16.4.17

Vernon Lee. Un amante fantasma

Imaxe: Hugin e Munin
A novela, que mestura elementos reais e fantásticos perfectamente combinados, discorre na voz dun pintor ao que lle encargan os retratos do matrimonio Oke.
O pintor narra a historia en primeira persoa e de forma epistolar. Diríxese ao conde Peter Boutourline (personaxe real), a quen o narrador sitúa en Kiev.
O artista acepta de mala gana o encargo que lle fai o marido, William Oke, e trasládase á súa mansión na campiña inglesa. Ao principio, o matrimonio Oke non lle parece que teña ningún interese; considéraas persoas do común. Pero a personalidade de Alice Oke atrae poderosamente a curiosidade do pintor. Atopa nesa muller un atraente fondo misterioso: fermosa sen ser guapa, actitude ausente coma se vivise noutra época, vestimenta (orixinal) de dous séculos atrás, parecido físico case cuspido á antepasada do retrato que fora amante do poeta Lovelock…
Entre a parella non hai segredos, pero o matrimonio e a casa que habitan están cheos de misterios. Casaren sendo parentes convérteos en vítimas propiciatorias dunha vella maldición: a fin da súa estirpe. Así e todo, o feito de que aínda non tivesen descendencia non fai presaxiar o tráxico final.
Sobre a casa corre unha historia, non se sabe se realidade ou lenda. Unha devanceira do século XVII, tamén chamada Alice, fora amante do poeta Lovelock, que rematou asasinado por ela e mais polo marido. O actual matrimonio Oke repite o trío amoroso co poeta Lovelock, pero neste caso a voz narradora non nos aclara se Alice está recreando un particular soño amoroso ou se pretende facer todo o posible por amolar o seu marido, do que non está namorada.

Falan da obra

Vernon Lee, Un amante fantasma. Santiago, Hugin e Munin, 2015. Trad. Antía Veres Gesto.
As notas ao pé sitúan o relato no seu contexto histórico.

Ningún comentario: