4.11.15

Fran P. Lorenzo. Cabalos e lobos

Imaxe: Edicións Xerais
O título desta novela obedece á taxonomía que o tío da protagonista fai dos seres humanos (p. 85), baseada no seu comportamento: os lobos non se comen entre si, pero os cabalos poden ser as súas vítimas. En troques, os cabalos (coma os de xadrez) poden adoptar unha estratexia especial para saíren airosos no xogo da vida (p. 112) grazas, entre outras cousas, ao seu movemento máis libre e menos previsible. Basicamente, este é o principio que rexe a vida dos personaxes que se moven neste relato.
Cando o médico decide facerlle á protagonista unhas probas para determinar a natureza dunha sombra sospeitosa nos pulmóns, ademais de meterlle o medo no corpo, actívalle a necesidade de coñecer as sombras da súa propia familia. Porque as familias precisan dunha versión oficial propia (capítulo XIV). Na procura desta versión oficial e o seu contraste coa real desenvólvese o relato que estamos a ler.
Fran P. Lorenzo estrutura a novela en tres partes (“Gran Vía, 2”, “Descampado” e “Alba de Gloria”), distintas en extensión e ritmo narrativo, e cédelle a voz a dous narradores (á protagonista, Paula Costa Beckmann, na primeira e terceira,  e ao seu tío Álvaro na segunda). Nesta segunda parte radica a principal “sombra” que a familia pretendeu esconxurar: a homosexualidade e a súa vivencia. No tempo histórico en que se sitúa o desenvolvemento da novela esta “sombra” pesa moitísimo máis que o pasado nazi (visto como glorioso por momentos) ou a honorabilidade da fortuna acumulada.
A esta estrutura tripartita cómpre engadirlle tres datas significadas no decorrer do relato:
  1. 1960. “Noite da Caída” (p. 11), “ano no que oficialmente todo acaba para todos” (p. 19). O lector saberá finalmente que a caída só foi “oficial”.
  2. 1989. Ano en que a protagonista decide retornar á súa casa e darlle un novo rumbo á súa vida. “Chegaches en mal ano” (p. 42), dille o seu tío Álvaro, referíndose ao derrubamento do muro de Berlín. A protagonista derruba simbolicamente o seu propio muro.
  3. 2007. Xuño. Datación da carta que Álvaro escribe para o seu sobriño neto. Este documento varre a sombra que avergoña a familia e convértese nunha sorte de testamento vital para Paula e o seu fillo.
Espazo literario e personaxes están intimamente relacionados. Trátase dun espazo urbano, perfectamente identificable, e de interior doméstico. Casa e cidade configuran os personaxes. O recoñecemento do papel relevante da cidade é constante ao longo da novela: as vidas das persoas son coma as das cidades ou países (p. 77); as cidades son, ás veces, un estado mental; compara o entullo das cidades alemás bombardeadas co entullo das súas propias vidas (p. 79); dáse unha identificación protagonista-fogar-cidade (p. 95). As citas iniciais son un aviso claro da importancia que se lle vai dar ao espazo no relato.
A homosexualidade convértese no fío temático principal da novela, pero non ten menor importancia o tratamento da miseria moral de España e da Europa dos totalitarismos: exclusión e persecución de persoas pola súa condición social, racial, ideolóxica…; exercicio do poder sen ningún tipo de freo nin escrúpulo; contrabando a favor das castes poderosas; represión, campos de concentración, cárceres…
O relato, porén, aposta por un futuro sen prexuízos e sen dobres vidas que precisen do pano encubridor unha versión oficial propia.


Dictiografía

Fran P. Lorenzo, Cabalos e lobos. Vigo, Xerais, 2015. Premio Blanco Amor 2014.

3 comentarios:

Fran P. Lorenzo dixo...

Moitas grazas polo comentario!

Voz en off dixo...

Bonito blog!

Voz en off dixo...

E grazas por me citares!😙