22.1.14

Unha carta de Umberto Eco

Umberto Eco. Foto: l'Espresso
Este pasado Nadal o xornal italiano l'Espresso pediulles a recoñecidas personalidades do mundo da cultura e do pensamento unha carta dirixida a algunha persoa querida que recollese os seus mellores desexos para o novo ano 2014. O recoñecido semiólogo e novelista Umberto Eco diríxelle a carta ao seu netiño. O escrito non deixa o lector indiferente; mesmo algún deles se ten indignado por comparanzas desafortunadas do intelectual (abonda con ver os comentarios).
Imaxe: l'Espresso
Así e todo, a carta contén interesantes consellos didácticos. E neste sentido está recollida e comentada na páxina MetaDidattica. O consello é antigo e resúmese nunha sinxela frase:

--Benquerido netiño, aprende de memoria.

Non se trata, asegura Eco, dunha recomendación de vello rosmón que se leva mal cos trebellos dixitais. Tales trebellos velaí están para seren usados por mozos e anciáns; facilitan a vida e axudan a atopar a información nun lóstrego. Pero non saben distinguir entre o útil e esterco informativo. Non poden substituír o cerebro nin o coñecemento.
O autor da carta quere advertir ao seu neto dunha enfermidade da que adoecen os mozos dos nosos tempos: a perda da memoria. E non se refire soamente a perda do gusto por meter cousas na cabeza, senón tamén a perigosa ignorancia de non querer saber das cousas que sucederon antes de nacermos e que están a condicionarnos a vida: "porque moitas veces aquilo que aconteceu antes explica por que certas cousas suceden hoxe". Eco concibe a memoria como un músculo que cómpre exercitar para non virar en idiotas.
Salto aquí os pequenos detalles, que Umberto Eco podería levar ata o infinito. Considero precioso o remate da carta: cando o neto chegue a vello, o exercicio da memoria teralle permitido vivir miles de vidas porque o que se aprende deste xeito converte ao estudante nunha sorte de protagonista dos feitos que estuda.
Non obstante o dito, sabemos de xente que considera o gusto por aprender como vicio de dexenerados. E tamén sabemos que existen gobernantes, noutras partes do mundo, que prefiren bueyes que aren y no gente que lea. O que non sabemos é se o consello de Eco pode terse en consideración nunha ensinanza de calidade.
Abur e sentidiño.

Ningún comentario: