14.6.16

Lourenço, xograr (de Manuel Portas). Test de lectura

Lourenço, xograr. Test de lectura
 Lourenço, xograr (de Manuel Portas). Test de lectura
Divertimento para club de lectura da novela Lourenço, xograr (de Manuel Portas).
O exercicio consiste en atinar coa resposta axeitada de entre as posibilidades que dá o test.

Manuel Portas. Lourenço, xograr

Imaxe: Editorial Galaxia
Manuel Portas narra unha imaxinada vida do xograr Lourenço e recrea, asemade, as condicións históricas do tramo da Baixa Idade Media que ao poeta galego-portugués lle tocou vivir.
O autor comeza presentándonos un Lourenço adolescente e namoradizo, con ansia por facerse home e medrar social e literariamente. Así e todo, o rapaz é consciente de que as posibilidades de medra son cativas nunha época socialmente compartimentada na que as relacións e os oficios eran cuestión de caste. Nas cuestións amorosas, o afortunado corazón de Lourenço voa libre, pero nas económicas e literarias os desgustos son o pan da cada día. Tocoulle en sorte un mestre --Joam García de Guilhade-- que o saca do amparo do mestre ferreiro co engado de ver mundo e triunfar na literatura, pero que malamente pode sosterse a si mesmo nin quere que o aprendiz medre por conta propia. O de Guilhade aparece na novela como fidalgo de antiga liñaxe e pouca bolsa, de espada cega e lingua afiada que non para de lle lembrar ao xograr que os da súa caste non poden ter sensibilidade nin arte para seren trobadores. Na novela, coma na historia, Lourenço demostra que na literatura a autenticidade e a destreza non son cuestión de caste nin de moda.
A novela estrutúrase en dúas partes (Livro primeiro, Livro segundo), separadas pola noticia da morte do pai de Lourenço na guerra do Algarve. Un pai que responde ás caracteríscas das cantigas da época: unha figura ausente por andar no fossado. Na primeira parte estamos perante un Lourenço adolescente, aprendiz de ferreiro co mestre Diogo, a quen acompaña ao mercado de Braga para vender as armas e ferramentas que produce e a quen axuda a defenderse dos ataques dos salteadores de camiños que inzan o incipiente reino de Portugal. A segunda parte comeza cun Lourenço mozo, o día que cumpre 23 anos (primeiro de agosto de 1245) esperando a orde para asaltar o castelo de Gaia. Mesmo sendo hábil coas armas, os seus pensamentos defíneno como pacífico home de letras para quen as guerras non son máis que un desperdicio para os pobres e un medio de medrar para os poderosos. As recompensas viñéronlle a Lourenço polo seu labor artístico, non por feitos de guerra; por outro lado, o seu mestre García de Guilhade procuraba fuxir de onde houbese ruídos de armas, o que deixaba a ambos os dous sen posibilidades de recibir mercés por feitos de conquista.
A polifonía da segunda parte facilítalle ao lector unha visión do protagonista e da época conxugando múltiples perspectivas. As voces narradoras (Lourenço, o mestre ferreiro Diogo, dona Branca, María Balteira, Afonso X, Sancha de Guilhade e, rematando o relato, o cronista omnisciente que lle presta a voz a un Lourenço malferido) van dando testemuño do protagonista, de si mesmos e da sociedade na que viven. Son testemuñas de distinta clase e condición que falan da feira segundo nela lles vai e, xunto cos datos históricos comprobables, meten no relato un evidente aire de autenticidade.
Autenticidade é tamén o trazo característico da poesía de Lourenço. A crítica do Rei Sabio considéraa un tanto anacrónica e fóra de moda, pero enraizada no sentimento e na tradición literaria. Gusta do xograr e da obra polo que teñen de auténticos. O autor procura este resultado salpresando a novela con poesías da época presentándoas como resultado de vivencias dos personaxes.


SITIOGRAFÍA

Manuel Portas, Lourenço, xograr. Vigo, Galaxia, 2015.

11.6.16

Xulio Ríos. Lois Tobío, un Galego de lei

Imaxe: igadi.org
Xulio Ríos desenvolve esta biografía de Lois Tobío (Viveiro, 1906-Madrid, 2003) seguindo tres liñas básicas:
  1. Aspectos clave da traxectoria vital de Lois Tobío.
  2. As principais facetas da súa personalidade.
  3. As grandes constantes de personalidade do biografado.
Ao debruzármonos sobre o traballo de Xulio Ríos vemos un dos trazos máis salientables de Lois Tobío: o carácter polifacético. Licenciado en Dereito, encamiñou a súa vida pola vía da diplomacia, mais tamén foi un incansable e xeneroso tradutor, un avisado analista da situación política que lle tocou vivir, un divulgador de temas políticos, sociais e históricos, un traballador competente con dotes organizativas, un lector voraz e amante de todo canto se relaciona co mundo da cultura.
Xulio Ríos defínenos a faceta pública de Tobío con tres adxectivos: diplomático, republicano e galeguista, convertidos en principios que guiaron o seu labor malia os tabanazos que lle supuxo a guerra civil.
Sen deixar de lado o sentimento da Terra, Lois Tobío percorre o mundo por razóns de traballlo (Berlín, Sofía...) ou por causa do exilio (Cuba, Nova York, México, Montevideo) ata que as circunstancias lle permiten regresar a España.
Das principais facetas da súa personalidade destaca Xulio Ríos o carácter político galeguista e, asemade, universalista "porque formou parte dunha xeración formada e educada na valiosísima idea do progreso con identidade, do positivo valor do noso achegamento ao exterior para sermos máis e mellores. É o universalismo galeguista que debería ser o noso pan de cada día, a nosa biblia en tempos de mundialización" (p. 110). Esta faceta alicerza as outras dúas: a de tradutor (cómpre que grandes escritores --Keats, Rilke, Baudelaire, Rimbaud-- falen galego, ou ensaístas e teóricos da política --Heller, por exemplo-- sexan coñecidos nas sociedades veciñas) e a de divulgador e animador cultural en prensa e radio.
Para Xulio Ríos, as grandes constantes que guían a traxectoria vital e o labor de Lois Tobío son:
  1. A curiosidade intelectual, que o afasta do chovinismo e o leva a exploración doutras culturas.
  2. A sensibilidade progresista, manifesta na súa preocupación pola xustiza social.
  3. A competencia e os dotes de organización cos que logra aconxuntar nun traballo común persoas valiosas de ideoloxías ás veces incompatibles.
Nun esforzo pola recuperación da nosa memoria, Xulio Ríos reivindica con esta biografía unha personalidade senlleira, de quen os concidadáns podemos sentirnos orgullosos. Unha personalidade que merece ser admirada e imitada. Unha personalidade que iniciou un labor que debe ser continuado para seguir reconstruíndo o que os salvaxes embates da nosa historia deixaron esborrallado.
___________________________
Xulio Ríos, Lois Tobío, un Galego de lei. Deputación de Pontevedra, 2015.

1.6.16

Noticias de literatura-173. Maio de 2016

[O libro] nace a partires dunha idea á que levaba anos dando voltas, mais tiven a sorte de poder contar para levala a cabo cun grupo de historiadores que se interesaron por ela. Sen a súa axuda e xenerosidade o libro non tería nacido. Na orixe da proposta está a sorpresa que sempre me causou a pervivencia na cultura popular de certas historias referidas á historia de Galicia, cuxa forma e fondo se repetía de xeito semellante á marxe da orientación política ou da posición social de quen as contaba (entrevista de Montse Dopico, Praza Pública, 02-05-2016).
María do Cebreiro vén de gañar o Premio da Crítica española na modalidade de poesía en lingua galega con O deserto, un poemario froito da soidade, e tamén dos encontros con persoas queridas, durante unha convalecencia que durou meses (Montse Dopico, Praza Pública, 03-05-2016).
[...] a singular beleza que posúen os 36 poemas que compoñen este Itinerario lírico co que o poeta nos fai partícipes, de principio a fin, do seu tránsito polas diferentes singraduras vivenciais que vai deixando atrás (Modesto Fraga, La Voz de Galicia, 04-05-2016).
Carlos Reigosa presentó ayer en Madrid en la Casa de Galicia La venganza del difunto, obra escrita en gallego inicialmente, y con la que ahora muestra en castellano su maestría en un género cercano a la novela negra pero al que él añade ingredientes reconocibles, en este caso con Vigo como escenario, aunque con el añadido final del barrio de Palermo de Buenos Aires (P. R., La Voz de Galicia, 10-05-2015).
A Asociación O Fervedoiro vén de publicar Verbo na Arria, un libro de homenaxe a Xohán Xesús González que fai un repaso pola vida, obra, creacións culturais e políticas do canteiro, mestre, xornalista, avogado, escritor e político de Cuntis, fusilado en setembro de 1936 (Marcos Pérez Pena, Praza Pública, 12-05-2016).
Cesáreo Sánchez: o libro galego precisa un tratamento de “sector estratéxico”, como o que se lle recoñeceu na Lei do Libro aprobada no 2006. Alén dun plan de apoio á rede de librarías, a recuperación dunha Consellería de Cultura co peso orzamentario e político que lle corresponde, unha implicación real da Consellería de Industria cun orzamento específico, a creación do varias veces demandado Instituto Rosalía de Castro de promoción da cultura, o apoio firme dos medios de comunicación públicos e, en fin, que a lectura sexa considerada “asunto de Estado” (Praza Pública, 15-05-2016).
[...] é unha novela de cabalería do século XIV que foi un auténtico best-seller en toda Europa e que ten por heroe que encarna todas as perfeccións un fillo dun rei galego (Sermos Galiza, 18-05-2016).
María Solar vén de gañar o premio da I Gala do Libro Galego na modalidade de literatura infantil con O meu pesadelo favorito, (Galaxia), a mesma obra coa que levara o Lazarillo. Acaba de publicar tamén As horas roubadas (Xerais), unha novela sobre o maltrato e as maneiras erradas de entender o amor (entrevista de Montse Dopico, Praza Pública, 20-05-2016).
É unha visión teatralizada do suceso acontecido en abril de 1937, cando nove republicanos galegos quería fuxir nun barco dende o porto do Berbés e terminaron suicidándose ante o acoso policial (La Voz de Galicia, 27-05-2016).

[...] o autor defende que “a orixe das Irmandades haina que ver como unha especie de reacción contra a percepción de que as cousas ían cada vez peor para a lingua galega”. E a Academia daquel tempo nin sequera usaba o galego alén dos usos poéticos (R. Castro, Sermos Galiza, 26-05-2016).

2.5.16

Noticias de literatura-172. Abril de 2016

Debezos, de Avelino Díaz, “se terminó de imprimir el día 4 de julio de 1947 en la imprenta José Rosenbaum, Gral. Urquiza 42, Buenos Aires”, xusto vinte días antes de que vise a luz Cómaros verdes, tal e como se constata na contraportada das edicións orixinais dos dous libros (Ana Márquez, El Correo Gallego, 01-04-2016).
Na II Guerra Mundial, Galicia tivo unha importancia xeoestratéxica maior do que moita xente pensa. Non só polo wolframio. Tamén pola súa posición no Atlántico e o Cantábrico, pola proximidade dos escenarios de guerra, pola base de emisión de radio que os alemáns usaron en Cospeito, pola información que se movía a través dos consulados de Vigo, A Coruña, Vilagarcía… E pola fronteira (entrevista de Montse Dopico, Praza Pública, 08-04-2016).
As principais entidades vinculadas co escritor Ramón María del Valle-Inclán promoven unha completa programación colectiva para celebrar o 150 aniversario do nacemento do dramaturgo, novelista, poeta e ensaísta. Coa proposta 'A Maleta do mestre', a figura de Valle-Inclán viaxará por toda Galicia (El Correo Gallego, 08-04-2016).
Esta historia disparatada está protagonizada por una compañía de payasos, trapecistas y domadores que les enseñarán a los pequeños lectores que se acerquen a ellos lo que es el circo, el "mayor espectáculo del mundo" (El Correo Gallego, 08-04-2016).
A editorial Rinoceronte e Henrique Harguindey, o principal tradutor galego do francés, veñen de encher un importante baleiro ao verquer ao galego esta obra -de autor descoñecido- cuxa existencia só era coñecida practicamente por algúns filólogos e medievalistas, principalmente franceses (R. Castro, Sermos Galiza, 10-04-2016).
A clase dominante non quere que o concepto de clase social faga parte do debate público. É necesario que a plebe ignore a súa condición. As palabras de Napoleón, “a sociedade non pode existir sen a desigualdade das fortunas e a desigualdade das fortunas sen relixión” impresionan pola súa vocación materialista. Tamén as do chanceler Bismarck cando explica que a creación da Seguridade Social servirá, xunto á represión, para previr a revolta dos traballadores socialdemócratas e dividilos (Montse Dopico entrevista o autor en Praza Pública, 15-04-2016).
El libro, que aúna la creación literaria con la investigación  periodística, fue publicado por la editorial Ézaro en 2008 en  castellano y en enero de este año en gallego (El Correo Gallego, 15-04-2016).
La banda Gelria, formada por Elena Tarrats, Mario G. Cortizo y Federico Mosquera, lanzará el próximo 23 de abril el libro-disco 'Cantos de poeta', su primer trabajo discográfico con el que recorrerá a través de la música la historia de la poesía gallega contemporánea (El Correo Gallego, 17-04-2016).
Neste caso busquei máis a forma que o fondo, deixei que os relatos puidesen fluír coa temática sexual vertebrándoo todo, como non, pero tratando de reflectir algo moi conectado a través da diversidade. Non se pode definir como un conxunto de microrrelatos senón como unha unidade de microrrelatos que se interconectan para formar algo consonte (Montse Dopico, Praza Pùblica, 23-04-2016).
Dramaturga y ganadora ex aequo por su obra "Non teño espello no  baño" del premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico, Avelina  Pérez ha recibido hoy el galardón de manos de la directora del  Centro Dramático Galego, Fefa Noia (El Correo Gallego, 27-04-2016).

18.4.16

Carlos López. Raros e curiosos

Imaxe: Fervenzas Literarias
Neste libro de Carlos López atopamos unha manchea de personaxes Raros e curiosos -coma ese can verde da capa- dos que imos coñecendo vida e milagres ao longo dos 43 relatos que o compoñen.
Os relatos son todos moi curtos e cóntannos historias narradas dende a óptica do humor. As historias non sempre se centran nun único protagonista. As máis das veces xúntanse no mesmo relato varias anécdotas relacionadas por unha rareza común. Noutros casos, o autor usa o precedemento inverso: protagonista único que vai encadeando accións estrafalarias na procura dalgún descubrimento sorprendente que se nega a rematar noutra cousa que non sexa un absoluto fracaso.
Os personaxes adoitan ser individuos dominados por unha estraña heterodoxia que desafía o mais elemental sentido común, pero non son perigosos nin delincuentes. A mesma actitude a comportamento observámolo en personaxes animais ou mecánicos. Todos eles, por acción ou omisión, van configurando un mundo paralelo ao que consideramos normal, que se rexe por unhas leis que son a contrapartida do que habitualmente temos por lóxicas.
Entre as profesións atopadas en Raros e curiosos abondan as que lles é dada unha grande creatividade: científicos, literatos, músicos, artesáns, escultores, pintores… Seres que adoitan darlle á cabeciña unha volta de máis. Pero non por moito caletrar os resultados van ser mellores. O lector, á parte de rir co anecdotario que lle van ofrecendo os personaxes, non deixa de sentir tamén unha certa mágoa por eles ao ver que todo o tempo e esforzo dedicado ás súas arelas remata coroado por un estrepitoso fracaso. Aínda que algúns presentan outras versións da historia para facerlle ver ao lector que aquilo non é o que parece. Por exemplo, non foi o oleiro de “O clon de Adán”, encarraxado por non lle dar insuflado vida ao boneco de barro, quen destruíu o taller, senón o propio boneco que se viu feo ao cobrar vida e, coa rabia, escachifallou todo canto pillou por diante antes de desaparecer. Tamén na ficción “todo é asegún”, como dicía Risco.

Dictiografía

Carlos López, Raros e curiosos. A Coruña, Embora, 2014.

12.4.16

Manuel López Foxo. Sobre a poesía última de Manuel María (1976-1995)

Imaxe: Edicións Laiovento
Escritos dende a amizade e a admiración, Manuel López Foxo recolle neste libro un feixe de traballos sobre a obra poética que Manuel María escribiu entre 1976 e 1995. Estudan a etapa máis frutífera do poeta chairego. Son traballos diversos que cobren dúas décadas de labor, cohesionados por unha idea central: o desexo de convidar á lectura e ao estudo desprexuizados da poesía de Manuel María. Desexo non totalmente cumprido, aínda que as achegas á obra e á figura do poeta sexan hoxe abondosas e fondas. “É o meu desexo tamén convidar desde estas páxinas os lectores e as lectoras a redescubrir a palabra poética de Manuel María na súa expresión máis íntima e humanista” (p. 10). Este libro de López Foxo vai máis alá do marco cronolóxico do título e ofrece un seguimento do labor poético dun sempre activo Manuel María e referencia ese labor co doutros creadores do noso ámbito cultural: sempre que se produciu un cambio de rumbo na literatura do País, nomeadamente na poesía, a figura de Manuel María, independentemente da larga ou escasa recepción crítica da obra, estaba no grupo dos iniciadores do novo rumbo.

No perfil biográfico do poeta chairego, López Foxo destaca especialmente o carácter de figura ponte exercido por Manuel María:
Esta é a primeira reivindicación que quero facer da personalidade de Manuel María: salientar o seu perfil de patriarca, o seu papel de ponte histórica entre o nacionalismo da República e o nacionalismo da posguerra e o seu exemplo de intelectual sempre fiel ao país.
Manuel María pertence [...] a unha xeración fundamental na historia da nosa cultura contemporánea, a un grupo que asumiu un triplo compromiso: o compromiso coa lingua galega cando era case un delito escribir en galego, o compromiso cunha literatura que cumpría restaurar e enriquecer e, finalmente, o compromiso co proceso político do país, coa reorganización do nacionalismo galego” (p. 22).
Advirte Manuel López Foxo que para unha mellor comprensión da obra do chairego cómpre ter en conta as datas de redacción, mellor ca as de publicación: entre unhas e outras puideron ter pasado anos ou non ter correlación a publicación de obras coa súa redacción. Tocoulle vivir en tempos difíciles para a publicación en galego e as obras tiveron que durmir un longo sono nas gabetas.
Tendo en conta o anterior, López Foxo distingue catro épocas na poesía de Manuel María:
  1. Desasosego, que nos sitúa o poeta na Escola da Tebra: Muiñeiro de brétemas.
  2. Apertura á paisaxe: Terra Chá.
  3. Poesía de denuncia: Documentos persoaes, Mar Maior, Odes para un tempo de paz e de alegría.
  4. Retorno á poesía amorosa: Poemas ao Outono, Poemas da labarada estremecida.

Entre as características xerais da poesía de Manuel María salienta:
  • O compromiso e combate que manifesta, para empezar, na escolla lingüística.
  • O sentimento da terra e a fidelidade ás raíces.
  • A expresión do sentimento amoroso.
  • A visión panteísta da natureza.

Imaxe: Sobre a poesía última de Manuel María
O silencio que caeu sobre a poesía social, e sobre a de Manuel María en particular, atribúeo López Foxo a tres causas principais: o atraso na publicación dalgunhas obras significativas, a publicación en edicións humildes (ou nin sequera editadas) e a reacción da crítica contra todo o socialrealismo que, no caso do noso poeta, apunta no seu compromiso social e na súa militancia política. De aí a  chamada a redescubrir a Manuel María sen o prexuízo provocado pola poesía social que non sempre merece a cualificación de panfletaria. Manuel María, sen esquecer o compromiso, procurou a expresión estética dun xeito moi evidente.

Dictiografía

Manuel López Foxo, Sobre a poesía última de Manuel María (1976-1995). A Coruña, Laiovento, 2010.