3.9.18

Rolda pola república das letras-200. Agosto de 2018

Xavier Alcalá, The making of
[...] conta a historia dun escritor que, grazas a un xornalista galego coñecido como Cholo, indaga na vida de Alfredo Mosquera, o Coghomelo, un emigrante galego chegado a Arxentina nos anos 30 que colaborou cos nazis durante a Segunda Guerra Mundial (Borja Casal/X.F., La Voz de Galicia, 01-08-2018).
Emma Pedreira, Antídoto
-Cada vez que damos un paso adiante estamos deixando cousas atrás. O libro completo fala diso, de como avanzamos tendo que pechar portas. De como, para saír de certos espazos, hai que romper eses espazos. Estamos rompendo cousas a través das rupturas sentimentais e emocionais. Sempre imos cara a un futuro que nunca vén (entrevista de Borja Casal / X. F., La Voz de Galicia,03-08-2018).
Xosé Constenla, O colapso territorial en Galiza 
O colapso territorial constitúe o resultado da influencia que exerce a lóxica do capitalismo en combinación cunha serie de factores de tipo político e cultural. Nesta situación, emerxen dous procesos que tenden a reducir de xeito dramático a complexidade do territorio: por un lado, a diminución da humanización do espazo; isto dos usos sociais sobre o espazo (non só en termos demográficos); por outro, a perda da biodiversidade e o establecemento dunha paisaxe que resulta unha plasmación de determinados intereses empresariais (entrevista de Montse Dopico, Praza Pública). 
Alberto Ramos, A simetría das bestas
A obra trata, segundo indica Ramos, «da integración, do trauma e sobre todo de Caridad Verdet, a protagonista, que é a maior das bestas, non por fealdade, senón pola necesidade de adaptarse a un medio hostil para sobrevivir» (B. Casal / B. P., La Voz de Galicia, 06-08-2018). 
Xabier Quiroga, O cabo do mundo; Manuel Gago, O exército de fume 
O escritor Xabier Quiroga [...] debuxa en O cabo do mundo [...] un protagonista que, indica, «está no límite da vida» por mor dunha enfermidade, e que aínda así decide buscar no pasado familiar para saber quen era e que fixo seu pai: un home ao que acusan de asasino.
Manuel Gago [...] constrúe unha novela coa idea de chegar a un público amplo, pero sen renunciar, afirma, «a facerse preguntas incómodas sobre nós mesmos». O exército de fume (Xerais) sitúase a principios de 1942 nunha Galicia que vive entre dúas guerras ocultas: a dos nazis contra os Aliados e a da resistencia guerrilleira contra o franquismo (Borja Casal / X. F., La Voz de Galicia, 06-08-2018).
Oliver Añón, Canción para afundir flores no mar
Añón, ilustrador e animador, construíu “unha trama principal na que se entrelazan pequena historias con personaxes particulares que deixan ver un relato con presenza autobiográfica” (Sermos Galiza, 08-08-2018).
Max jacob, Filibuth ou o reloxo de ouro
“Tece unha historia da sociedade francesa mediante o retrato de gran cantidade de figuras de extracción social dispar”, explica a editorial na contracapa (Sermos Galiza, 12-08-2018).
Antía Yáñez, Senlleiras
A obra traza un relato de mulleres oprimidas pero que pelexan contra a opresión [...] En Senlleiras quería explicar, e tamén a min mesma, por que unha muller maltratada segue co maltratador e non é capaz de rachar con ese círculo vicioso (entrevista de Daniel Salgado, Sermos Galiza, 19-08-2018).

Ningún comentario: