25.1.12

Fran Alonso. Ninguén

1. Se comezamos a lectura de Ninguén polo epílogo do autor atopámonos coa intrahistoria da obra e coa intención do escritor nesta nova proposta narrativa: mergullarse “nas entrañas das sociedades urbanas” (p. 198), que presentan como principais trazos distintivos o seren “as únicas posibles no mundo desenvolvido” e estaren formadas por individuos con estilos de vida “planetariamente homologables”.
Ninguén está na liña de Persianas, pedramol e outros nervios, Silencio e Balada solitaria (poesía).
Os relatos de Ninguén son distintos en extensión e factura. Uns nárranse en primeira persoa (“Veciños”, “Ninguén”, “Pola boca morre o peixe”, “Lista de correos”), outros en terceira (“Estilo de vida”, “Comunidade literaria”, “Vacacións”, “O edificio Benestar Social”, “Esperando”); “O misterioso “Home Vello e Muller Vella” estáselle contando a unha segunda persoa.

2. Ademais do epílogo citado, a obra consta de dez relatos entre os que se vai intercalando cadanseu hoax. O derradeiro deles é creado polo narrador de “Lista de correos” e pono en circulación usando un enderezo alternativo. Vén sendo a súa pequena vinganza por téreno eliminado dun foro de debate no que nin el mesmo sabía quen o metera. Este derradeiro hoax reúne todas as características dos correos en cadea, tema no que está interesado o narrador de “Lista de correos”.

3. A comunidade de veciños é o espazo literario no que se desenvolven as historias de Ninguén, porque “unha comunidade de veciños podería ser interpretada como unha boa metáfora da convivencia contemporánea” (p. 197). Nos títulos de varios relatos pode apreciarse xa esta idea.
3.1. En “Veciños” temos un narrador-protagonista que non atura os ruídos da veciñanza; resúltanlle o “sutil bombardeo dunha guerra psicolóxica” (p. 14). Mesmo aprendeu a distinguir de onde procedían e quen os provocaba. E valíanlle para saber das ocupacións dos veciños, para coñecer o seu estado anímico e imaxinar a aparencia física. A fobia ó ruído obrígao a illarse coa axuda de algodóns nos oídos ou auriculares. As chamadas de atención á veciña de arriba que rifa cos fillos acaban por facerlle cambiar de opinión. A historia remata cun final tan romántico coma inesperado. O novo veciño de abaixo ocupa o seu papel.
3.2. O protagonista de “Home Vello e Muller Vella” é o típico habitante dun barrio onde non se oen nenos, no que quedan os que non teñen onde ir. Home Vello é paciente e desmemoriado. Ten sempre prendida a televisión e faise cortes nas mans para saberse vivo. Un día descobre a Muller Vella tecendo no balcón de en fronte. O Home xa non volveu entrar na casa ata que a Vella non desapareceu envolta no pano que tecera. O Home saíu entón da casa para ir á da Vella e ver o que lle pasara. Rachou o envurullo cun coitelo e apareceu unha criatura que vén sendo a quen lle están contando o conto.
3.3. A Sara, protagonista de “Estilo de Vida”, divorciada, bo salario, moléstanlle as reunións da comunidade. Vive nunha permanente fuxida na procura do seu hábitat ideal, comprando e vendendo casa. Cando logra fuxir do ruído, atopa o silencio, que lle produce medo.
3.4. Os tres protagonistas de “Comunidade literaria” presentan diferentes actitudes perante os seus veciños. O escritor acaba de colocar o seu último libro no portal para que o lean e lle fagan comentarios. O crítico séntese decepcionado co escritor e molesto cos reparos que este lle fixera á súa crítica “equilibrada”. En realidade, non lle gusta como persoa. A lectora, porén, séntese feliz por vivir no mesmo edificio con dúas persoas excepcionais coma o escritor e o crítico. Ademais, pásao ben lendo a un e escoitando ó outro.
3.5. O protagonista de “Vacacións”, adicto ós trebellos das novas tecnoloxías, séntese perdido cando lle fallan as conexións co mundo virtual (tarxetas, móbil, radio do coche) e remata por botarse a chorar.
3.6. Ó protagonista de “Ninguén” tamén lle molestan os ruídos. Valora a educación e a cortesía dos veciños. Pero cando precisa falar con algún deles vaise decatando de que o edificio está baleiro. Así e todo, os coches seguen no garaxe. Aquela soidade “sobrepásao”. Recibe un sms: “Ninguén”. Cando non pode abrir a porta do seu propio piso, abandona.
3.7. O escritor que vive en “O edificio Benestar Social“ pensa que tal nome é sarcasticamente paradoxal. No inmoble hai un piso patera, un divorciado de escasos recursos, unha vella arrincada da aldea por non se poder valer soa, unha maltratada que se escondía do ex, un parado en idade crítica, xitanos ruidosos e sen normas de convivencia, unha vella soa, unmatrimonio que se desentende dos fillos... O escritor intenta sobrevivir escibindo sobre temasque nin entende.
3.8. En “Pola boca morre o peixe” fálanos un home sen amigos preocupado pola dietética. Este home “peixívaro” acaba perdidamente obsesionado pola conservación do peixe, que deixa de ser comida para converterse en obxecto decorativo. Cando a científica informadora deixa de lle coller o teléfono, o narrador sómese na desesperación.
3.9. En “Esperando” topamos con Alone (nome de rede social), adicta ó tabaco, café e citas por internet. Leva catro horas esperando, pero el non aparece.
3.10. O escritor de “Lista de correos” investiga sobre os hoax. Tamén escribe por encargo horóscopos para gatos. Acaba demostrando o que sabe dos hoax creando e pondo en circulación un deses correos nun foro de debate non que o incluíran sen el saber.

4. Canda a comunidade de veciños que comparten espazo nun edificio temos as novas comunidades virtuais promovidas polas novas tecnoloxías, sen presenza física de veciños, pero que provocan as mesmas reaccións, actitudes, filias e fobias cás comunidades tradicionais.
Os protagonistas destes relatos procuran vivir en sociedade, pero logo xorde algo que lles provoca alerxia á comunidade e os fai fuxir na procura doutro hábitat. O ruído é unha das principais causas desas fobias (“Veciños”, “Estilo de vida”, “Ninguén”). Noutros casos é a tecnodependencia a que amola a vida (“Vacacións”, “Esperando”). Diríase, en xeral, que os personaxes de Ninguén viven o paradoxo de necesitaren a comunidade aínda que lles resulta as máis das veces insufrible.

5. Na mesma liña do paradoxal está a percepción da soidade. Quizais sexa este un dos trazos característicos da sociedade urbanita: vivir en soidade rodeado de xente. Para este lector, o edificio deshabitado de  “Ninguén” ou a rúa deserta de “Home Vello e Muller Vella”, coa muller envolta no casulo que ela mesma tece, representan literariamente o máis radical illamento.
O memo é outra das vivencias comúns destes personaxes. Cadaquén ten os seus medos, que se van concretando en función da súa cultura. Por exemplo, Sara, a protagonista de “Estilo de vida”, traslada ó campo os seus medos de muller urbana (p. 51), pero recoñece que non son os mesmos medos que sentía súa nai, muller enteiramente rural. Ou os do protagonista de “Vacacións”, que remata vencido polo pánico ó fallárenlle as conexións co seu mundo virtual.
A insatisfacción vén sendo outra das doenzas da sociedade moderna. Salvo erro, só damos cun personaxe satisfeito: a lectora de “Comunidade literaria”, que se sente “afortunada” (p. 68). E se cadra, cómpre engadir o narrador de “Veciños” que remata o seu relato cun romántico final.
6. Sitiografía



Fran Alonso, Ninguén. Vigo, Xerais, 2011.

Ningún comentario: