31.1.17

Noticias de literatura-181. Xaneiro de 2017

O escritor, pintor e crítico de arte John Berger faleceu esta segunda feira aos 90 anos en París. O autor inglés é un referente. Un artista polifacético que ensinou ás súas lectoras e lectores a comprender mellor a súa contorna. A reparar en todos os detalles. A observar o mundo (Noelia Gómez, Sermos Galiza, 03-01-2017).
[...] pescuda na infancia do enigmático personaxe verniano, xa que unha das habilidades do francés, a de suxerir un pasado para o capitán pero sen acabar de revelalo, xoga aquí a favor de quen se dedique a fabulalo pola súa conta (X. F., La Voz de Galicia, 02-01-2017).
Son estudantes da Universidade de Santiago de Compostela pero teñen a conciencia de que o deber do estudante non é a formación individual, senón poñer o saber que eles adquiren ao servizo do pobo (Marcos Pérez Pena, Praza Pública, 04-01-2017).
[...] cando comezamos a vivir no Rif decateime de que era un Marrocos moi distinto. Souben tamén das crónicas de Ben-Cho-Shey e comecei a tentar ver aquela dura e ao mesmo tempo fermosa paisaxe rifeña cos ollos dos galegos que estiveron alí durante a guerra (entrevista de Montse Dopico, Praza Pública, 05-01-2017).
El XLII Certame Nacional Galego de Narracións Breves Premio Modesto R. Figueiredo, que la Fundación Padroado do Pedrón de Ouro ha organizado este año en el Concello de Lalín, ya tiene ganador (María Rendueles, El Correo Gallego, 08-01-2017).
[...] vén de publicar o ensaio Galicia, o galego e os galegos (Toxosoutos), no que analiza ámbitos como a historia, o papel da muller ou a emigración, co obxectivo de desmontar tópicos e «dignificar a idea que se ten de Galicia e os galegos» (entrevista de Xesús Fraga, La Voz de Galicia, 09-01-2017).
Quería que non fose unha aventura sen máis, senón que tamén houbese unha pequena mensaxe. Así que decidín facer que a protagonista, Curuxa, tivese algún tipo de cadencia para que se apoiara no resto dos personaxes que foran saíndo na historia. Dese xeito, teríamos a mensaxe de que apoiándonos uns os outros poderemos conseguir as metas que nos propoñamos (Noelia Gómez, Sermos Galiza, 09-01-2017).
As editoriais Xerais e Através veñen de publicar conxuntamente un libro único pero repartido en dous volumes con cadansúa norma ortográfica que revisa desde Galiza o bolxevismo cen anos despois de que triunfara na Rusia do 1917 (R. C., Sermos Galiza, 11-01-2017).
Pretende revisar o mito explicativo patriarcal e liberal. As orixes do libros son sempre, para min, ‘encontros’, algunha experiencia que organizar. Nalgún momento tiven a necesidade de explicar a que respondían comportamentos que nun principio semellan naturalizados pero que cando se acentúan, cando aparece a súa estridencia, aparece a súa patoloxía, que é patoloxía social, é dicir, propios dunha sociedade patolóxica (entrevista de Montse Dopico, Praza Pública, 13-01-2017).
[...] é o gañador do premio Manuel Lueiro Rey de poesía, que este ano chegaba á súa quinta edición (Sermos Galiza, 19-01-2017).
A idea é amosar un Castelao máis duro, máis adulto, máis poético. Kiko da Silva afronta este proxecto, segundo Galaxia, coa intención de conseguir renovar a visión tanto plástica como de percepción narrativa do rico mundo literario creado por Castelao (Sermos Galiza, 20-01-2017).
A Real Academia Galega, da man da Facultade de Letras da Universidade de Lisboa (FLUL), presentou onte neste centro o libro que acaba de editar en homenaxe á profesora lusa Elsa Gonçalves, unha das figuras máis sobranceiras da lírica trobadoresca galego-portuguesa e doutora honoris causa pola devandita universidade (María Abascal, El Correo Gallego, 21-01-2017).
A novela fala do paso do tempo e, para o protagonista, os libros funcionan como referencias temporais. A min pásame; o recordo de certos momentos da miña vida está vinculado ás miñas lecturas. Todo lector ten unha memoria sentimental asociada aos libros que o foron acompañando. Pasa tamén coa música. E en “A orde invisible das cousas”, esas referencias, teñen moito que ver con libros que foron ou son importantes para min (entrevista de Pablo Vaamonde, Galicia Confidencial, 22-01-2017).
“Estamos ante unha poesía fascinante que xorde dun poeta con alma de neno, unha poesía soñadora e marabillosa”, relata Celia Vázquez, que explica que ao final o libro pasou a ser algo máis que unha sinxela tradución, “pois a miña condición de profesora e investigadora sempre me leva máis lonxe”, explica a autora (Galicia Confidencial, 24-01-2017).
A autora pretendeu así por unha banda dar a coñecer a historia real das irmáns Fandiño e, ademais, devolverlles unha dimensión humana e real, lonxe da imaxe de postal e máis próxima á verdade destas mulleres (entrevista de Alberto Ramos, Praza Pública, 27-01-2017).
[...] respecta mesmo o formato orixinal de caderno de contas con tapa dura na que o poeta escribiu a man os textos que o compoñen, un caderno que sempre o acompañaba. Os seus 19 poemas foron escritos polo rianxeiro nos anos 1926 e 1927 mentres estivo embarcado no pailebote Constantino Candeira, que navegaba polas augas do Mediterráneo (entrevista de Marcos Pérez Pena, Praza Pública, 27-01-2017).
A publicación en papel recolle ao longo de 96 páxinas a tradución da obra do dramaturgo francés –en versión de Eva Alarte e Carles Alfaro– asinada por Loli Ramos. Sobre este texto o CDG construíu o espectáculo estreado no Salón Teatro de Santiago de Compostela o pasado setembro e representado ata finais de ano por distintos escenarios galegos (Sermos Galiza, 27-01-2017).

Ningún comentario: