A obra edítaa Castrelos, na célebre colección O Moucho, en 1968 e pona en escena a compañía
Abrente o ano seguinte na Mostra de Ribadavia. Foi a primeira que viu sobre as táboas e figura entre as máis representadas do autor.
A peza estruturase nun prólogo e tres tempos de cinco escenas cada un.
Barriga Verde aparece no prólogo como personaxe popular e atemporal (para iso escacha o reloxo) e, a medida que avanza a obra, vai gañando cometidos: padriño dos noivos, árbitro na disputa amorosa, xuíz e parte no desenlace. Este amo de barraca de feira descríbese como bohemio e perdedor (tempo 3, escena 1); considérase un “vagamundo” que percorre o país de festa en festa na compaña dos seus amigos. Na obra, Barriga Verde é un monicreque máis, que actúa como alma mater do espectáculo.
A obra é unha homenaxe a Silvent:
Xosé Silvent Martínez, máis coñecido como Barriga Verde, e alcumado Traga Estopa[1] en Lugo e Xosé o dos Monecos[2] en Pontevedra, nado en Santa Marta del Campo (provincia de Badaxoz) o 29 de xullo de 1890 e finado en 1970, foi un pioneiro do espectáculo de monicreques na Galiza de mediados do século XX (ficha da Galipedia).
Manuel María converte a persoa en personaxe da súa propia barraca, pero segue a manter o controlde todo canto se mova no teatriño. E aínda que o Demo lle bote en cara que sexa “un poeta tolo” quen lle escriba a obra, Barriga Verde retrúcalle que el é o dono e fala o que lle dá a gana.
Manuel María fai de Barriga Verde un personaxe para a Literatura liberándoo da tiranía do paso do tempo: “Ese reloxo marcaba o meu tempo. Entón decateime de que o reloxo era o meu inimigo. Fun e… ¡plum!, cun martelo desfixen o reloxo. [...] Agora o tempo xa non corre para min”. Barriga Verde convértese, en calquera tempo e lugar, nun galego máis da tribo. O resto dos personaxes tamén os recolle o autor da tradición da barraca de feira e failles gardar respecto a Barriga Verde unha relación de pertenza: “Eu son o Serrador de Barriga Verde”, recoñece este boneco.
Imaxe: Biblioteca Marioneta |
Na farsa desenvólvese o tema tradicional do matrimonio da moza casadeira. A Moza é pretendida polo Galego e mais polo Serrador. Cada un deles tenta convencela de que é o mellor partido. A Moza decántase polo Galego, mais o Serrador non se rende. Ambos os contendentes buscan aliados e levan a cabo unha guerra sen cuartel. Barriga Verde toma partido pola parella de namorados. O Galego derrota o Serrador e aliados (o Demo e o Touro), pero a Moza non logra o seu desexo porque o cura que os ía casar morre accidentalmente por trancazo amigo.
Foto: Praza Pública |
O personaxe do Crego vaise construíndo seguindo as pautas da tradición. Na época, a sotana e o uniforme eran saídas cobizadas polos desertores do arado. Por iso non era estraño atopar relixiosos sen vocación, máis amantes do diñeiro ca de Deus. É o caso do noso bonifrate, que só exerce o seu oficio cos cartos por diante: “Eu quero cartos por vos casar”; “Eu quero diñeiro / que é bo cabaleiro”; tamén pide cen pesos para el e propina para o sancristán…, entre outros exemplos. Entre os seus cometidos está o de esixir o coñecemento da doutrina aos fregueses; así o fai coa Moza, á que considera un bo partido porque ten prata (“da que fai a gata”) e ouro (“do que fai o mouro”).
A Moza non é tan inocente como se vende. Ten présa por casar: “Eu si que teño présa / pois xa lavei a camisa”. Tamén se considera aldraxada cando o Crego lle insinúa os cornos ao Galego: “¡Vou limpa coma un luceiro / e brillante como a lúa!”. Pero no remate da peza descóbreselle o seu dobre xogo. Dobre xogo que non é enganoso, senón que obedece a unha estratexia de autodefensa. Ben avisado o tiña co de lavar camisas (que nos lembra a cantiga dionisiana), confirmado polo Galego, que recoñece ter “a camisa lavada / pranchada e almidoada”. Na época en que se escribe a paza a situación das mulleres pode verse plasmada na máxima que a converte en “reina del hogar y esclava de su marido”. Á hora de escoller parella recomendábaselle seguir a regra dos tres ces (cabeza, corazón, carteira). O matrimonio tiña máis de contrato económico ca de relación afectiva. A Moza só ten o capital do seu amor, que lle ofrecerá ao mellor partido: “¡Eu quero a lúa!”. Así e todo, é o Galego e non a Moza quen sostén que “o ter é o que máis importa”. O difícil equilibrio entre vivir a vida e manterse na ortodoxia social sofre un trastallazo coa morte do Crego, personaxe con poder para oficializar a decencia. (Lembremos que non hai tantos anos, unha nai solteira era unha apestada social).
O personaxe do Galego está construído como un arquetipo. Usa o xentilicio como nome propio. Barriga Verde felicita a Moza pola escolla: “¡En toda a terra non hai mozo máis galán!” (tempo 1, escena V). “Garimoso e bo mozo”, pola parte que lle toca dicir á Moza que, malia as circunstancias adversas, amosa amor real e ilusión pola vida.
Canda estas inmellorables prensas físicas e morais, o Galego presenta outras aínda hoxe obxecto de acre debate social que asoman na parola coa futura muller:
-¿Quen manda eiquí? ¿Quen é eiquí o home?
-Eu sempre teño razón
O Galego, coa axuda de Barriga Verde, enfróntase con afouteza ao Serrador antagonista e aos seus axudantes a cachaporrazo limpo. No espectáculo de Silvent cando morre o demo acaba a peseta, isto é, remata a función. Na peza de Manuel María, canda o remate clásico do espectáculo, queda no aire unha cuestión máis dramática. Os seus monicreques latexan coma seres humanos.
ACTIVIDADES
Imaxe: HLG AS-PG |
Na edición de Barriga Verde de 1996, Santiago Esteban Radío propón unha batería de actividades para a práctica de teatro na aula.
BIBLIOGRAFÍA
- Esteban Radío, Santiago, “O teatro de Manuel María”, en Manuel María, Barriga Verde, Ourense, Galiza Editora, 1996, pp. 3-33.
DICTIOGRAFÍA
Sobre a obra
- Manuel María na páxina de documentación da AELG.
Sobre Barriga Verde (hoxe e noutrora):
- Barriga Verde na Galipedia. Recolle gran número de ligazóns.
- barrigaverde.eu. Páxina da Asociación Morreu o Demo.
- Anxo García, “Buscando a Barriga Verde”, Titeresante. Revista de títeres, sombras y marionetas, 06-02-2011.
- Marcos Pérez Pena, “O que sucedeu en Madrid reafirma o potencial subversivo das marionetas”, Praza Pública, 09-02-2016.
Manuel María, Barriga Verde. Farsa pra bonecos. Vigo, Edicións Castrelos, 1968.
Personaxes (7): Barriga Verde, O Galego, A Moza, O Serrador, Crego, O Demo, Touro.
Ningún comentario:
Publicar un comentario