12.1.09

Agustín Fernández Paz. O único que queda é o amor (1)

1.1. "Un radiante silencio". Sara, executiva capaz e competitiva, busca unha pequena saída á rutina diaria cambiando a cafetería habitual pola dunha nova librería que acaban de abrir ó pe do banco onde traballa. Curiosea polos andeis e compra algúns libros que le con ansia. Tamén vai atopando polos andeis tarxetas con citas de libros, coma se fosen expresamente deixadas para ela, coma se alguén estivese a manter unha charla con ela... Xorde o namoro ás cegas, mais abandona a busca do seu namorado oculto e deixa de ir pola librería. Pablo, o libreiro, decide queimar as tarxetas que lle tiña preparadas, coma se fosen cartas de amor, para irllas deixando días vindeiros.
1.2. "Amor de agosto". O protagonista, home maduro e cos fillos criados, decide queimar as cartas que de mociña lle escribira Laura. Namoráranse de adolescentes, mais o pai da rapaza botouno do traballo e ameazouno se non a deixaba. A rapaza elixiu o mellor partido dun estudante de leis con futuro.
O conto tamén nos presenta o panorama de emigración dentro do Estado: o asentamento e creación dunha familia noutro lugar, a falta de raíces da parella e dos fillos na terra, o esforzo do emigrante saudoso por manter algún lazo, aínda que sexa remoto, co lugar onde naceu.
1.3. "Esta estraña lucidez". El e mais o seu can tornan cada noite durante un ano "a este mesmo lugar, como marionetas gobernadas por unha man invisible". El namorárase d' Ela o día que a viu lendo un libro sentada nun banco da praia. El e mais o can morreran nun accidente. Aínda que romperan antes do accidente, de morto torna a visitar a muller da que estivera namorado.
1.4. "Unha historia de fantasmas". Pamplona, ousada de peregrinos que camiñan a Compostela. Cóntanse historias, recítanse poemas. Un misterioso contertulio identifícase co poema de Valente recitado pola narradora. O misterioso contertulio cóntalle o accidente dunha parella namorada. O narrador resultou ser o marido falecido catro anos antes naquel accidente de coche.
1.5. "Ríos de memoria". María, aproveitando unha viaxe a Bilbao, obriga o seu marido a desviarse para visitar a vila onde vivira de pequena. Identifica os lugares, lembre un amor adlescente, a despedida onda o regato que desapareceu canalizado... As bágoas acoden ós seus ollos: o soterramento do río asolágalle parte da memoria.
1.6. "Loanza da filatelia". Ernesto colecciona caixas de mistos. Cando casou, a muller non lle puxo mala cara; mais comezou a vela con malos ollos cando dediciu que lle estorbaba na casa. Despois dunha rifa coa muller, Ernesto deixou a colección. Cando morreu dun infarto, a muller queimou as caixiñas e con elas arde o "magnífico diamante de vinte e catro quilates engarzado no anel de ouro branco" que tiña pensado regalarlle nas vodas de prata.
1.7. "Unha foto na rúa". Daniel atopa tirada na rúa unha foto de carné co nome de Diana escrito por detrás. Namórase da moza e comeza unha busca desesperada. Diana é unha administrativa que se dedica a viaxar dende que lle tocara a lotería. Xoga a deixar oito fotos en cada cidade que visita coa ilusión de que, se cadra, alguén que as atope se entreteña en imaxinar historias.
1.8. "Meditación ante o álbum de fotos familiar". O narrador desta historia fai por herdar o pazo familiar. Na reforma da vivenda atopa un agocho cun cadáver. Mirando o álbum familiar, o narrador tenta ver os ollos do asasino.
Neste relato podemos ter o xermolo de Corredores de sombra, novela que trata o resentimento e a represión na guerra civil. Na novela, o tema desenvólvese dende a perspectiva da neta do asasino.
1.9. "Despois de tantos anos". Á narradora danlle a nova da morte de Adrián, de quen se namorara sendo moza xa con noivo formal. A vida levou a cadaquén por camiños estraños e afastados. Coa nova, a narradora recupera as lembranzas da mocidade e o desexo de imaxinar como tería sido a vida co mozo de quen estaba namorada. Unha caixa na que gardara unha foto e un exemplar das Rimas de Bécquer que Adrián lle regalara serviralle de táboa neste naufraxio.
1.10. "Un río de palabras". Botando man do recurso de colocar en lugares públicos follas con anuncios de servizos varios e tiras cortadas co número de teléfono, o protagonista deste relato pretende inundar a cidade con ríos de tinta: textos de obras e tiras co título para animar á lectura. Xórdenlle imitadores. Entre eles espera atopar o amor da súa vida.

Ilustración de Pablo Auladell para esta obra.

Ningún comentario: