25.5.11

Manolo López Poy e Miguel Fernández. Mamed Casanova. O fillo da furia

1. Comeza esta novela gráfica co primeiro plano do perfil dun vello e canso Mamed Casanova, alias Toribio. Póñeno fóra do penal, onde botara os últimos 25 anos da súa vida. Metérano na cadea con 22. Pouco se sabe del des que foi posto en liberdade. A novela recrea aqueles anos nos que a forza bruta de Toribio amedrentara veciños, alcaldes, cregos e forzas de orde da comarca ortegana e amargara a vida da súa pobre nai.
O Casanova d’ O fillo da furia é un mozo de mal xorne e descomunal forza, sen medios nin sorte na vida, pero que tampouco acepta resignadamente a situación que lle tocou vivir.
Gustáballe moito a boa vida e pouco o traballo. En cuestión de mulleres, tamén apuntaba alto. Como nin sequera tiña medios para intentar facerse rico na emigración, optou polo bandoleirismo: se cadra a única actividade para obter os maiores beneficios co menor esforzo.
Pero o país é unha vaca fraca da que pouco se podía tirar. Os delitos de Mamed Casanova, sacando os asasinatos que lle apoñen, dan pena: róuballe o traxe a un morto, asalta algunha reitoral, fai a colecta a punta de pistola nunha misa... A morte da criada do cura posiblemente llo cargaron na conta por ser menor de idade, aínda que non fose obra súa. Acabou condenado á morte. O rei Afonso XIII conmutoulle a condena por cadea perpetua logo de que a nai lle pedira clemencia cando o monarca visitou a catedral de Compostela. Cumprida a condena, perdéuselle a pista. Pero esta é outra historia.
2. O que debía intranquilizar a sociedade selecta do seu tempo non eran tato as “fazañas” que lle atribuían coma o desexo manifesto de fuxir da súa condición social. Que un morto de fame pretendese emparentar con alguén da boa sociedade suporía o esborrallamento da orde no mundo. Un individuo coma Mamed Casanova, pobre e bastardo, só tiña tres saídas na vida: resignarse a traballar coma un escravo para malcomer, arriscarse na aventura da emigración ou botarse ó monte. As poucas opcións das clases desfavorecidas e o desprezo que por elas sentían os acomodados queda maxistralmente debuxado nesta novela gráfica.

3. A vida de Casanova coincide con momentos convulsos da nosa historia de finais do século XIX e do primeiro terzo do século XX. O noso protagonista padece os acontecementos, pero non semella ser consciente de pertencer ó colectivo dos perdedores da historia. Pola contra, a nai si que se decata de estar vivindo nunha abafadora sociedade clasista: “¿Pensas logo que ti vas poder con eles?” (p. 30). Os “señoritingos” fan a política de casino propia da Restauración e moven todos os seus recursos para que ninguén ouse rebaixarlle os privilexios: “Se os fillos dos labregos e dos mortos de fame poñen os ollos nas nosas fillas, un día sentarán a cear nas nosas mesas” (p. 29). O desprezo que senten polas clases baixas patentéase neste relato.
A xustiza da época era concibida como escarmento e non como árbitro de convivencia social. A fame e os malos tratos ían asociados á condición de reo. A fame tamén estaba instalada na casa de labregos e mariñeiros. Contra a fame aínda quedaba a esperanza da emigración, pero contra a xustiza non había moito que facer. María Casanova mendígaa para o seu fillo.
4. Os personaxes desta novela gráfica podemos encadralos en tres grupos. Por un lado, os membros da sociedade que frecuenta o casino, incluídos os administradores de xustiza, ós que lles podemos sumar os membros das forzas da orde, que proceden dun estamento pero serven a outro. Doutro lado, a xente do común (labregos e mariñeiros), grupo ó que pertence o noso protagonista, a nai e algún outro personaxe individualizado como Balseiro ou o mesmo cura.
Ambos os dous grupos desempeñan no relato un labor coral. Dos personaxes principais, o lector percibe o carácter simple, brutal e arroutado do protagonista, a maldade de Balseiro pero, sobre todo, destaca a fortaleza de María Casanova.

5. Sitiografía:




Manolo López Poy e Miguel Fernández , Mamed Casanova. O fillo da furia. Demo Editorial, 2010.

Etiquetas: , , , ,

Ningún comentario: