20.1.15

Filgueira Valverde. 'O Vigairo'

1

O Vigairo (1927) é unha novela curta publicada pola histórica editorial Lar. Preséntase como “ensaio simbólico, orixinal e inédito”, na liña de traballos etnográficos doSeminario de Estudos Galegos. Leva unha dedicatoria a Casto Sampedro porque na intención do autor está o “fague-la miña cántiga á boa vila mariñeira de antano”.
O relato céntrase na figura do Xoán do Pontevedra, derradeiro vigairo da Confraría do Corpo Santo. A través da rememoración a novela describe e homenaxea o Gremio de Mareantes e aquela Moureira da que noutrora foran donos e señores.
2
Nunha ducia de capítulos moi breves (en realidade, partes epigrafadas, curtas, ás veces resoltas nun par de parágrafos) Filgueira cóntanos a historia da Pontevedra mariñeira. Ábrese o relato cun lírico pranto polo mar da Moureira que dará o ton elexíaco que percorre a obra (1). Preséntanos deseguida o protagonista, Xoán de Pontevedra, O Vigairo, xa vello, que toma o sol (2) e a vila (3). “A vila do Vigairo ten tres pobos: un gabexa no mar, outro traballa na terra, outro suga nos celmas da terra e do mar” (p. 15); describe os lugares, as arquitecturas, as xentes, usos e costumes, as referencias históricas, xogos, traballos, medios de vida… O terceiro pobo é o do Estado (p. 10), que lambe e non produce.
Retorna a narración á figura do protagonista e explica o seu alcume (4), relátanos o seu pensamento sentencioso e lapidario (5) e a súa vida (6); o Vigairo mide o tempo polos feitos vividos: “Chegou a facer súa a cencia do mar, do seu mar” (p. 15). A través dos ollos do Vigairo o narrador dóese da fidalguía caída e morta, dos pazos e mosteiros baleiros ou esborrallados, dos muros derruídos, da vila antiga perdida. A dor polo alleo válelle ao protagonista para non se laiar do perdido no seu casal (7).
Á filla do Vigairo (8) chámanlle a Raíña. É unha moza fermosa, dunha “enmeigada rudés” (p. 17). Se cadra, pode personificar a propia Terra. Descríbese rapidamente a súa decadencia e morte, famenta e esfarrapada, por se “namorar do máis cativo amador de cantos viñeron de terras alleas a sugar do mar e os seus derradeiros tesouros” (p. 18).
Nun plano onírico represéntanse as desgrazas naturais como loitas do Mar e a Terra (9): “As casoupiñas homildosas da ribeira morreron estrizadas polas xenreiras da Terra e do Mar” (p. 19). Canda o medo producido pola carraxe da Natureza vai o universo lendario; as lendas son un recurso para a creación de medos e os seus remedios, como podemos ver na recreación da lenda do Urco (10).
As xentes que viven do mar saben que ás veces se torna monstro e reclama o seu tributo. Ao Vigairo levoulle a filla (11) e tamén o levou a el (12). No ambiente festeiro do Corpus, o Vigairo chora porque non ten quen o leve á festa. Está cego. “O Vigairo non ten lus, nin ten Mar, nin ten espranza” (p. 21). Pensa que vai na procesión, cae do peirao e afoga.
3
Como se dixo ao principio, envolve o relato un sentimento de mágoa polos tempos pasados que, se non foron mellores, tampouco serviron para mellorar o futuro. Ao lector preséntaselle a visión dun pasado que xa se foi. Estatismo e memoria son dúas características deste relato como fotografía dun tempo que xa era historia no momento en que se escribe. Percibimos unha memoria adolorida por tempos que se perderon coma semente que non deu xermolado.

A sociedade tamén se presenta inmóbil, sen permeabilidade entre clases. Ata o espazo se reparte por gremios ou clases sociais.
Imaxe: Editorial Galaxia
A paisaxe na novela amósasenos animada e activa: “O Vigairo caeu e afogárono as augas do regato” (p. 22); a Terra e o Mar pelexan e en consecuencia “as casoupiñas morreron estrizadas” (p. 29); a cidade faille o pranto ao mar da Moureira (p. 3).
O argumento da novela desenvólvese dende o punto de vista dunha terceira persoa omnisciente que mantén un alto grao de complicidade cos lectores: “Tedes que sabere que…” (p. 18); “Non lle preguntedes quen é a ninguén da vila…” (p. 4).
O Vigairo é o protagonista do relato, mais tamén un pretexto que lle serve ao autor para tratar xentes e hábitat como personaxe colectivo. Deste xeito, o Vigairo tórnase testemuña cega e muda.

  1. Xosé Filgueira Valverde, O Vigairo. A Coruña, Lar, 1927. (Edición pola que se cita).
  2. Xosé Filgueira Valverde, O Vigairo, en Antoloxía da novela curta, Vigo, Galaxia, 1990. Selección e prólogo de Carlos Casares.

Ningún comentario: