Imaxe: Rinoceronte Editora |
“Levo trinta e cinco anos traballando [prensando, prensando, prensando, que prenso] con papel vello”, dinos Hant'a repetidamente. Ao principio, os libros vellos doíanlle, pero pouco e pouco fóiselle endurecendo o espírito e xa case non sentía a desfeita. Así e todo, o soto no que traballa, ademais de local inhóspito, tamén resulta ser a súa particular universidade. Os libros que lle van caendo no buraco son seleccionados polo traballador para a súa lectura e moitos deles pasan á biblioteca particular. Os que non escolle pasan a decorar as balas de papel para reciclar, coma se lles quixese dar unha morte artística. Non faltan momentos na lectura en que o protagonista comenta co lector a súa persoal visión das obras e autores que lle caen naquel colector de lixo no que traballa.
Hant'a acaba por collerlle cariño ao traballo e desgústao ver marchar aquelas balas de papel decoradas con libros e revistas que considera pezas de arte.
O protagonista pensa sobre a súa vida e sobre o mundo, ás veces de máis. Tamén consome máis cervexa da debida. O seu pensamento é agre e pesimista: “O ceo non é humano, nin tampouco o é a persoa que se dedica a pensar” (p. 20); “A compaixón e o amor esquecinos” (p. 68). O protagonista limpa o seu tobo de ratos; no soto esmágaos na prensa… o mesmo que os nazis acabaron coa súa xitaniña…
O tempo vai pasando, o mundo cambia e Hant'a vai deixando de ser un home do tempo novo, como se nos di na presentación editorial. Visita unha prensa nova que fai o traballo de vinte vellos e agoira un estilo de traballo inhumano e diferente: vestimenta, actitude, lugar de traballo, bebida, vacacións… A visita a ese novo lugar e estilo de traballo deprímeo. O mesmo que os rapaces da “brigada socialista” que o van substituír. Hant'a séntese “un manta”, mesmo lle parece que os libros que amaba conspiraban contra del.
Il lettore comune observa no protagonista narrador a tendencia a fundir contrarios, a eliminar as fronteiras temporais entre pasado e futuro, ofrecéndonos deste xeito unha visión pouco habitual da realidade. Hant'a séntese un pobre home expulsado do seu paraíso, e no paraíso novo non ten cabida. Só lle queda o seu mundo onírico, e para manterse nel precisa a axuda do alcohol.
Falan da novela
- Unha soidade demasiado ruidosa. Bohumil Hrabal, en Desordenadas lecturas.
- Unha soidade demasiado ruidosa, en Trafegando ronseis.
Recensións
- Trama. Argumento da novela na Wikipedia.
- Unha soidade demasiado ruidosa. Recensión á edición italiana.
- Il lettore comune: achegamento Unha soidade demasiado ruidosa e ao seu autor.
- Unha soidade demasiado ruidosa. Ficha da novela e do autor en sololibri.net.
Bohumil Hrabal, Unha soidade demasiado ruidosa. Cangas, Rinoceronte, 2010 (2ª edición). tradución do checo de Fernando de Castro García.
Ningún comentario:
Publicar un comentario