11.3.12

Héctor Carré. Febre

Imaxe de Edicións Xerais.
En Febre cóntasenos unha historia que recolle a voráxine do contrabando do volframio. O marco cronolóxico da novela sitúasen entre os anos 1942-44, isto é, nos anos do imparable avance do exército alemán e o inicio da súa derrota. En Galicia, coma no resto de España, son anos de fame. Se algo sobra é miseria, mesmo miseria moral.
Mais alí onde se podía contrabandear con volframio creouse unha especie de oasis de abundancia e, neste caso, tamen abundaba a miseria moral.
A protagonista de Febre é unha rapaza intelixente, rebelde e afouta que se atopa no complicado paso da etapa final da adolescencia. A morte non asumida da nai e a actitude do pai, que ela considera covarde, complican aínda máis as súas relacións. Carmucha preséntasenos como unha heroína intelixente de corazón xeneroso, cunha afouteza por veces raiana na irresponsabilidade. Mantén un pulso permanente co socialmente establecido e en máis dunha ocasión ten sufrido na propia pelella as consecuencias da súa loita pola liberdade persoal e polos dereitos dos marxinados sociais.

Meteuse a contrabandista e facíase acompañar por un mozo da súa idade (Félix), fillo dos antigos caseiros, a quen consideraba coma un irmán. A banda de Carmucha chegou a ter sona de xusticeira e era á vez temida e respectada. Parte do gañado foi parar a unha escola de prostitutas na que a propia Carmucha ensinaba a ler e a escribir.
Héctor Carré. 
Foto: Edicións Xerais
O clímax desta novela de acción e espionaxe acádase na loita persoal que Carmucha sostén co Marelo, un cabo mafioso e homosexual que a violou para demostrarlle quen mandaba realmente. O Marelo cae nunha encerrona e morre a golpes e machadazos. Para que non pague con toda a culpa un inocente, Carmucha entrégase. Mais o inocente é fusilado igual. Daquela, o pai da rapaza (Matías) manobra para salvar a filla. Logra que a deixen saír do país a cambio de pandar el coa súa culpa.
Esta historia está contada na voz dun dos protagonistas, que lla relata á súa neta e aproveita, de paso, para contrastar as actitudes dos adolescentes do pasado e do presente.

Falan da obra




Héctor Carré, Febre. Vigo, Xerais, 2011. V edición Premio Fundación Caixa Galicia de Literatura Xuvenil.

Actividades: Febre. Test de lectura.

Ningún comentario: