Mais en realidade foi un pouco de todo, aínda que os protagonistas da historia non o preparasen conscientemente. Os mexillóns estaban na mesa, porque esta familia celebraba os seus grandes acontecementos con este marisco que lle encantaba ó pai e mais ó fillo. Desta volta a familia agarda a chegada do pai, que posiblemente lles comunique un ascenso na empresa para a que traballa. Mais ocorre un feito insólito na vida familiar: o pai non cumpre coa súa puntualidade xermánica e non dá chegado á hora prevista. Mentres agardan (das 6 ás 10 da noite), nai e fillos van falando do ausente, e ante os ollos do lector ese competente profesional, pai e marido cabeza dunha “familia como debe ser”, vaise convertendo nun tirano, un maltratador, un ser abxecto que paga as súas frustracións coa propia familia. A conversa que manteñen no tempo de espera, mentres arrefrían os mexillóns, convértese nun xuízo ó pai sen concesións.“Que ese serán houbese mexillóns para cear non foi nin coincidencia, un pouco raro si, pero está claro que un sinal non foi, e non como o temos dito despois daquilo, pero seguro que non foi presaxio ningún, e coincidencia tampouco” (p. 7).
Imaxe: Rinoceronte.
Foto: Brigitte Friedrich |
O estilo co que se nos conta esta historia semella algo obsesivo, pero axeitado ó tempo de espera (catro horas). A autora emprega frases envolventes que manifestan, por un lado, a sorpresa que lles causa o feito insólito e, por outro, retoman o tema de reflexión.
Sitiografía
- Recomendación do Club de lectura Balbordo.
- Juan Parcero, “Mexillóns para cear”, en Xeado de toxo.
- Comentario de Aroa Espiño en As estelas dos ronseis.
- Recensión de Trafegando ronseis.
- Ambiente podre e sentido do humor salientados en Cecile’s Blog: “Le dîner des moules de Birgit Vanderbeke”.
- Marie J. en En marge (“Le dîner des moules”) analiza os papeis que no seo familiar desempeñan os protagonistas do relato.
- Les écrits d’Antigone, baseándose en citas da novela, comenta a situación abafadora que sofren os membros desa “familia perfecta” imposta pola tiranía do pai.
- Elfie Poulain, “L’idylle familiale ou la guerre des couples dans les récits de Birgit Vanderbeke”, Germanica. Longo e interesantísimo artigo no que se estudan os gozos a as desgrazas na vida cotiá das familias segundo os relatos de Vanderbeke. Na síntese do artigo dísenos que as novelas de Birgit Vanderbeke, obxecto de estudo nas escolas alemás, “presentan as características da nova xeración de escritores alemáns tanto no que portén ó humor abrasivo e estimulante que rompe coa escrita da xeración anterior como no que portén á nova ollada que lle botan á sociedade do noso tempo”. O artigo que se cita analiza en tres novelas de Vanderbeke un dos seus temas fundamentais: “A relación conflitiva entre as persoas e a cuestión da xerarquía dos sexos”.
Birgit Vanderbeke, Mexillóns para cear. Cangas do Morrazo, Rinoceronte, 2010.
Ningún comentario:
Publicar un comentario