30.4.17

Rolda pola república das letras-184. Abril de 2017

Foi, sempre será, desa estirpe de poetas para os que o mar e o amor son -case- todo. Péchase así, violenta e inesperadamente, un corpus poético que, alén das ducias de poemas soltos en publicacións compartidas, se conforma por As árvores do incesto (premio Espiral Maior, 1994), As horas de María (premio Johán Carballeira, 2006) e por E alentar na túa rosa (accésit no premio Illas Sisargas, 2010), ao que cómpre engadir o que foi o seu derradeiro libro, e teño para min que talvez a súa máis sólida incursión poética: e Caín (Laiovento, 2016), onde percorre as estremas da mitoloxía, do erotismo e do propio proceso da escrita con brillantez e madureza (Ramón Nicolás, La Voz de Galicia, 01-04-2017).
Asimilar converterse nunha pantasma, tras a morte física, é o tema que vertebra a trama. Esmeraldina sofre un proceso de adaptación progresiva: primeiro, nega a súa morte e non se recoñece nos cambios paulatinos sufridos no seu corpo; despois, aprende as vantaxes de estar morta e de manter un contacto simbólico e próximo coa familia; e, finalmente, acepta viaxar cara ao Alén Mundo, cando a familia asimilou a súa perda (Isabel Mociño, El Correo Gallego, 02-04-2017).
Esta edición conmemorativa inclúe un dos últimos textos revisados polo vilalbés, quen retocou o epílogo desta historia que agora aparece encadernada en flexibook e incorpora ilustracións orixinais de Antonio Seijas, artífce dunha novela gráfca baseada en Cartas de inverno (E. Agrelo, El Correo Gallego, 02-04-2017).
Ao longo dos dez capítulos da obra denúncianse as presións dos intereses económicos, o tráfico ilegal de persoas, a explotación laboral e sexual e desvélase a importancia de coñecer a historia para comprender a realidade, así como o valor da liberdade, sempre comprometido, nunha novela xuvenil cuxo elemento central é a descuberta da identidade individual e colectiva (Isabel Mociño, El Correo Gallego, 02-04-2017).
En algunos poemas de Ernesto Guerra da Cal (Ferrol, 1911-Lisboa, 1994) la poesía gallega alcanzó las más altas cimas de la expresión lírica (J. G., La Voz de Galicia, 04-04-2017).
Quero ser optimista; non teño moita razón para o optimismo, pero si teño clara unha cousa: a nosa misión aquí é intentar deixar un mundo máis libre e máis digno aos fillos. Agora non vexo máis que precariedade entre os máis novos, esa competitividade que se fomenta dá noxo... Hai que ser máis solidario e creo que se están a perder moitos valores. O capitalismo sempre fomentou o individualismo, ensínanche a competir (entrevista de Miguel Pardo, Praza Pública, 04-04-2017).
[...] editado por primeira vez en 1986. Un libro, que en palabras de Camilo Gómez Torres, biógrafo e estudoso da obra de Manuel María,  “é  sentido e sufrido polo poeta coa intensidade dun amor que vai máis aló da vida e da morte” (Galicia Confidencial, 04-04-2017).
A biografía de Lama empeza por tentar «desterrar esa imaxe que se adoita representar de muller triste e escura, avellentada, vestida de negro, metida na casa e mirando pola fiestra, melancólica, nun día de choiva». Ao contrario, o retrato enfiado por datos e testemuños pinta alguén moi diferente (Xesús Fraga, La Voz de Galicia, 06-04-2017).
[...] ten protagonismo en Blues para Moraima a memoria colectiva da Guerra Civil española e as súas consecuencias: «A nosa xeración foi a de referencia no que ten que ver co silencio sobre o pasado. Os meus pais, e sobre todo os meus avós, nunca tiñan nada que dicir sobre a Guerra Civil. A dor gardada da memoria é a que tamén está na vida do protagonista», adiantou Fernández. Tamén que Carlos Velo, Blanco Amor ou José Suárez foron fitos referenciais para o relato (La Voz de Galicia, 06-04-2017).
Nun momento no que as estatísticas revelan que o número de galegofalantes é cada vez menor, Callón realiza, en palabras de Bragado, unha crónica do acontecido no panorama lingüístico na Galiza entre os anos 2009 e 2016 (Beatriz G. Caneda, Sermos Galiza, 17-04-2017).
Suárez Abel deuse a coñecer como escritor a principios da década de 1980 no Premio Modesto R. Figueiredo cos relatos “O fillo do Serafín” (accésit en 1981), “O Quiquiriquí” (primeiro premio no 1982) e “A alemana” (finalista en 1986). A súa primeira novela 'Turbo' (1986) gañou o Premio Blanco Amor. Posteriormente publicou 'Álvaro Pino' (1989), 'Sabor a ti' (finalista do Premio Xerais en 1991), 'Selva Negra' (1993) e participou en libros colectivos como 'Contos do Castromil' (1992), 'Unha liña no ceo'  (1996), 'Novo do trinque' (1997), 'Contos dende a arquitectura' (2003) e 'Pontevedra. Laranxeiras e limoeiros' (2015) (Sermos Galiza, 19-04-2017).
A xente que levamos tempo traballando no xornalismo sabemos que moitísimos puntos de vista quedan nas esquinas, tapados por outros puntos de vista predominantes. Entón eu no epílogo saquei historias moi coñecidas e pegueilles unha volta porque o que pensamos que significa unha cousa se cadra desde outro punto de vista significa outra totalmente diferente (entrevista de R. Castro, Sermos Galiza, 18-04-2017).
Comecei, como che contei antes, a pasear. E para min era o mellor momento do día. Monforte é unha vila bastante morta, pero eu non quería renunciar á posibilidade de crear proxectos. Tiña ideas, tentaba facer cousas, e era moi difícil. Evadíame nos paseos, nos que vía a mesma xente, e os mesmos sitios, e a súa evolución. Parecía que non pasaban cousas, pero si pasaban. Unha señora á que a primeira vez vin bailando co seu marido, que era afiador, despois quedou soa e finalmente puxo a casa á venda e marchou… Había cousas que me interesaban, e con elas fixen O quinto inverno. Co que pasaba no extrarradio monfortino, onde aparentemente non pasaba máis que o tempo e a néboa. Diaria. Tamén na mentalidade (entrevista de Montse Dopico, Praza Pública, 21-04-2017).
Terranova é unha librería de librerías, están as que pertencen á propia educación sentimental, á historia íntima. Terranova ten unha parte escondida onde imaxinamos Ruedo Ibérico ou Sempre en Galiza. A dedicatoria a Molist é porque na miña mocidade é unha das primeiras librerías nas que entro, na que teño conciencia de que o libreiro é unha persoa que non está alí para prover os libros, ou cobrar, senón que é algo máis e por iso está aí como unha primeira referencia (entrevista de Rodri García, La Voz de Galicia, 24-04-2017).
En “Abril de libros”, Berta Dávila convídanos á lectura de media ducia de libros “que queren ser, tamén, paxariños de papel cosidos uns a outros polos fíos invisibles da palabra escrita” (Praza Pública, 24-04-2017).
[...] novela que pescuda na artista barroca Artemisia Gentileschi na Roma do século XVII (entrevista de Marcos Pérez Pena, Praza Pública, 26-04-2017).
A luz na casa de Luz entra pola fiestra do salón no que senta a ver os nenos ir ao colexio, vén do piano, dos retratos dos fillos da poeta de nenos, dos netos (entrevista de Ana Abelenda, La Voz de Galicia, 28-04-2017).
Empecei escribindo artigos sobre Paredes (Vilaboa), onde nacín. Descubrín que había casos de persoas represaliadas das que ata entón non sabía, comecei a facer entrevistas con mulleres maiores e decateime de que había moitos casos que non estaban rexistrados. A partir de aí, fun buscando outros casos. O libro é froito dun traballo de tres anos feito aos poucos (entrevista de Montse Dopico, Praza Pública, 28-04-2017).
Trátase dunha obra de ficción na que unha escritora irlandesa, Sally McMahon, que en plena madurez sofre unha fonda depresión. Para atallala, decide acudir á consulta dun psiquiatra. A obra percorre así a secuencia e a intensidade das conversas médico-paciente desenvolvidas durante dous anos (entrevista de Alberto Ramos, Praza Pública, 28-04-2017).
Para min escribir é imprescindible. A sociedade precisa a poesía. Cando estás facendo algo, cando queres comunicar algo, tratas de que sexa o mellor de ti, o mellor que experimentas no coñecemento, na evolución e sempre me parece pouco (entrevista de Rodri García, La Voz de Galicia, 29-04-2017).
A proposta da última novela de Begoña Caamaño pasa por dar voz a un personaxe secundario e demo- nizado, humanizar os vellos mitos e conseguir o único obxectivo que xustifica achegarse a eles nos nosos tempos: amosar as súas caras ocultas e a forma na que poden se- guir sendo actuais e útiles no noso contexto histórico (Mario Regueira, Sermos Galiza, 29-04-2017).
É un libro extenso que toca varios temas do mar, desde a primeira molécula, o primeiro átomo: a madeira coa que se constrúe o “deus” dos barcos. Os barcos son como deuses porque, sen eles, os mariñeiros non somos nada. A idea era, así, falar de todo o proceso, desde o principio, poñendo énfase na construción do barco, e nos rituais: como se leva o peixe á lonxa para a poxa, por exemplo (entrevista de Montse Dopico, Praza Pública, 30-04-2017).

Ningún comentario: