29.12.16

¿Bebiches?

Imaxe: La Voz de Galicia
A policía local de Rianxo está a levar adiante unha campaña para lembrarlle aos condutores nestes días de ledicia oficial que beber e conducir son actividades incompatibles. Os promotores da campaña xa se dan por satisfeitos se logran salvar unha vida. E non é pouco. Non está o país para perder vidas por excesos de bebida, de velocidade, de adrenalina, de drogas…
As mortes son lamentables. E que as autoridades competentes teñan que lembrar o uso do sentidiño común, tamén o é. Ás veces o consello semella provocar o desafío: lembremos aquel presidente de bigote severo e cara de zoca que se rebotaba contra o goberno que rebaixou drasticamente os niveis do alcoholímetro. ¿Quen era o goberno das Españas para dicirlle a el que, cando ou como tiña que beber? Non nos paramos a imaxinar que soltaría pola súa boquiña se llo chega a dicir un policía rianxeiro…
Sentidiño, pois o recurso ao “malo será”, aínda que nos identifique como indíxenas galegos, é un mal método para sentar detrás dun volante.
Parabéns pola campaña, sorte e grazas. Grazas especialmente ao “jefe del destacamento rianxeiro” que, segundo se desprende da lectura de La Voz de Galicia (29-12-2016), emprega un galego loable e respectuoso coa gramática.
Tampouco vou lamentar o galego accidentado do cartel, pero o sicario de Herodes que aniña en todo profesor lévame a facer un par de puntualizacións:
  1. A parella de pronomes te / che. Os indíxenas, quitados os das consabidas áreas dialectais, úsanos sen pensar. Os gramáticos represores recomendan botarlle unha ollada á función sintáctica: te funciona como complemento directo; che, como indirecto. Por exemplo, neste caso preguntámoslle ao verbo ¿que é o levado? Se a resposta es ti, a forma pronominal que corresponde é te: a policía levouTE para a casa [o levado es ti]; a policía levouCHE o coche para o depósito [o levado é o coche].
  2. A perífrase: ir + infinitivo. Vou comer; vou traballar; vou tocar o berimbao á punta do peirao; ¿quen te vai levar? (O espírito aforrador do galego garda a preposición a para outras ocasións).

Non hai que amuarse polos accidentes lingüísticos. Nin son morte de cristián nin carrexan sanción. O idioma padece por falta de uso,  non porque de cando en vez lle metamos un couce á gramática.
Pero, coma no caso da bebida, tampouco hai que abusar.

Vídeos relacionados: "Campañas de impacto para evitar los accidentes de tráfico", en La Voz de Galicia.

Ningún comentario: