2.5.16

Noticias de literatura-172. Abril de 2016

Debezos, de Avelino Díaz, “se terminó de imprimir el día 4 de julio de 1947 en la imprenta José Rosenbaum, Gral. Urquiza 42, Buenos Aires”, xusto vinte días antes de que vise a luz Cómaros verdes, tal e como se constata na contraportada das edicións orixinais dos dous libros (Ana Márquez, El Correo Gallego, 01-04-2016).
Na II Guerra Mundial, Galicia tivo unha importancia xeoestratéxica maior do que moita xente pensa. Non só polo wolframio. Tamén pola súa posición no Atlántico e o Cantábrico, pola proximidade dos escenarios de guerra, pola base de emisión de radio que os alemáns usaron en Cospeito, pola información que se movía a través dos consulados de Vigo, A Coruña, Vilagarcía… E pola fronteira (entrevista de Montse Dopico, Praza Pública, 08-04-2016).
As principais entidades vinculadas co escritor Ramón María del Valle-Inclán promoven unha completa programación colectiva para celebrar o 150 aniversario do nacemento do dramaturgo, novelista, poeta e ensaísta. Coa proposta 'A Maleta do mestre', a figura de Valle-Inclán viaxará por toda Galicia (El Correo Gallego, 08-04-2016).
Esta historia disparatada está protagonizada por una compañía de payasos, trapecistas y domadores que les enseñarán a los pequeños lectores que se acerquen a ellos lo que es el circo, el "mayor espectáculo del mundo" (El Correo Gallego, 08-04-2016).
A editorial Rinoceronte e Henrique Harguindey, o principal tradutor galego do francés, veñen de encher un importante baleiro ao verquer ao galego esta obra -de autor descoñecido- cuxa existencia só era coñecida practicamente por algúns filólogos e medievalistas, principalmente franceses (R. Castro, Sermos Galiza, 10-04-2016).
A clase dominante non quere que o concepto de clase social faga parte do debate público. É necesario que a plebe ignore a súa condición. As palabras de Napoleón, “a sociedade non pode existir sen a desigualdade das fortunas e a desigualdade das fortunas sen relixión” impresionan pola súa vocación materialista. Tamén as do chanceler Bismarck cando explica que a creación da Seguridade Social servirá, xunto á represión, para previr a revolta dos traballadores socialdemócratas e dividilos (Montse Dopico entrevista o autor en Praza Pública, 15-04-2016).
El libro, que aúna la creación literaria con la investigación  periodística, fue publicado por la editorial Ézaro en 2008 en  castellano y en enero de este año en gallego (El Correo Gallego, 15-04-2016).
La banda Gelria, formada por Elena Tarrats, Mario G. Cortizo y Federico Mosquera, lanzará el próximo 23 de abril el libro-disco 'Cantos de poeta', su primer trabajo discográfico con el que recorrerá a través de la música la historia de la poesía gallega contemporánea (El Correo Gallego, 17-04-2016).
Neste caso busquei máis a forma que o fondo, deixei que os relatos puidesen fluír coa temática sexual vertebrándoo todo, como non, pero tratando de reflectir algo moi conectado a través da diversidade. Non se pode definir como un conxunto de microrrelatos senón como unha unidade de microrrelatos que se interconectan para formar algo consonte (Montse Dopico, Praza Pùblica, 23-04-2016).
Dramaturga y ganadora ex aequo por su obra "Non teño espello no  baño" del premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico, Avelina  Pérez ha recibido hoy el galardón de manos de la directora del  Centro Dramático Galego, Fefa Noia (El Correo Gallego, 27-04-2016).

18.4.16

Carlos López. Raros e curiosos

Imaxe: Fervenzas Literarias
Neste libro de Carlos López atopamos unha manchea de personaxes Raros e curiosos -coma ese can verde da capa- dos que imos coñecendo vida e milagres ao longo dos 43 relatos que o compoñen.
Os relatos son todos moi curtos e cóntannos historias narradas dende a óptica do humor. As historias non sempre se centran nun único protagonista. As máis das veces xúntanse no mesmo relato varias anécdotas relacionadas por unha rareza común. Noutros casos, o autor usa o precedemento inverso: protagonista único que vai encadeando accións estrafalarias na procura dalgún descubrimento sorprendente que se nega a rematar noutra cousa que non sexa un absoluto fracaso.
Os personaxes adoitan ser individuos dominados por unha estraña heterodoxia que desafía o mais elemental sentido común, pero non son perigosos nin delincuentes. A mesma actitude a comportamento observámolo en personaxes animais ou mecánicos. Todos eles, por acción ou omisión, van configurando un mundo paralelo ao que consideramos normal, que se rexe por unhas leis que son a contrapartida do que habitualmente temos por lóxicas.
Entre as profesións atopadas en Raros e curiosos abondan as que lles é dada unha grande creatividade: científicos, literatos, músicos, artesáns, escultores, pintores… Seres que adoitan darlle á cabeciña unha volta de máis. Pero non por moito caletrar os resultados van ser mellores. O lector, á parte de rir co anecdotario que lle van ofrecendo os personaxes, non deixa de sentir tamén unha certa mágoa por eles ao ver que todo o tempo e esforzo dedicado ás súas arelas remata coroado por un estrepitoso fracaso. Aínda que algúns presentan outras versións da historia para facerlle ver ao lector que aquilo non é o que parece. Por exemplo, non foi o oleiro de “O clon de Adán”, encarraxado por non lle dar insuflado vida ao boneco de barro, quen destruíu o taller, senón o propio boneco que se viu feo ao cobrar vida e, coa rabia, escachifallou todo canto pillou por diante antes de desaparecer. Tamén na ficción “todo é asegún”, como dicía Risco.

Dictiografía

Carlos López, Raros e curiosos. A Coruña, Embora, 2014.

12.4.16

Manuel López Foxo. Sobre a poesía última de Manuel María (1976-1995)

Imaxe: Edicións Laiovento
Escritos dende a amizade e a admiración, Manuel López Foxo recolle neste libro un feixe de traballos sobre a obra poética que Manuel María escribiu entre 1976 e 1995. Estudan a etapa máis frutífera do poeta chairego. Son traballos diversos que cobren dúas décadas de labor, cohesionados por unha idea central: o desexo de convidar á lectura e ao estudo desprexuizados da poesía de Manuel María. Desexo non totalmente cumprido, aínda que as achegas á obra e á figura do poeta sexan hoxe abondosas e fondas. “É o meu desexo tamén convidar desde estas páxinas os lectores e as lectoras a redescubrir a palabra poética de Manuel María na súa expresión máis íntima e humanista” (p. 10). Este libro de López Foxo vai máis alá do marco cronolóxico do título e ofrece un seguimento do labor poético dun sempre activo Manuel María e referencia ese labor co doutros creadores do noso ámbito cultural: sempre que se produciu un cambio de rumbo na literatura do País, nomeadamente na poesía, a figura de Manuel María, independentemente da larga ou escasa recepción crítica da obra, estaba no grupo dos iniciadores do novo rumbo.

No perfil biográfico do poeta chairego, López Foxo destaca especialmente o carácter de figura ponte exercido por Manuel María:
Esta é a primeira reivindicación que quero facer da personalidade de Manuel María: salientar o seu perfil de patriarca, o seu papel de ponte histórica entre o nacionalismo da República e o nacionalismo da posguerra e o seu exemplo de intelectual sempre fiel ao país.
Manuel María pertence [...] a unha xeración fundamental na historia da nosa cultura contemporánea, a un grupo que asumiu un triplo compromiso: o compromiso coa lingua galega cando era case un delito escribir en galego, o compromiso cunha literatura que cumpría restaurar e enriquecer e, finalmente, o compromiso co proceso político do país, coa reorganización do nacionalismo galego” (p. 22).
Advirte Manuel López Foxo que para unha mellor comprensión da obra do chairego cómpre ter en conta as datas de redacción, mellor ca as de publicación: entre unhas e outras puideron ter pasado anos ou non ter correlación a publicación de obras coa súa redacción. Tocoulle vivir en tempos difíciles para a publicación en galego e as obras tiveron que durmir un longo sono nas gabetas.
Tendo en conta o anterior, López Foxo distingue catro épocas na poesía de Manuel María:
  1. Desasosego, que nos sitúa o poeta na Escola da Tebra: Muiñeiro de brétemas.
  2. Apertura á paisaxe: Terra Chá.
  3. Poesía de denuncia: Documentos persoaes, Mar Maior, Odes para un tempo de paz e de alegría.
  4. Retorno á poesía amorosa: Poemas ao Outono, Poemas da labarada estremecida.

Entre as características xerais da poesía de Manuel María salienta:
  • O compromiso e combate que manifesta, para empezar, na escolla lingüística.
  • O sentimento da terra e a fidelidade ás raíces.
  • A expresión do sentimento amoroso.
  • A visión panteísta da natureza.

Imaxe: Sobre a poesía última de Manuel María
O silencio que caeu sobre a poesía social, e sobre a de Manuel María en particular, atribúeo López Foxo a tres causas principais: o atraso na publicación dalgunhas obras significativas, a publicación en edicións humildes (ou nin sequera editadas) e a reacción da crítica contra todo o socialrealismo que, no caso do noso poeta, apunta no seu compromiso social e na súa militancia política. De aí a  chamada a redescubrir a Manuel María sen o prexuízo provocado pola poesía social que non sempre merece a cualificación de panfletaria. Manuel María, sen esquecer o compromiso, procurou a expresión estética dun xeito moi evidente.

Dictiografía

Manuel López Foxo, Sobre a poesía última de Manuel María (1976-1995). A Coruña, Laiovento, 2010.

10.4.16

Manuel María. Barriga Verde

A obra edítaa Castrelos, na célebre colección O Moucho, en 1968 e pona en escena a compañía
Abrente o ano seguinte na Mostra de Ribadavia. Foi a primeira que viu sobre as táboas e figura entre as máis representadas do autor.

A peza estruturase nun prólogo e tres tempos de cinco escenas cada un.
Barriga Verde aparece no prólogo como personaxe popular e atemporal (para iso escacha o reloxo) e, a medida que avanza a obra, vai gañando cometidos: padriño dos noivos, árbitro na disputa amorosa, xuíz e parte no desenlace. Este amo de barraca de feira descríbese como bohemio e perdedor (tempo 3, escena 1); considérase un “vagamundo” que percorre o país de festa en festa na compaña dos seus amigos. Na obra, Barriga Verde é un monicreque máis, que actúa como alma mater do espectáculo.
A obra é unha homenaxe a Silvent:
Xosé Silvent Martínez, máis coñecido como Barriga Verde, e alcumado Traga Estopa[1] en Lugo e Xosé o dos Monecos[2] en Pontevedra, nado en Santa Marta del Campo (provincia de Badaxoz) o 29 de xullo de 1890 e finado en 1970, foi un pioneiro do espectáculo de monicreques na Galiza de mediados do século XX (ficha da Galipedia).
Manuel María converte a persoa en personaxe da súa propia barraca, pero segue a manter o controlde todo canto se mova no teatriño. E aínda que o Demo lle bote en cara que sexa “un poeta tolo” quen lle escriba a obra, Barriga Verde retrúcalle que el é o dono e fala o que lle dá a gana.
Imaxe: Biblioteca Marioneta
Manuel María fai de Barriga Verde un personaxe para a Literatura liberándoo da tiranía do paso do tempo: “Ese reloxo marcaba o meu tempo. Entón decateime de que o reloxo era o meu inimigo. Fun e… ¡plum!, cun martelo desfixen o reloxo. [...] Agora o tempo xa non corre para min”. Barriga Verde convértese, en calquera tempo e lugar, nun galego máis da tribo. O resto dos personaxes tamén os recolle o autor da tradición da barraca de feira e failles gardar respecto a Barriga Verde unha relación de pertenza: “Eu son o Serrador de Barriga Verde”, recoñece este boneco.
Na farsa desenvólvese o tema tradicional do matrimonio da moza casadeira. A Moza é pretendida polo Galego e mais polo Serrador. Cada un deles tenta convencela de que é o mellor partido. A Moza decántase polo Galego, mais o Serrador non se rende. Ambos os contendentes buscan aliados e levan a cabo unha guerra sen cuartel. Barriga Verde toma partido pola parella de namorados. O Galego derrota o Serrador e aliados (o Demo e o Touro), pero a Moza non logra o seu desexo porque o cura que os ía casar morre accidentalmente por trancazo amigo.
Foto: Praza Pública
O personaxe do Crego vaise construíndo seguindo as pautas da tradición. Na época, a sotana e o uniforme eran saídas cobizadas polos desertores do arado. Por iso non era estraño atopar relixiosos sen vocación, máis amantes do diñeiro ca de Deus. É o caso do noso bonifrate, que só exerce o seu oficio cos cartos por diante: “Eu quero cartos por vos casar”; “Eu quero diñeiro / que é bo cabaleiro”; tamén pide cen pesos para el e propina para o sancristán…, entre outros exemplos. Entre os seus cometidos está o de esixir o coñecemento da doutrina aos fregueses; así o fai coa Moza, á que considera un bo partido porque ten prata (“da que fai a gata”) e ouro (“do que fai o mouro”).
A Moza non é tan inocente como se vende. Ten présa por casar: “Eu si que teño présa / pois xa lavei a camisa”. Tamén se considera aldraxada cando o Crego lle insinúa os cornos ao Galego: “¡Vou limpa coma un luceiro / e brillante como a lúa!”. Pero no remate da peza descóbreselle o seu dobre xogo. Dobre xogo que non é enganoso, senón que obedece a unha estratexia de autodefensa. Ben avisado o tiña co de lavar camisas (que nos lembra a cantiga dionisiana), confirmado polo Galego, que recoñece ter “a camisa lavada / pranchada e almidoada”. Na época en que se escribe a paza a situación das mulleres pode verse plasmada na máxima que a converte en “reina del hogar y esclava de su marido”. Á hora de escoller parella recomendábaselle seguir a regra dos tres ces (cabeza, corazón, carteira). O matrimonio tiña máis de contrato económico ca de relación afectiva. A Moza só ten o capital do seu amor, que lle ofrecerá ao mellor partido: “¡Eu quero a lúa!”. Así e todo, é o Galego e non a Moza quen sostén que “o ter é o que máis importa”. O difícil equilibrio entre vivir a vida e manterse na ortodoxia social sofre un trastallazo coa morte do Crego, personaxe con poder para oficializar a decencia. (Lembremos que non hai tantos anos, unha nai solteira era unha apestada social).
O personaxe do Galego está construído como un arquetipo. Usa o xentilicio como nome propio. Barriga Verde felicita a Moza pola escolla: “¡En toda a terra non hai mozo máis galán!” (tempo 1, escena V). “Garimoso e bo mozo”, pola parte que lle toca dicir á Moza que, malia as circunstancias adversas, amosa amor real e ilusión pola vida.
Canda estas inmellorables prensas físicas e morais, o Galego presenta outras aínda hoxe obxecto de acre debate social que asoman na parola coa futura muller:
-¿Quen manda eiquí? ¿Quen é eiquí o home?
-Eu sempre teño razón
O Galego, coa axuda de Barriga Verde, enfróntase con afouteza ao Serrador antagonista e aos seus axudantes a cachaporrazo limpo. No espectáculo de Silvent cando morre o demo acaba a peseta, isto é, remata a función. Na peza de Manuel María, canda o remate clásico do espectáculo, queda no aire unha cuestión máis dramática. Os seus monicreques latexan coma seres humanos.

ACTIVIDADES
Imaxe: HLG AS-PG
Na edición de Barriga Verde de 1996, Santiago Esteban Radío propón unha batería de actividades para a práctica de teatro na aula.

BIBLIOGRAFÍA
  • Esteban Radío, Santiago, “O teatro de Manuel María”, en Manuel María, Barriga Verde, Ourense, Galiza Editora, 1996, pp. 3-33.

DICTIOGRAFÍA
Sobre a obra

Sobre Barriga Verde (hoxe e noutrora):

Manuel María, Barriga Verde. Farsa pra bonecos. Vigo, Edicións Castrelos, 1968.
Personaxes (7): Barriga Verde, O Galego, A Moza, O Serrador, Crego, O Demo, Touro.