12.2.17

Iria Collazo López. Coma unha áncora

Imaxe: Coma unha áncora. Editorial Galaxia
A historia de amor de Manuel e María sobrevive á morte del nun naufraxio. O mesmo que o amor de siña Amalia polo seu Minio. O relato non nos conta só o naufraxio do barco. A parroquia enteira vive asolagada nun naufraxio social:
“Moitos non volveron, coma os nosos, María. Polo menos aos nosos levóunolos o mar. Aos outros levounos a mesquindade que levamos todos dentro” (p. 105).
Iria Collazo descríbenos unha parroquia traballadora, pacífica e pacificada, pero que non pode vivir en paz. Hai unha débeda que saldar coa xente das covas: “O que non foi lenda foi a desgraza dos que tiveron que agocharse nas furnas, nas covas e nos montes, fuxindo dos que xa sabemos” (p. 105). Esa débeda sáldase simbolicamente na novela co cruzamento de favores entre siña Amalia e María: a cega e a moza buscan obsesivamente os corpos dos seus maridos empurradas non só por un profundo sentimento amoroso, senón tamén por unha estraña forza telúrica.
A fame é un padecemento común ao que os personaxes xa case nin lle prestan atención, pero a voz narradora lémbralla ao lector de forma directa ou mesturada coa mención de feitos cotiáns: “Ás veces mareábase e anubrábaselle a vista. A perda do meniño, a tristura, a falta de alimento pasábanlle factura” (p. 121); “Non me dera conta ata ese momento do escuálidos que estaban [os fillos de Minio e Amalia] (p. 121). O mesmo recurso estilístico emprégao a autora para amosarnos a pobreza endémica cando deixa caer algún detalle sobre o estado da vivenda, o frío que malamente se combate con roupa ou o estado desa mesma roupa. E sobre a miseria material campa a miseria moral que apodrece toda a sociedade da época do naufraxio que se relata na novela.


Falan da obra


ACTIVIDADES PROPOSTAS
  1. Coma unha áncora, de Iria Collazo. Cuestionario

  2. Coma unha áncora (de Iria Collazo). Miniquest

  3. Coma unha áncora (de Iria Collazo). Test de léxico-2

  4. Coma unha áncora (de Iria Collazo). Test de léxico-1



Iria Collazo López, Coma unha áncora. Vigo, Galaxia, 2015.

2 comentarios:

Voz en off dixo...

Qué boa pinta ten!

revoltadafreixa dixo...

Si que paga a pena. Cárgalle a man ao misterioso contra o final, para o meu gusto, pero a temática que trata non está libre de misterios. Cando non funciona a xustiza dos humanos, aparecen outras formas de xustiza, aínda que sexan un triste consolo. Por exemplo, non foron as unllas de María as que atoparon un morto, senón as unllas dun rizón as que sacaron á luz os cadáveres duns asasinados que fondearan encambados na mesma ría que serve de escenario á novela.
Hai xente que aconsella non andar a fozar no pasado. E hai outra xente que prefire coñecer o pasado para non repetilo no futuro. As novelas tamén son moi útiles para isto último.