21.2.17

Carlos Casares. Un polbo xigante


Imaxe: culturagalega.org
Despois dunha morea de anos vivindo fóra, o narrador regresa á vella casa dos pais. O regreso aviva o remol da memoria e lembra unha historia da que fora testemuña cando aínda era neno: a desaparición do criado Nicolás, arrastrado por un polbo que non era outro que a reencarnación do xastre de Agüeiros. O xastre, amigo de esmorgas, levouno de compañeiro de brincadeiras por eses mares do mundo.
Andando os anos, a razón caeu do lado dos escépticos: Nicolás marchara por vontade propia para Bos Aires e tornou ao país cando lle petou ou boamente puido.
O conto convértese nunha reflexión sobre a literatura. O desenvolvemento da historia é un debate entre o narrador e Delfina, un debate entre a obxectividade e a imaxinación. O primeiro trata de ofrecer os feitos tal como foron (ou iso considera) e a segundo tenta iluminar coa súa razón o que se move no mundo insondable do misterio. Para converter as súas afirmacións en verdades incuestionables, Delfina emprega os recursos argumentativos clásicos: apóiase en casos coñecidos, cita a autoridade dos veciños que foron testemuñas, bota man de explicacións plausibles a falta doutras mellores, contraargumenta para neutralizar as reticencias do rapaz e, por se todo iso non abondase, remacha os razoamentos con algún contundente apóstrofe do seu amplo repertorio (burricán, herexe, salvaxe, primo de Satanás, animal, ánima en pena, porco de Cristo, carneiro, cabra, purpurito, burra vella, insensato, pecador).
Malia o testáns que resultan ser os datos obxectivos, o mundo da imaxinación non sempre se dá vencido. Debate á parte, o discurso de Delfina tamén tenta dar consolo á muller de Nicolás, cargada con cinco fillos, agora “viúva” de vivo (en máis dunha das acepcións do adxectivo) e, pasados os anos, tórnase consello útil para o narrador para que tome as precaucións precisas ante situacións potencialmente perigosas.
Entre os feitos narrados e o momento da narración pasaron polo menos vinte anos. Por iso o lector ten a sensación de estar escoitando unha voz narradora infantil. Ademais do paso do tempo, que fai deste conto un exercicio de memoria, achamos outros elementos habituais na narrativa de Casares. O primeiro deles, esa ventá de vidros transparentes que permite enxergar o mundo tal como é. En segundo lugar, os espazos --interior e exterior-- coñecidos, mesmo familiares, onde se moven personaxes aquecidos por relacións afectivas.
Na encrucillada do realismo e o misterio xa se ten atopado o autor sendo neno, como nolo conta n’Un país de palabras. E se ben opta dende ben cedo por un modelo literario realista, o remate d’Un polbo xigante semella levarnos á conclusión de que a vida non sempre se goberna polas frías luces da razón.

Sobre este conto fálase en:

  • Un polbo xigante. Ficha do conto e ligazóns extras na páxina do Consello da Cultura.


Carlos Casares, Un polbo xigante. Vigo, Galaxia, 2000. Ilustracións de Luis Castro Enjamio.

Ningún comentario: