16.2.12

Noticias de literatura-119. Febreiro 2012

Henrique Harguindey. 
Foto: Lalo R. Villar/El País
Henrique Harguindey, La Galice racontée par des Français:
Galicia tivo o seu papel, pequeno pero “sorprendente”, ao longo de máis de 1.000 anos de cultura escrita en Francia. As referencias —algunhas tópicas, outras fantasiosas, moitas certeiras— pódense atopar en Internet e de balde no estudo, escrito en francés, Le Galice racontée par des Français, do filólogo Henrique Harguindey (Alberto Leyenda, El País, 02-02-2012).
Xosé María Álvarez Blázquez: fondos do seu arquivo cedidos pola familia á Penzol.
«Esta notable doazón enriquece á Biblioteca Nacional de Galicia, como alguén chamou á Fundación Penzol», sinalou Alfonso Zulueta, como presidente do padroado receptor das 111 carpetas de fondos arquivísticos de Xosé María Álvarez Blázquez (La Voz de Galicia, 04-02-2012).
Noticia no Galicia Hoxe (o3-02-2012):
Toda esta documentación atópase agrupada en diversos temas, como prehistoria e arqueoloxía, literatura galega medieval, dos Séculos Escuros e do Rexurdimento, romances impresos en Galicia e unha importante colección do cancioneiro popular. Tamén abrangue campos como a historia de Galicia e da cidade olívica, temas vigueses, filatelia, toponimia e lingüística, etnografía e folclore.
Estíbaliz Espinosa. 
Foto: Galicia Hoxe
Poetas (din)versos no Ágora:
Iníciase así unha nova xeira para estas citas mensuais co mellor da poesía contemporánea, pois, ademais de estrear nova sede, dá un paso máis alá ampliando o seu ámbito para contar tamén con poetas de fóra da Península Ibérica (Galicia Hoxe, 02-02-2012).
Literatura fantástica.
Diana Mandiá achñegase á actualidade do tema en “A idade adulta da fantasía”, El País, 09-02-2012.
Rexina Vega. Foto: Lalo R. Villar/El País.
Rexina Vega, Dark butterfly:
Entrevista con Óscar Iglesias na que fala desta nova obra.
Esta novela é unha catarse, precisaba escribila. Evidentemente é literatura, pero tamén hai elementos biográficos moi fortes. Sei do que falo cando enfío o tema da loucura. A miña irmá morreu como morre a protagonista, o resto pode ser ficción (El País, 09-02-2012).
Poesía. Presentación de novos libros de Olga Novo, Pilar Pallarés,  Marta Dacosta e Elías Portela:
Artigo de Montse González, “Versos corrente de lava”, El País 09-02-2012.
A Sociedade Verniana preséntase en Vigo:
El calendario de actividades se irá conformando con propuestas propias, pero también estarán abiertos a proposiciones ajenas y de todo tipo, no estrictamente literarias, ya que el universo de Verne alcanza múltiples posibilidades, desde el cine, la música, la navegación o la gastronomía y otras que irán surgiendo. De hecho, tras el acto, se fueron a degustar unas empanadillas de algas de la ría (La Voz de Galicia, 11-02-2012).
Iria Morgade. 
Foto: Fernando Blanco/ El Correo Gallego
Iria Morgade fala de Verbas no ar:
relata, precisamente, un cambio, unha mudanza global, desde unha suxestiva e efectiva estrutura fragmentaria, de voces que se axuntan e olladas que conflúen: un informático africano, unha xornalista desencantada, un home maior... (El Correo Gallego, 11-02-2012).
Imaxe:El Correo Gallego
Celso Emilio Ferreiro: edición bilingüe de Longa noite de pedra.
Longa noite de pedra saíu do prelo en 1962, sete anos despois d’O soño sulagado (1955), considerado o primeiro poemario independente de Celso Emilio en lingua galega. Apareceu na colección Salnés, unha sorte de sucursal lírica de Galaxia, na que confluían en labores de dirección o propio Ferreiro, Emilio Álvarez Blázquez e Fernández del Riego. Á publicación do libro sucedeulle un recoñecemento unánime do público e da crítica e a inmediata conversión do seu autor en poeta de referencia no sistema literario galego. E non só (El Correo Gallego, 12-02-2012).
Luz Darriba, Mercedes Leobalde e Ana María Galego, premiadas co Ánxel Fole de narrativa curta:
O xurado do 14 certame de Narración Curta Ánxel Fole que organiza a Concellería de Cultura de Lugo reuniuse esta tarde e outorgou tres primeiros premios: Luz Darriba (residente en Bruxelas), polo relato Monstros; Mercedes Leobalde (de Carral), pola obra Fáltasme; e Ana María Galego (de Ferrol), por Neiges d’antan (La Voz de Galicia, 15-02-2012).
A noticia en Galicia Hoxe (16-02-2012):
O xurado estivo integrado polos escritores lucenses Marica Campo, Antonio Reigosa e Xoán R. Cuba, que se reuniron ás 17.00 horas no consistorio para deliberar. Destacaron a gran calidade dos relatos e o notable éxito de participación, pois concorreron un total de 59 traballos.

3.2.12

Noticias de literatura-118. Xaneiro 2012

Imaxe: Alvarellos editora.
Gonzalo López Abente, presentación de Bretemada na RAG:
'Bretemada' unha obra inédita de Gonzalo López Abente que estaba depositada na institución e que foi recuperada pola Fundación Gonzalo López Abente por proposta do escritor Miro Villar (Galicia Hoxe, 19-01-2012).
A introdución e o estudo de Bretemada estiveron a cargo de Miro Villar. Entrevista en La Voz de Galicia, 19-01-2012.
“Presentan Bretemada como un ‘enorme poema épico de Galicia’” (La Voz de Galicia, 21-01-2012).
A praia dos afogados (Domingo Villar), ó cine:
Si los planes no se tuercen, antes de que remate el año Domingo Villar tendrá la oportunidad de ver en acción y en carne y hueso (en la gran pantalla, eso sí) a Leo Caldas, su inspector favorito (La Voz de Galicia, 19-01-2012).
José Luis Sampedro distinguido pola AELG como Escritor Galego Universal:
con esta mención, "destaca a alta calidade da obra literaria" do galardoado que, como indicou, é "lúcido, profunda, radical e transgresora" e está "impregnada do insubornable compromiso ético do escritor". Segundo sinalou a Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega, a "relación" de José Luis Sampedro con Galicia comezou nos anos 70, a través da Agrupación Cultural Lóstrego de Madrid, da que o galardoado foi presidente de honra e coa que colaborou economicamente c­unha mensualidade do seu soldo de Senador por designación real nas primeiras cortes democráticas (El Correo Gallego,21-01-2012).
Noticia en La Voz de Galicia (21-01-2012):
O dobre compromiso de José Luis Sampedro (Barcelona, 1917) co rigor literario e a esixencia ética é o motivo do seu recoñecemento como escritor galego universal, unha distinción que concede a Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG).
Agustín Fernández Paz presenta Fantasmas de luz:
Fantasmas de luz é unha suxestiva narración que dialoga en múltiples aspectos co conxunto da produción literaria do escritor vilalbés, á vez que evidencia as nefastas consecuencias do capitalismo desde a caída do muro de Berlín (El Correo Gallego, 24-01-2012).
Teresa Moure, Queer-emos un mundo novo. Sobre cápsulas, xéneros e falsas clasificacións.
Artigo de Montse González sobre a obra de Teresa Moure: “Liberar a palabra”, Luces, El País, 19-01-2012.
Paul Auster.  Foto: Galicia Hoxe.
Paul Auster, Diario de inverno (Galaxia):
Segundo explica Galaxia, a novela do autor da 'triloxía de Nova York', encaixa á perfección no que a crítica denomina "autoficción", de forma que o autor se converte a si mesmo en personaxe da obra, como fixo con anterioridade noutros traballos (Galicia Hoxe, 30-01-2012).
Catálogo de Auster en Galaxia:
O selo galego incorporou a Auster aos seus autores no 2006 coa publicación de Brooklyn Follies, á que seguirían Viaxes no scriptorium, o guión A vida interior de Martin Frost, Un home na escuridade, Invisible e Sunset Park (La Voz de Galicia, 02-02-2012).
Véxase tamén o artigo de Cesar Casal, “O inverno luminoso de Paul Auster”, La Voz de Galicia, 02-02-2012.

1.2.12

Morte no Nilo (de François Rivière / Solidor). Actividades (1)

Imaxe: Morte no Nilo. El Patito Editorial, pp. 26-7.
Da novela de Agatha Christie Morte no Nilo, adaptada para banda deseñada por François Rivère e Solidor, collemos as páxinas 26 e 27 para propor as seguintes

ACTIVIDADES
  1. Formamos grupos de catro membros, tantos como personaxes ós que lles furamos os globos.Cada equipo reparte os papeis para representar a Poirot (globos 1, 2, 4, 6, 8, 11, 13, 15, 16, 19, 21, 22, 24, 26), o médico (globos 2, 7, 9), o coronel inglés (globos 5, 10, 12) e a señorita Jacqueline (globos 14, 17, 18, 20, 23, 25, 27).[Tempo dedicado: 15 minutos.]
  2. Cada actor debe pórlle voz ó seu personaxe. Pero antes, todo o grupo debe pórse de acordo na historia xeral, baseándose na expresión dos personaxes e no que suxiran as escenas debuxadas. Obviamente, non sairá a historia orixinal, pero o resultado ten que ser verosímil. [Tempo: 3-4 minutos.]
  3. Gravaranse os diálogos para audición e comentarios posteriores na aula.
  4. Os grupos que fagan de oíntes redactarán o argumento tirado dos diálogos dos compañeiros. [Tempo . 5 minutos.]

25.1.12

Fran Alonso. Ninguén

1. Se comezamos a lectura de Ninguén polo epílogo do autor atopámonos coa intrahistoria da obra e coa intención do escritor nesta nova proposta narrativa: mergullarse “nas entrañas das sociedades urbanas” (p. 198), que presentan como principais trazos distintivos o seren “as únicas posibles no mundo desenvolvido” e estaren formadas por individuos con estilos de vida “planetariamente homologables”.
Ninguén está na liña de Persianas, pedramol e outros nervios, Silencio e Balada solitaria (poesía).
Os relatos de Ninguén son distintos en extensión e factura. Uns nárranse en primeira persoa (“Veciños”, “Ninguén”, “Pola boca morre o peixe”, “Lista de correos”), outros en terceira (“Estilo de vida”, “Comunidade literaria”, “Vacacións”, “O edificio Benestar Social”, “Esperando”); “O misterioso “Home Vello e Muller Vella” estáselle contando a unha segunda persoa.

2. Ademais do epílogo citado, a obra consta de dez relatos entre os que se vai intercalando cadanseu hoax. O derradeiro deles é creado polo narrador de “Lista de correos” e pono en circulación usando un enderezo alternativo. Vén sendo a súa pequena vinganza por téreno eliminado dun foro de debate no que nin el mesmo sabía quen o metera. Este derradeiro hoax reúne todas as características dos correos en cadea, tema no que está interesado o narrador de “Lista de correos”.

3. A comunidade de veciños é o espazo literario no que se desenvolven as historias de Ninguén, porque “unha comunidade de veciños podería ser interpretada como unha boa metáfora da convivencia contemporánea” (p. 197). Nos títulos de varios relatos pode apreciarse xa esta idea.
3.1. En “Veciños” temos un narrador-protagonista que non atura os ruídos da veciñanza; resúltanlle o “sutil bombardeo dunha guerra psicolóxica” (p. 14). Mesmo aprendeu a distinguir de onde procedían e quen os provocaba. E valíanlle para saber das ocupacións dos veciños, para coñecer o seu estado anímico e imaxinar a aparencia física. A fobia ó ruído obrígao a illarse coa axuda de algodóns nos oídos ou auriculares. As chamadas de atención á veciña de arriba que rifa cos fillos acaban por facerlle cambiar de opinión. A historia remata cun final tan romántico coma inesperado. O novo veciño de abaixo ocupa o seu papel.
3.2. O protagonista de “Home Vello e Muller Vella” é o típico habitante dun barrio onde non se oen nenos, no que quedan os que non teñen onde ir. Home Vello é paciente e desmemoriado. Ten sempre prendida a televisión e faise cortes nas mans para saberse vivo. Un día descobre a Muller Vella tecendo no balcón de en fronte. O Home xa non volveu entrar na casa ata que a Vella non desapareceu envolta no pano que tecera. O Home saíu entón da casa para ir á da Vella e ver o que lle pasara. Rachou o envurullo cun coitelo e apareceu unha criatura que vén sendo a quen lle están contando o conto.
3.3. A Sara, protagonista de “Estilo de Vida”, divorciada, bo salario, moléstanlle as reunións da comunidade. Vive nunha permanente fuxida na procura do seu hábitat ideal, comprando e vendendo casa. Cando logra fuxir do ruído, atopa o silencio, que lle produce medo.
3.4. Os tres protagonistas de “Comunidade literaria” presentan diferentes actitudes perante os seus veciños. O escritor acaba de colocar o seu último libro no portal para que o lean e lle fagan comentarios. O crítico séntese decepcionado co escritor e molesto cos reparos que este lle fixera á súa crítica “equilibrada”. En realidade, non lle gusta como persoa. A lectora, porén, séntese feliz por vivir no mesmo edificio con dúas persoas excepcionais coma o escritor e o crítico. Ademais, pásao ben lendo a un e escoitando ó outro.
3.5. O protagonista de “Vacacións”, adicto ós trebellos das novas tecnoloxías, séntese perdido cando lle fallan as conexións co mundo virtual (tarxetas, móbil, radio do coche) e remata por botarse a chorar.
3.6. Ó protagonista de “Ninguén” tamén lle molestan os ruídos. Valora a educación e a cortesía dos veciños. Pero cando precisa falar con algún deles vaise decatando de que o edificio está baleiro. Así e todo, os coches seguen no garaxe. Aquela soidade “sobrepásao”. Recibe un sms: “Ninguén”. Cando non pode abrir a porta do seu propio piso, abandona.
3.7. O escritor que vive en “O edificio Benestar Social“ pensa que tal nome é sarcasticamente paradoxal. No inmoble hai un piso patera, un divorciado de escasos recursos, unha vella arrincada da aldea por non se poder valer soa, unha maltratada que se escondía do ex, un parado en idade crítica, xitanos ruidosos e sen normas de convivencia, unha vella soa, unmatrimonio que se desentende dos fillos... O escritor intenta sobrevivir escibindo sobre temasque nin entende.
3.8. En “Pola boca morre o peixe” fálanos un home sen amigos preocupado pola dietética. Este home “peixívaro” acaba perdidamente obsesionado pola conservación do peixe, que deixa de ser comida para converterse en obxecto decorativo. Cando a científica informadora deixa de lle coller o teléfono, o narrador sómese na desesperación.
3.9. En “Esperando” topamos con Alone (nome de rede social), adicta ó tabaco, café e citas por internet. Leva catro horas esperando, pero el non aparece.
3.10. O escritor de “Lista de correos” investiga sobre os hoax. Tamén escribe por encargo horóscopos para gatos. Acaba demostrando o que sabe dos hoax creando e pondo en circulación un deses correos nun foro de debate non que o incluíran sen el saber.

4. Canda a comunidade de veciños que comparten espazo nun edificio temos as novas comunidades virtuais promovidas polas novas tecnoloxías, sen presenza física de veciños, pero que provocan as mesmas reaccións, actitudes, filias e fobias cás comunidades tradicionais.
Os protagonistas destes relatos procuran vivir en sociedade, pero logo xorde algo que lles provoca alerxia á comunidade e os fai fuxir na procura doutro hábitat. O ruído é unha das principais causas desas fobias (“Veciños”, “Estilo de vida”, “Ninguén”). Noutros casos é a tecnodependencia a que amola a vida (“Vacacións”, “Esperando”). Diríase, en xeral, que os personaxes de Ninguén viven o paradoxo de necesitaren a comunidade aínda que lles resulta as máis das veces insufrible.

5. Na mesma liña do paradoxal está a percepción da soidade. Quizais sexa este un dos trazos característicos da sociedade urbanita: vivir en soidade rodeado de xente. Para este lector, o edificio deshabitado de  “Ninguén” ou a rúa deserta de “Home Vello e Muller Vella”, coa muller envolta no casulo que ela mesma tece, representan literariamente o máis radical illamento.
O memo é outra das vivencias comúns destes personaxes. Cadaquén ten os seus medos, que se van concretando en función da súa cultura. Por exemplo, Sara, a protagonista de “Estilo de vida”, traslada ó campo os seus medos de muller urbana (p. 51), pero recoñece que non son os mesmos medos que sentía súa nai, muller enteiramente rural. Ou os do protagonista de “Vacacións”, que remata vencido polo pánico ó fallárenlle as conexións co seu mundo virtual.
A insatisfacción vén sendo outra das doenzas da sociedade moderna. Salvo erro, só damos cun personaxe satisfeito: a lectora de “Comunidade literaria”, que se sente “afortunada” (p. 68). E se cadra, cómpre engadir o narrador de “Veciños” que remata o seu relato cun romántico final.
6. Sitiografía



Fran Alonso, Ninguén. Vigo, Xerais, 2011.

19.1.12

François Rivière / Solidor. Morte no Nilo

Imaxe: El Patito Editorial
O detective Hércules Poirot investiga o asasinato de Linnet Ridgeway, moza fermosa e rica, que aparece morta no seu camarote cando estaba de lúa de mel nun cruceiro polo río Nilo. A Poirot chóvenlle os sospeitosos, comezando por Jacqueline de Bellefort, que seguía os pasos da parella porque a súa antiga amiga Linnet lle roubara o noivo cando estaba a piques de casar. Como resulta habitual nas novelas da “raíña do crime”, a situación complícase a medida que avanzan as pescudas, a investigación torna sempre ó punto de partida e os datos cos que se contan non sinalan a ningún culpable concreto. Como nos sinala Naomi no blog A Casa Torta
“Jacqueline de Bellefort não se conforma por perder Simon Doyle para Linnet e passa a seguir o casal pelo mundo, mas não é a única a bordo do vapor S. S. Karnak com motivos para matá-la. A Poirot e Race [coronel británico que colabora con Poirot nesta ocasión]  cabe descobrir quem são, quais os motivos e as oportunidades dos demais passageiros: um arqueólogo italiano; uma dama arruinada e o filho dândi; uma aristocrata esnobe, sua enfermeira e uma prima empobrecida, um psiquiatra austríaco; o curador norte-americano da falecida; um jovem advogado inglês; a criada francesa da vítima; um jovem comunista que desdenha a burguesia ociosa a viajar num cruzeiro pelo Nilo no mesmo navio que ele”.
Pero as pequenas células grises de Poirot -que nunca están de vacacións- acaban por atopar o fío que desenlea a meada. O desenlace, aínda máis tráxico do esperable, sorprende a todos menos ó detective, que ten a virtude de se atopar sempre no lugar e momento axeitados: “Humm... Paréceme que lin o seu destino a primeira vez que a vin naquel restaurante do West End” (p. 50). Refírese a Jacqueline quen, malia a súa perda progresiva da estabilidade emocional, remata por se converter en administradora de xustiza e derradeira vítima desta historia.
Viñeta: Morte no Nilo.
O lector da versión de Rivière e Solidor gozará do esencial da novela de Agatha Christie e permitirase, ademais, o luxo dunha interesante viaxe polo antigo Exipto.
É de interese a recensión crítica de  M. Galea (ubcfumetti.com). Coméntase nela a adaptación italiana da novela de Agatha Christie, e nunha exposición moi razoada expóñense as dificultades que a novelista inglesa presenta para este tipo de cometido, chegando á conclusión de que a banda deseñada non é un medio axeitado para o desenvolvemento das novelas desta autora. Fundaméntase esta afirmación nas seguintes características:

  • Agatha Christie faille “trampa” ó lector, ó non gozar este do mesmo nivel de información cós personaxes das súas historias;
  • as novelas desta autora son moi prolixas e estáticas; os personaxes falan sempre, con uns e con outros;
  • e no remate do balume de informacións, o detective ordena o caos e atopa o culpable.

Viñeta: Morte no Nilo.

Por estas razóns, a M. Galea parécelle un desafío case que imposible levar a novela á banda deseñada; polo excesivo peso da palabra na obra de A. Christie.

Sitiografía





François Rivière / Solidor, Morte no Nilo. Santiago de Compostela, El Patito Editorial, 2011.


ACTIVIDADES 
1. Globos furados.

Etiquetas: , , , ,