13.8.15

Antón Fortes & Maurizio A. C. Quarello, 'Caderno de animalista'

Imaxe: Letra pequena
Advírtenos Antón Fortes na introdución que Caderno de animalista é un achegamento “a unha serie de obras emblemáticas” dun período que elevou ao cume a pintura e a literatura. Salvo erro, os artistas re-visionados neste libro cobren un tempo que vai de finais do XIX aos anos 60 do século XX, exceptuando a Goya que, se ben é máis antigo, non resulta menos vangardista. Degas, Toulouse-Lautrec, Mondrian, Klimt, Warhol, Dalí, Picasso, Munch… a obra escolma o mellor das vangardas pictóricas, especialmente as relacionadas coa bohemia parisina. E esa nova lectura de obras hoxe clásicas feita dende o punto de vista animal resulta enormemente racional e lúcida.
O carácter lúdico deste libro non impide a crítica social nin o tratamento de temas que preocupan a sociedade actual. Velaí están as referencias á “arte dexenerada” do nazismo ou á produción industrial ou á contaminación.
Admite distintos niveis de lectura, non só a infantil ou xuvenil. Son moi interesantes as propostas didácticas que  fan Inés Martínez e os blogs O lar de Frianciño e Letra pequena, ligados embaixo.

Dictiografía

Antón Fortes & Maurizio A. C. Quarello, Caderno de animalista. Pontevedra, OQO, 2008.

1.8.15

Noticias de literatura-163. Xullo de 2015

un estudo que reivindica os “madrigalegos” como pioneiros en diversos campos da política ou da cultura (Montse Dopico, Praza Pública, 03-07-2015).
[...] a historia novelada da gran revolta irmandiña (El Correo Gallego, 05-07-2015).
Marcela Porto atesora más de 40 publicaciones, fruto de otros tantos premios de renombre obtenidos en categoría escolar (El Correo Gallego,  06-07-2015).
Trátase dunha versión bilingüe e ilustrada, que traduce ao castelán e en imaxes ese particular universo, moi ancorada no mar, os seus oficios e a súa capacidade simbólica, do seu autor. Unha nova singradura para o poemario, que busca fondear en portos novos e recalar en vellos peiraos coñecidos. O autor da tradución, o xornalista e tamén poeta Luís Rei, entendeu o seu cometido «como unha boa ocasión para volver poñelo de actualidade entre os lectores de poesía das xeracións máis novas (La Voz de Galicia, 09-07-2015).
É o caso do veciño de Vila de Cruces (cruceño coma o autor) que armou o primeiro coche arxentino, do fotógrafo predilecto de Carlos Gardel de orixe estradense ou mesmo dun adestrador de abellas de combate. En total cen historias, tan breves coma atractivas, reducidas cada unha delas a unha soa páxina e acompañadas polas ilustracións do artista mindoniense Xosé Vizoso (P. Calveiro, La Voz de Galicia, 10-07-2015).
Un libro con documentos e materiais inéditos e cun formato que se sitúa a medio camiño entre o ensaio e a novela, no que agroma o intenso traballo de documentación realizado por Eiré durante anos, incluídas ducias de entrevistas (Praza Pública, 08-07-2015).
Un ollar ao mundo universitario compostelán dos 80 que vai moito máis alá do memorístico. Que se alía co ensaio para indagar sobre a construción da identidade galega. Que volve celebrar, como as súas anteriores novelas, a capa máis dinámica da sociedade (Montse Dopico, Praza Pública, 10-07-2015).
Orellas de Bolboreta, a historia de Mara, unha nena que foi educada na igualdade e a autoestima, é un dos 49 títulos que o novo alcalde de Venecia, Luigi Brugnaro decidiu retirar da programación de garderías e escolas municipais de Educación Infantil (Sermos Galiza, 10-07-2015).
Un cuarto de século en que Positivas foi confeccionando un catálogo de referencia grazas ao seu labor editorial, a súa colección de poesía Diversos ou distintas iniciativas de calado, como a publicación das obras completas de Vidal Bolaño (Alberto Ramos, Praza Pública, 18-07-2015).
O escritor Manuel Portas é o gañador da XXVII edición do Premio García Barros (Sermos Galiza, 22-07-2015).
O volume reúne 179 cartas do pintor, case todas inéditas, dende 1928 ata 1958. Están moi marcadas pola Guerra Civil e a longa represión posterior (El Correo Gallego, 23-07-2015).

28.7.15

Avelino Muleiro (coord.), 'Homenaxe a Neira Vilas e a Balbino'

Imaxe: Librería Andel
Persoeiros da cultura, do país e de fóra, reúnense nesta obra para homenaxear o escritor Xosé Neira Vilas e a súa criatura máis universal, Balbino, con motivo do 50º aniversario de Memorias dun neno labrego. Da lectura longa e entretida deste volume que recolle análises, experiencias e opinións sobre autor e obra, o lector aprende que:
  • o propio autor é un balbino máis;
  • o personaxe vén sendo o epítome do emigrante e da aldea global;
  • Balbino é da estirpe dos bos e xenerosos; un rapaz con conciencia de clase que sabe da falta de compango; un labrego, exemplar da cultura labrega porque lles lembra aos gandeiros de onde veñen; un labrego que esperta o orgullo de sentirse tal; un labrego que eleva a fala á dignidade que merece;
  • Balbino é un neno dun país sen as escolas necesarias para os que teñen devezo por aprender; escolas que non falan a lingua ágrafa que os nenos maman;
  • a lingua é un cordón umbilical que une á Terra, sobre todo se se está lonxe;
  • Balbino describe unha época e unha Terra moi próxima aos que lles tocou vivilas e converteu unha aldea en universal. As súas memorias son unha radiografía etnográfica natural e auténtica (Avelino Muleiro);
  • as súas reflexións valen para calquera neno de calquera tempo e lugar. para el, vivir e pensar son dous aspectos indisociables da persoa;
  • Balbino apréndenos outro xeito de ollar. Un exemplo de amor á Terra (Marcos Seixos), que reclama os dereitos humanos na súa lingua;
  • Balbino vén sendo a representación de cada Ninguén, unha “gratificación na autoestima” (Baldomero Iglesias).

Falan da obra

Avelino Muleiro (coord.), Homenaxe a Neira Vilas e a Balbino. Vigo, Ir Indo, 2013.

7.7.15

Bohumil Hrabal, Unha soidade demasiado ruidosa

Imaxe: Rinoceronte Editora
“Levo trinta e cinco anos traballando [prensando, prensando, prensando, que prenso] con papel vello”, dinos Hant'a repetidamente. Ao principio, os libros vellos doíanlle, pero pouco e pouco fóiselle endurecendo o espírito e xa case non sentía a desfeita. Así e todo, o soto no que traballa, ademais de local inhóspito, tamén resulta ser a súa particular universidade. Os libros que lle van caendo no buraco son seleccionados polo traballador para a súa lectura e moitos deles pasan á biblioteca particular. Os que non escolle pasan a decorar as balas de papel para reciclar, coma se lles quixese dar unha morte artística. Non faltan momentos na lectura en que o protagonista comenta co lector a súa persoal visión das obras e autores  que lle caen naquel colector de lixo no que traballa.
Hant'a acaba por collerlle cariño ao traballo e desgústao ver marchar aquelas balas de papel decoradas con libros e revistas que considera pezas de arte.
O protagonista pensa sobre a súa vida e sobre o mundo, ás veces de máis. Tamén consome máis cervexa da debida. O seu pensamento é agre e pesimista: “O ceo non é humano, nin tampouco o é a persoa que se dedica a pensar” (p. 20); “A compaixón e o amor esquecinos” (p. 68). O protagonista limpa o seu tobo de ratos; no soto esmágaos na prensa… o mesmo que os nazis acabaron coa súa xitaniña…
O tempo vai pasando, o mundo cambia e Hant'a vai deixando de ser un home do tempo novo, como se nos di na presentación editorial. Visita unha prensa nova que fai o traballo de vinte vellos e agoira un estilo de traballo inhumano e diferente: vestimenta, actitude, lugar de traballo, bebida, vacacións… A visita a ese novo lugar e estilo de traballo deprímeo. O mesmo que os rapaces da “brigada socialista” que o van substituír. Hant'a séntese “un manta”, mesmo lle parece que os libros que amaba conspiraban contra del.
Il lettore comune observa no protagonista narrador a tendencia a fundir contrarios, a eliminar as fronteiras temporais entre pasado e futuro, ofrecéndonos deste xeito unha visión pouco habitual da realidade. Hant'a séntese un pobre home expulsado do seu paraíso, e no paraíso novo non ten cabida. Só lle queda o seu mundo onírico, e para manterse nel precisa a axuda do alcohol.

Falan da novela

Recensións

Bohumil Hrabal, Unha soidade demasiado ruidosa. Cangas, Rinoceronte, 2010 (2ª edición). tradución do checo de Fernando de Castro García.

4.7.15

Heliane Bernard / Olivier Charpentier, 'Guernica'

Imaxe: Kalandraka.com
Heliane Bernard (historiadora) e Olivier Charpentier (ilustrador) vanlle dando corpo ao proceso creativo do Guernica. Acoutan o período histórico de febreiro de 1936 a maio de 1937, é dicir, dende a subida ao poder da Fronte Popular ata o remate do cadro que recolle a pavorosa sacudida que significou o bombardeo da vila vasca (26-04-1937). O relato deseñado segue o fío do acontecemento histórico e engádelle o noxo e o horror que a barbarie produciu no ánimo do artista. Ante os ollos do lector, acontecemtos históricos e sentimentos íntimos van confluíndo para explicar a xénese dun mural que recolle a esencia dun país desfeito por unha guerra fratricida e preludia unha etapa negra na historia da humanidade provocada por réximes políticos alicerzados no odio.
Compleméntase o álbum cunha exposición didáctica sobre o acontecemento histórico, un retallo biográfico de Pablo Picasso, unha descrición da súa traxectoria artística e unha análise do Guernica e das súas particulares vicisitudes.
___________
Heliane Bernard / Olivier Charpentier, Guernica. Pontevedra, Kalandraka, 2008. Tradución de Emma Lázare.

2.7.15

Xosé María Díaz Castro. Nimbos de luz

Este libro recolle a exposición coa que se homenaxeou o poeta o Día das Letras do 2014. Trátase dun traballo colectivo coordinado por Alfonso Blanco Torrado que, baixo o título de "Unha voz limpa e comprometida", traza a traxectoria vital e poética do homenaxeado e sintetiza o triplo basamento da súa obra: lingua + paisaxe + cultura labrega. Afirmación que se pode ver corroborada polas imaxes desta fotobiografía.
Completan o traballo as achegas de Luís G. Tosar ("Diálogo con palabras amadas e soñadas") e Armando Requeixo ("A poesía que non se vai xa máis" e a "Cronoloxía", ampla e detallada).
Como agasallo, acompaña ao libro o documental de Xosé Antón Cascudo, O instante eterno, que recolle o espazo poético diazcastriano.
Imaxe: Xosé Cid. Escultor


Dictiografía

Alfonso  Blanco Torrado (coord.), Xosé María Díaz Castro. Nimbos de luz. Vigo, Galaxia / Xunta de Galicia, 2014.

30.6.15

Noticias de literatura-162. Xuño de 2015

Tres nomes da nova literatura fanse coas tres categorías dos premios xerais e poñen sobre a mesa varias cuestións arredor da escrita dos nosos tempos (Sermos Galiza, 06-06-2015).
unha obra de Xosé Díaz (Lugo, 1980) nada da súa tese de doutoramento, centrada en Dieste (1899-1981) e a xeometría, unha relación tan descoñecida como enriquecedora (Xosé Manuel Piñeiro, Sermos Galiza, 06-06-2015).
Con A identidade fascinada (Galaxia) o escritor Antonio Piñeiro leva á literatura a Compostela universitaria dos anos oitenta e a fin dun tempo que sitúa na noite na que a explosión na discoteca Clangor puxo fin a unha etapa de entusiasmo (Carme Vidal, Sermos Galiza, 13-06-2015).
[...] o título De como acontece a fin do mundo apunta cara o contido do libro. “Recolle unha crítica de como está o panorama que me preocupa bastante, o concepto de “desnivel prometeico”de  Günther Anders é dicir, a distancia entre unha acción e as súas consecuencias, coa gran complexidade do sistema (C. V., Sermos Galiza, 23-06-2015).
[...] presentación da fotobiografía de Otero Pedrayo elaborada por Afonso Vázquez-Monxardín e Patricia Chachero. A coautora do libro fixo un repaso dalgunhas das imaxes e dos datos máis singulares da publicación Ramón Otero Pedrayo. Unha fotobiografía 1888-1976 (Xosé Manoel Rodríguez, La Voz de Galicia, 29-06-2015).
La Real Academia Galega (RAG) y el Ayuntamiento de A Coruña han iniciado hoy una serie de contactos para colaborar en los preparativos de la celebración en 2016 del centenario de las Irmandades da Fala (El Correo Gallego, 29-06-2015).

28.6.15

Francisco Castro, 'O corazón da Branca de Neve'

Imaxe: Editorial Galaxia
O inspector Hermida descobre e detén unha banda criminal que se dedica ao tráfico de seres humanos. Baixo o disfrace dunha ONG rapta mozas embarazadas, véndelles os bebés, mátaas e fai desaparecer os cadáveres.
A banda criminal sostense en tres necesidades: a das nais mozas que foxen da necesidade ou da persecución; a das parellas que buscan fillos con desesperación e a do sometemento a substancias adictivas.
No caso que ocupa desta volta ao inspector Hermida atopamos unha rapaza marroquí -Leila- que foxe do seu país para tapar o embarazo da vergoña, e un matrimonio novo -Sonia e Alberto- ao que non lle dá chegado o bebé polo que ela devece. A banda criminal véndelles o bebé clandestinamente e fai que manten a parturiente. Do traballo sucio encárgase un heroinómano, o Branco.
Un remol de piedade impídelle ao asasino desfacerse da rapaza e abandónaa onde poidan dar con ela, aínda que sexa moribunda. A partir de aí, o canso pero experto e pundonoroso inspector Hermida irá botando luz sobre a trama criminal.
O autor mantén maxistralmente o suspense ao longo do relato e logra tecer un fío invisible de unión entre os personaxes bondadosos desta historia, malia non se copeceren e estaren afastados.

Dictiografía

5.6.15

'O corazón da Branca de Neve', de Francisco Castro. Test de lectura-1

Exercicio para o club de lectura d'O corazón da Branca de Neve, de Francisco Castro.
A actividade rouba uns poucos minutiños e consiste en sinalar se son verdadeiras ou falsas as afirmacións que se fan sobre esta novela.