26.6.07

¿Gallego para maricones?





Hai noticias que non se poden comentar. ¿Que comentario vas facer se te deixan coa boca aberta, incrédulo, pampo, estantío?




¿Que mal lle puido facer o noso idioma a algúns para que salten con estas saídas de pata de banco?




Se o galego vale realmente tan pouco como pretenden demostrar, ¿a que lles vén tales mostras de vesania?




¿Por que copian campañas homófobas? ¿Non lles dá a cabeciña para algo máis orixinal?




¿Isto é toda a contribución á cultura no seu adorado idioma?




17.6.07

An Alfaya. Literatura e marxinalidade

Atopamos no Galicia Hoxe unha entrevista coa escritora An Alfaya. (Tamén se pode ver en Xeración web.) O motivo periodístico vén sendo a produción literaria galardoada no último ano. Na entrevista fálanos de proxectos inmediatos e tamén de aspectos básicos da súa literatura. Os lectores deste noso instituto xa coñecemos algúns deles: lembremos o club de lectores de Desventura. Sóannos coñecidas afirmacións como:

A miña intención cando escribo un texto é que o lector se involucre nunha aventura de tipo emocional. O que prima é a intensidade das historias e preocúpame sobre todo o mundo dos sentimentos, como senten as personaxes, como viven as situacións, na marxe da temática, que neste caso é o mundo da indixencia. E que logo o lector interprete o que considere oportuno, intento non introducirme no texto nin facer valoracións, non me gusta a literatura enfocada ao didactismo. Procuro que as personaxes falen e que co seu comportamento lle digan ao lector o que senten.

A noticia tráenos á cabeza o indixencia afectiva do pobre Ventura, a quen algún dos lectores cualificou de "matadiño sentimental".

Os membros deste club de lectores tamén queremos felicitar a autora.
(Imaxe de Galicia Hoxe, 17-6-07)

13.6.07

Cardume, novela e guerra civil.


Cardume, novela de Rexina R. Vega, está a ser noticia por gañar o premio Xerais este ano. Recollemos neste apuntamento o artigo de Galicia Hoxe, no que se fai unha primeira achega á obra. Del destacamos esta afirmación:

O título de Cardume é algo máis que un grupo de peixes que se moven xuntos: "Trata das vidas menores, insignificantes, dos suxeitos pasados aos que lles din que teñen que ir na dirección do cardume, do que marca o grupo". Esa resistencia personalízaa na figura de Urbano Rodríguez Moledo, un parente seu, dramaturgo, fusilado no 36.

(Imaxe de Galicia Hoxe.)

12.6.07

Pacifismo no tempo dos Irmandiños

Este é o tema central de Unha primavera para Aldara, peza teatral coa que Teresa Moure gañou o Rafael Dieste de teatro.
Segundo lemos no Galicia Hoxe: "O tema, en síntese "é a historia dun convento galego de monxas no ano 1465, na época das grandes loitas irmandiñas e na súa tese defendo a liberdade individual e fago un alegato a prol do pacifismo".

(Imaxe de Galicia Hoxe, 12 de xuño de 2007.)

9.6.07

No queremos una “imposición” del gallego

Sabemos pola prensa da iniciativa de profesores e pais de alumnos da plataforma Tan gallego como el gallego para poñer contención ó decreto de normalización lingüística que, parece ser, se vai aplicar no ensino dende o vindeiro curso.
Non se poñen de acordo os xornais aquí citados sobre o número de sinaturas: nove mil para un, doce mil para outro. Tanto ten unha parroquia arriba ou abaixo.
Sostén o colectivo que “no estamos contra la cultura gallega, ni contra el gallego, sólo queremos decidir el idioma en el que se eduque a nuestros hijos” (cito seguindo La Voz de Galicia, edición local de Vigo). O colectivo analiza o Plan de normalización e son conscientes de que:
a) “Plantea” problemas de aprendizaxe ós nenos “castellanoparlantes”;
b) están seguros da perda de calidade que supón “dictar” unha clase nunha lingua que non é a súa habitual;
c) Están preocupados os membros do colectivo porque se chegue a un ensino totalmente en galego se se dá nun contexto comunicativo “habitual en gallego”.
d) A petición que dirixen á Xunta ampárase nos principios fundamentais da persoa.

Como pai de fillos lexítimos quero sumarme ó preocupado sentir deste colectivo. Para os meus fillos lexítimos quero sempre o mellor. En consecuencia, manifesto o meu profundo aqueloutramento porque lle ensinen o galego ou en galego ós meus herdeiros. ¿Quen pode desexar para os seus fillos lexítimos que lle aprendan nun idioma de pailáns, cochasardiñas e destripaterróns? ¿Quen pode desexar para os seus fillos que nolos convertan nun fato de negrosgallegosdeesosqueandaporahí? No lo permita Dios. E se o permite, xa nos encargaremos de traelo ó rego.
Entendo, comparto e súmome ó devezo dos pais.
Mais tocante ó profesores do colectivo xa é fariña doutra saqueta. Confeso que me deixan algo desnortado. É certo que o colectivo docente –no que para a miña desgraza me inclúo– resultou algo desastriño no que portén ó ensino das linguas. Tamén noutros aspectos, pero mellor calamos non vaia ser que nos suban o soldo e nos dean máis vacacións.
Coido que un profesor debería ser capaz de ver as dúas caras desta moeda do conflito lingüístico. E debería pensar dúas veces antes de se embarcar en aventuras que poñen en dúbida a decencia intelectual e a responsabilidade social coa terra na que pacen. A cuestión do bilingüismo é vella e conta con documentación inabarcable, pero algunha dela debería consultarse para abrir horizontes máis alá do noso propio nariz. En galego tamén hai documentación ó respecto e está ben considerada mesmo fóra de España. Poden empezar a consulta pola páxina do Consello da Cultura Galega (contra la que no están).
Os meus colegas de gremio tamén deberían botar un chisquiño a vista atrás. Tan só uns anos atrás. Tantos como os que podemos ter aqueles que xa somos maduros pero aínda non podres. Refírome a esa etapa da historia de España que todo mundo quere enterrar xunto co seu ilustre protagonista. Pois veña, compañeiros de gremio, revisade esa etapa e contádeme como estaba a cuestión da calidade do ensino, das clases “dictadas”, dos dereitos da persoa e da libre elección de lingua para educar os nosos fillos lexítimos. E xa de postos, consultade os datos sobre o fracaso escolar nesa época. O ICE ten algún estudo feito. E explicádeme por que se aprecia a meirande taxa de fracaso nos monolingües... en galego. Algúns con esta condición logramos colgar título universitario na parede da casa (e non estou a falar dunha filoloxía nin galega nin portuguesa), e mesmo vivir del, sen acusar especial trauma por estudar nunha lingua que “no es la suya habitual”. Porque se cadra o gran problema non é a lingua.
Ou si, como diría algún ilustre político. Sempre me teño preguntado a razón dun feito que vexo acotío: alguén que bote dez anos en París, Roma, Nova York, Bos Aires... dá aprendido o idioma que neses sitios se fala; mesmo hai xente que ata chega a perder o seu acento. Pois coñezo profesores que levan vinte e tantos anos vivindo en Vigo e non van máis alá do “hasta lueguiño”. ¿Podemos tirar disto algunha conclusión?
Se seguimos revisando os datos estatísticos, ¿que porcentaxe achamos de xordos, mudos e analfabetos en galego? Se son certos os datos de certo instituto de estatística, moitos: dan ben para encher un ou dous autobuses; aínda que disto xa hai ben tempo, porque estou pensando en datos de 2003. A estas alturas de século dan para cargar o AVE.
¿E os estranxeiros? Asegún. O senegalés que caeu por aquí non ten máis problemas co galego ca co castelán. Co galego aínda menos, porque estará exento. As nosas autoridades educativas consideran que o galego é un idioma imposible para senegaleses. Menos mal que hai profesores de francés; porque por estes lares considérase que o idioma materno dun nativo do Senegal é o francés, como está mandado. O que non sei que pintan son eses estranxeiros que veñen instalados xa no galego.
¿Problemas para aprender en galego? Home, si. Hai todos os que os indíxenas queiramos inventar. Refírome a indíxenas de intelixencia normal. Nestes tempos, coa universalización do ensino e o aparcamento dos rapaces nas escolas ata que empezan a ter entradas, decatámonos que hai máis xente da que se pensaba que presenta dificultades para aprender. Pero a estes tanto lles ten o idioma: presentan a mesma capacidade de resposta se lle falas en galego ca en guaraní.
Así e todo, comparto e súmome ó aqueloutramento dos pais. Son consciente de que un ensino en galego é provocador. Cómpre darlle unha resposta contundente. Se é preciso, tomaremos medidas de forza: queimaremos contedores, cortaremos o tráfico... e o gremio dos profesores debemos ir sostendo a pancarta. ¡Árdalle o eixo, carballeira!
Porque un ensino en galego, aínda que non máis sexa do 50 por cento, é un problema gordo. É o problema. Non hai outro. ¿Ou si?
Nos meus adentros rezo para que haxa doce ou nove mil rapaces que non teñan a neurona atravesada e sexan capaces de facer en galego, para empezar, e en calquera outro idioma, para seguir, o que os seus pais e profesores están demostrando que son incapaces de facer. Tamén vos pido, rapaces, que sexades indulxentes cos pais e cos profesores. Porque cando se nos retorce a intelixencia visceral podemos resultar algo parvos e ruíns.
Vivide, rapaces, e deixade vivir.
(Gustaríame asinar este espiche con “Tan príncipe de Gales como Carlos de Inglaterra.uk”. Nas orellas case dou o talle. Pero non estou á altura no diñeiro, no poder, no traxe de faldra nin na Camila. Non se pode ter todo, ¡madia leva! Por culpa do galego, seguro.)

7.6.07

Oriana Méndez


Sobre esta poeta nova atopamos dúas referencias na prensa de hoxe. Motivo: a presentación do pemario Derradeiras conversas co capitán Kraft.

Unha delas vémola no suplemento "Revista das Letras". Cualifica a poeta como "voz poderosa e feroz, intelixente e desbordante". Acompaña á introdución unha ampla escolma.

Por outra parte, na páxina 3 do "Faro da Cultura" atopamos unha entrevista coa autora. Nela afirma que "O capitán Kraft ten a función de romper os modelos vitais burgueses”.

Novela negra

Lemos o artigo no Galicia Hoxe: Domingo Villar prepara a segunda parte da novela Ollos de auga.

6.6.07

Lingua esgallada-30

LINGUA ESGALLADA-30

Velaquí algunhas expresións recollidas das exposicións orais. Contémplaas dende a óptica do rexistro estándar e sinala a solución que creas máis idónea. E para pórlle o ramo á obra, comenta as razóns da rectificación.

300 Pertence a unha sociedade adiñeirada.
301 Tarda un par de días en atopar o arma.
302 Encontra a casa que lle había dito o chápiro.
303 Come avena e toxo.
304 Díxolle que collera un trozo da súa pel.
305 Unha habitación que estaba ó lado da cociña.
306 Pensou que A. habíalle gastado unha broma.
307 Descubre unha nube de humo.
308 Xabier había quemado a casa.
309 Encontrou un libro entre os escombros.


CONDICIÓNS DO TRABALLO
BAC: Rectificación + explicación.
ESO: Rectificación.
Valoración: 2 puntos (para a cesta).
Data entrega: 24 horas despois da publicación neste blog. Non se contan festivos nin sábado inglés
.

21.5.07

Rosa Aneiros


De interese especial para bachareis.

Lede a entrevista de Lupe Gómez con Rosa Aneiros publicada no Galicia Hoxe.

Para quen no teña lido Veu visitarme o mar, ten aquí unha primeira achega.

Tamén podedes ver as súas colaboracións na páxina do Consello da Cultura.

A autora dispón dunha ficha moi resumidiña na Wikipedia.

Outra entrevista atoparédela nesta páxina de Caixagalicia.
(Imaxe de Galicia Hoxe, 21 de maio de 2007).

19.5.07

Guía sexual da sociolingüística

En realidade, o artigo de Sechu Sende ó que facemos referencia ten pouco que ver co adxectivo que figura no título, pero moito cunha relación afectiva coa lingua. Ironías á parte, trátase dun texto moi asisado e merecente de ser levado á práctica.
O artigo suscita unha agradable sensación nos que temos coa lingua unha relación amorosa tan real coma inexplicable. Mais non nos impide mirar de esguello para quen tamén nisto se comporta coma un baballoso ou un baldreu, dispensando.
Lédeo e que vos sirva de proveito.

(Os bachareis podedes engadilo ós vosos "apuntiños" sobre lingua e sociedade. En serio.)
Abur, e sede felices (se podedes).
Sobre o asunto, vede tamén http://www.blogoteca.com/literactua/index.php?cod=15124.

(Imaxe: Sechu Sende fotografado por Nacho Santás. Galicia Hoxe.)

18.5.07

María Mariño. O día despois

Pasada a festa e metida a gravata no caixón do armario, algúns mesmo con desgusto, cómprenos botar unha ollada atrás. O artigo que enlazamos resulta unha boa axuda. Pedro Rielo reflexiona sobre como lle sentaría á autora homenaxeada a súa elevación ós altares das Letras, cando en vida non gustaba moito desas romarías. Tamén apunta algunha idea de como debería ser a celebración das Día das Letras e que non estaría de máis considerar.

(Imaxe de http://www.17demaio.org/marino2007/galizamarino.php?lg=gal.)

17.5.07

María Mariño. O día.


Unha ollada a prensa de hoxe e vemos as primeiras páxinas en galego. Xa case nin é estraño. Outro cantar xa é o desenvolvemento das noticias desas primeiras páxinas.
Para os que nos interesamos pola figura literaria destacamos:
O Faro da Cultura, e a Revista das Letras.
O dixital Xeración Web publica un artigo ("O legado de María Mariño"), con vídeo incluído.
Outros suplementos dos xornais, adiantados ó gran día, xa quedaron citados nesta sección.
Para os escolantes ten interese o seguimento que o blog Maestro está a facer do tratamento que lle dan a prensa e internet a María Mariño. Tamén propón actividades para achegarse ó coñecemento da poeta.

(Imaxe de Galicia Hoxe, 17-5-07. Ilustra unha noticia relacionada coa cruz da moeda da lingua)

Santa Facundia y santa Desvergüenza, orate pro nobis

Gústame o artigo de Plácido Lizancos que publica no Galicia Hoxe. Gústame polo ben que expón unha triste realidade, non porque me alegre esa realidade da que fala.
Non poño en dúbida a calidade dos nosos políticos. Pero se se lles medise a calidade pola requintada lingua que empregan, daría máis que chuchar a cabeza dunha gamba.
O que non chego a entender é que, levando tanto tempo como levan algúns metidos na política profesional e empregando o galego, mesmo como rito, aínda o teñan tan escalazadiño.
E se non dan controlado un idioma tan sinxelo, ¿que faran co destino do país?
A resposta témola en Irlanda. Vede, se non, o artigo "Igualiño que nós", publicado en La Voz de Galicia (17-5-07, edición impresa): "No lo han hecho con el afamado modelo gallego. ¿Por qué pita Irlanda? Pues porque a las multinacionales les resulta práctico un país donde todo el mundo habla inglés (...)".
E un pensando que a incompetencia, a fachenda, o atraso... en fin, todas esas virtudes que asolagan os países e as súas xentes, non tiñan relación co idioma que falasen. Andaba trascaburrado. Perdón.
(O artigo que se cita tampouco está escrito en inglés. Aínda así, hai afirmacións que pitan que dá gusto.)

(Imaxe de http://www.maisondelapoesie.be/article.php?id=261.)

16.5.07

María Mariño. Vésperas

Vésperas do Día das Letras. Seguen aparecendo achegas sobre a figura e a obra homenaxeadas. No Galicia Hoxe atopamos un artigo de Xosé Ramón López Boullón: "María Mariño (do mar)".

No mesmo xornal, Xosé Lois García escribía sobre "A poética de María Mariño".

O xornal gratuíto De luns a venres publica un suplemento especial (versión pdf) dedicado á poeta.
(Imaxe da exposición Cantiga da costureira poeta: http://www.17demaio.org/marino2007/multimedia.php)

13.5.07

María Mariño. Entrevista co seu biógrafo






Xeración web publica unha entrevista con Xerardo Agrafoxo, biógrafo de María Mariño. É de interese para todos, especialmente para os bachareis.



Tocante á biografía da autora publicada por Agrafoxo xa quedou indicado por algures nesta mesma sección que, ademais de presentar moitos datos novos, resulta de lectura amena.