3.5.11

José Manuel Trigo / Ramón Trigo. O burato do inferno

1. Bieito o Lindo retorna de Cuba, a onde marchara 20 anos antes, abandonando a muller embarazada, para fuxir do patrón, de si mesmo e dos fantasmas das súas vítimas. Mentres agarda pola morte no lazareto de San Simón, manda recado polo párroco ó seu fillo Xosé, quen lle recollerá o derredeiro alento, un mazo de documentos e a encomenda de acabar de reparar o mal que fixera en vida.
O guardés Bieito o Lindo foira contrabandista e raqueiro ás ordes do cacique don Manuel. A pelexa co portugués, man dereita do patrón, marcaralle a cara e a vida. A partir de aí, Bieito “navegou aos tombos polo mundo, dun barco a outro, dun mar a outro, dunha botella a outra...” (p. 63). Vinte anos despois, retornará para morrer na terra e pediralle axuda ó fillo para poder repousar en paz.
2. N’ O burato do inferno temos a historia dun arrepentimento como fío condutor da narración. E canda este fío atopamos:
a) Unha historia de raqueiros. Boa parte da acción transcorre na Guarda de mediados do século XIX.
b) Unha historia de caciques. O representado neste relato é un individuo sen escrúpulos, insaciable, dono de vidas e facendas.
c) Unha historia de viúvas de vivos e mortos, de mulleres maltratadas, de vidas estragadas sen distinción de clase social.
d) Unha historia de emigración que, malia o éxito económico, sempre agocha un fracaso humano.
e) Unha historia de xustiza poética, porque o cacique, ó revés que na vida real, acabou tragado polo burato do inferno.
3. O protagonista, Bieito o Lindo, leva sobre si todos os estigmas dun pobre home azacanado pola vida. Non foi bendicido pola sorte; a pelexa co portugués deixoulle a cara cruzada coa lindeza dunha navallada; retorna da emigración con máis peso na alma ca nos petos e lémbralle ó lector aquel personaxe de Castelao que volveu “porque non quería morrer alá”; como marido foi un absoluto fiasco e como pai non pasou de recurso económico. Así e todo, resulta un personaxe ó que se lle colle afecto; se cadra porque nolo presentan como a cara da loita e do sufrimento. Unha cara na que nunca faltou un pouso de bondade.
A certa altura do relato, o protagonismo pasará ó seu fillo, que se preocupará de pór o ramo á obra que Bieito non puido rematar en vida.
O cacique acaba engulido polo buraco, vítima da súa propia cobiza. Coa súa desaparición péchase un acto de xustiza poética: a paz retorna á vila e as propiedades roubadas ós seus donos ou, coma no caso da filla do cacique, ós herdeiros lexítimos.

4. Sitiografía


José Manuel Trigo / Ramón Trigo, O burato do inferno. Faktoría K de libros, Pontevedra, 2010.

Etiquetas: , , , ,

1 comentario:

Dani Gonzalez dixo...

Para min este cómic foi unha sorpresa. Chamárame a atención o tema dos raqueiros e despois descubrín unha historia de culpabilidade e de submisión ao cacique moi chula Gústame moito o debuxo, que amosa paisaxes nocturnos e bretemosos con trazos moi sinxelos.

Saúdos para ti rdf e para os teus lectores e lectoras.

Dani Gonzalez (A lei de Lem)