Con intelixencia, esforzo, algo de axuda e unha migalla de sorte desfaranse dos inimigos, darán co tesouro e empregarano para axudar os amigos necesitados.
O tesouro do que se fala non ten gran valor material. Trátase da medalla de Caronte, unha medalla de dobre cara que ten o inmenso valor de devolver os mortos ao mundo dos vivos.
No complexo mundo que o lector atopa n’O enigma de Caronte todo pode ser o que non parece. Así, temos na vila un personaxe estraño que realmente non o é; un presunto asasino que resulta ser un verdadeiro amigo; un benfeitor do pobo que agocha un lobo sen escrúpulos comesto pola cobiza; uns matóns que, á fin de contas, resultan uns coitados; un desleigado ante os ollos da xente, pero que lle gardou ausencia toda a vida á muller da que se namorara cando mozo…
Tamén o espazo físico presenta esa dobre face que desafía os protagonistas e sorprende o lector. Baixo as casas, bosques e rúas da vila existe un labirinto de covas escavadas no terreo calcario por ríos subterráneos que desembocan no mar.
A historia que se nos conta é unha historia dobremente vivida. Os primeiros protagonistas eran novos en 1965; a xeración dos netos pechará o círculo medio século máis tarde. A estrutura externa da novela dá axeitado soporte ao seu desenvolvemento: o prólogo que describe unha escena de 1965 e o epílogo que fecha a historia en 2015 enmarcan oito capítulos, subdivididos en varias partes que relatan situacións máis ou menos simultáneas dos distintos grupos de personaxes.
O grupo dos rapaces superará o dos vellos facendo prevalecer o valor da amizade sobre a rivalidade e a cobiza. Demóstranlles que se pode vivir sen necesidade de enganar nin especular para amasar fortunas que os convertan en triunfadores ante a sociedade. Á parte do misterio que tentan investigar os protagonistas, a novela está incardinada na crúa realidade. Os personaxes agochan segredos, viven amores, sofren desamores e deslealdades, encabúxanse e reconcílianse, sacódeos a crise económica, preocúpalles o futuro dos fillos e, especialmente estes, reciben unha completa lección do que se adoita chamar educación para a vida.
Dictiografía
- O enigma de Caronte. Presentación editorial.
Carlos Vila Sexto, O enigma de Caronte. Vigo, Galaxia, 2016.
Ningún comentario:
Publicar un comentario