Imaxe: Entrecomics |
Recolle este álbum 14 historias, xa publicadas en diversos medios, que teñen a reflexión sobre a morte como fío condutor.
O primeiro que percibe o lector --coma o célebre personaxe de Castelao-- é que os mortos non son todos iguais. Os esqueletos de Cráneo teñen unha personalidade tan complexa ou máis que calquera vivo que aínda teña a carne ben apegada nos ósos. E as súas reflexións sobre cuestións tan fundamentais coma o sentido da vida son tan asisadas que, malia careceren de pescozo, non deixan de amosar unha cabeza ben asentada sobre os ombreiros.
A través das cuncas baleiras dos personaxes vemos os camiños da vida. Mais no devir vital non é o máis importante onde os camiños nos leven; como se nos di en “O morto de malos aires”, “o único que importa sempre é… volver”, mesmo que sexa para axustar contas de morto por lerias acontecidas en vida.
Os entrañables esqueletos destas historias están sempre a camiñar e apréndennos, como en “...A dous quilómetros do Santo”, que o camiño máis seguro e elemental é o que nos leva á
morte. Se non se entende así --como lle ocorre ao fantasmiña desta historia-- córrese o risco de ser tan parvo como para morrer despois de morto (p. 26).
As breves historias do álbum debúxannos unha filosofía da morte con matices tan variados coma os da filosofía da vida. Unhas veces enfócase dende unha actitude cínica (“Antístenes morto”), outras saudosa (“O morto de malos aires”) ou apocalíptica ou resignada… Os mortos semellan tan vivos que ata asisten a sesións de terapia: arrastran as teimosías de cando vivos. Mesmo chegan a pensar --coma o lector-- que os seres realmente vivos son unicamente eles.
Falan do obra:
- “Cousas de mortos”, de Manel Cráneo, en Entrecómics.
Manel Cráneo, Cousas de mortos. A Coruña, Demo Editorial, 2012.
Ningún comentario:
Publicar un comentario