10.5.07

María Mariño, alegre e culta


Van caendo coma pingueiras as novas sobre a figura de María Mariño. Desta vez son as declaracións da súa sobriña neta: "Maite Martín, nega que a poeta fose "triste" e "ignorante" e defínea como unha persoa alegre e culta". Lemos o artigo no Galicia Hoxe.

La Voz de Galicia publica hoxe (10-05-07) un amplo suplemento sobre a poeta.

Non deixedes de visitar tampouco esta páxina da Consellería de Cultura, de onde está collida a imaxe que figura enriba.

8.5.07

María Mariño. Novas achegas

Os que andades agora por segundo de bacharelato podedes achegarvos ó artigo que publica A Nosa Terra sobre a figura homenaxeada nas Letras deste ano. Faise eco das últimas contribucións ó coñecemento da figura de María Mariño.
Aí volo deixo, por se vos peta botarlle unha ollada.

3.5.07

Literatura e terapia


Dous artigos publicados no Galicia Hoxe fan referencia á literatura como recurso terapéutico. Un deles, da autoría de Anxo Tarrío, fálanos dun experimento hospitalario baseado na literatura. Isto é, do emprego da lectura ou da escrita como medicamento para o alivio ou curación de enfermidades. O outro artigo recolle a noticia da presentación dun novo libro sobre a obra de María Mariño: María Mariño, no ronsel das escritoras galegas (Laiovento), de Pilar García Negro. A autora tamén incide no aspecto terapéutico da escrita da poeta: "A poesía úsase como terapia no seu refuxio natal". E subliña o feito de que María Mariño escriba nunha época escura, sabéndose enferma de morte.

1.5.07

Mentres a herba medra


Mentres a herba medra é o título da novela coa que Xesús Rábade Paredes gañou o Blanco Amor deste ano. Sobre o evento destacamos dúas noticias. A publicada no Galicia Hoxe céntrase na novela, mais tamén anuncia proxectos futuros. En La Voz de Galicia aparece unha entrevista co escritor, na que fai un pequeno repaso á súa obra anterior e bota unha ollada esperanzada ás novas xeracións.

(Imaxe de Galicia Hoxe, 1-5-07)

30.4.07

Soidades de Ana. Algunhas achegas.


Os amables membros do club de lectores de Soidades de Ana atoparedes un par de achegas que se cadra vos resultarán de utilidade.

Unha síntese argumental apertada na páxina web de Andel; un comentario xeral dalgúns aspectos da novela neste blog.
Tamén vos lembro que tedes un caderno que devece polas vosas opinións.

29.4.07

Cerradelo, Rábade e Rivas

A prensa de hoxe vén chea de noticias de galardóns literarios.
Silverio Cerradelo obtén o Premio Terra de Melide cunha novela sobre a incomunicación: Os paxaros tamén migran ao sur.
Xesús Rábade Paredes acada o Blanco Amor con Mentres a herba medra.

E a novela de Manuel Rivas Os libros arden mal faise cos premios da Crítica e mais co Losada Diéguez.


Unha achega crítica a esta obra podedes vela en Brétema; e outra máis, da man de María Liñeira, nesta páxina do Consello da Cultura.

(Imaxe da capa da novela en
http://www.xerais.es/cgigeneral/agenda.pl?id_sello_editorial_web=13&mes=12&anio=2006.)

26.4.07

Tres lecturas

Tres libros galegos, na selección «The White Ravens», lemos no titular de La Voz de Galicia.




Tres obras galegas, entre as mellores das letras para cativos
Smara’ de Paula Carballeira, ‘A princesa do Caurel’ de Patacrúa e ‘A sombra descalza’ de An Alfaya, no White Ravens, lemos no Galicia Hoxe. Neste xornal coméntanse brevemente outros aspectos relacionados coas obras seleccionadas. Tamén se dá a páxina web da prestixiosa selección: http://www.ijb.de/whiteravens.




Non fai falla dicir que non estaría mal incorporar estas obras á nosa lista de lecturas.




Aburiño.




23.4.07

Premios Minerva


Coñécese o veredicto do xurado que outorgou os premios Minerva 2007 (35ª edición). Atoparédelo nun gozoso artigo que escribe Avelino Abuín de Tembra para o Galicia Hoxe (23-4--07).

Parabéns para os gañadores e para todos os participantes.

(Imaxe de http://www.mic.ul.ie/english/Paula's%20Home%20Page.htm)

21.4.07

Brazos en cruz


Lemos no Galicia Hoxe un artigo de Susana de la Gala sobre o masacre na Universidade de Virxinia. Céntrase a articulista na figura do profesor emérito que tentou deter o asasino mesmo facéndoo pasar por riba do seu cadáver. Mais non deixou de chamarnos a atención o parágrafo que citamos:

"Tiven bos profesores dende preescolar, agás algún caso concreto, cruel nos tempos de Franco, do que esquecín o nome. Deuse o caso que poñía de xeonllos cos brazos en cruz, e as mans suxeitando libros, os rapaces e as rapazas que falaban galego en clase. E ademais daba co anel enorme que tiña no dedo medio nas cacholas dos nenos e das nenas de aldea. Ou coa vara de medir, que era dura como o demo".

Non precisa comentarios. Só o traemos aquí para que a amnesia histórica non nos faga desvergonzados á hora de reclamar dereitos lingüísticos e de laiarnos polos ataques á sacrosanta liberdade.

A pouco que se escaravelle damos con alguén que considera delito o uso de certos idiomas, porque hai idiomas que ofenden.

E agora atopádelle explicación.

20.4.07

Soidades de Ana. Cuestionario


Velaí vos vai o cuestionario-guía de Soidades de Ana.

Non fai falla que vos lembre onde esperan con ansia as vosas opinións sobre esta lectura.

Ánimo.


LECTURA: Jordi Sierra i Fabra, Soidades de Ana, Vigo, Galaxia, 2007.

CUESTIONARIO
1. Argumento.
2. A obxección de conciencia: valores e inconvenientes.
3. Os pais e o noivado.
4. Tema central da novela: enfoque e tratamento.
5. Os adolescentes e o sentido do compromiso.
6. A vida herdada.
7. A liberdade e as súas limitacións.
8. A necesidade de respostas cando xa non serven para nada.
9. O tema da educación sexual e o seu tratamento.
10. Estrutura da novela.
11. O tempo na novela.
12. As cargas familiares: enfermidade, morte, impedimentos...
13. Os amigos: valores e inconvenientes.
14. O futuro en compañía: vantaxes e inconvenientes.
15. O namoramento: tratamento que se lle dá na obra.
16. Condicións e actitudes segundo a novela para decidir a propia vida e o propio destino.
17. Caracteriza a adolescencia segundo a lectura da novela. [158]
18. Segundo a túa propia experiencia, ¿que lle falta ou sobra na novela á etapa da adolescencia?
19. A soidade. ¿A quen acudir cando estás sen xente, rodeado de obxectos? [169-70]
20. ¿A que se refire a novela cando fala do inimigo interior?
21. O final feliz. Valoración dende o punto de vista narrativo.

15.4.07

Gallegos de remate


Gallegos de remate: velaí o título dun artigo de Antonio Sangiao, publicado no Xornal.com. Trátase dun artigo en defensa da raza e dalgunha cousiña máis. Está escrito en castelán, porque o autor non quere que o tomen por parvo. Así e todo, os que temos o bacharelato creo que podemos ler ese idioma, mesmo non estando obrigados a coñecelo.

Tamén enlaza o antecitado xornal un artigo de C. Novo e mais un vídeo sobre o lado escuro do idioma. Podedes velos se vos peta.

Gallego el que no lo haga.

María Mariño existiu de verdade

Agora ninguén o dubida, pero houbo tempos que nin se sabía da poeta, e os que coñecían o nome coidaban que era uninvento.


Sobre este aspecto fala Méndez Ferrín no suplemento "El Sábado", do Faro de Vigo (14-4-07).


Á parte do referido sobre a autora noiesa, comenta o autor outras "fraudes literarias" de interese.


Atoparédelo no lugar enriba indicado.


Abur.
(Imaxe da capa da revista Festa da palabra silenciada, en http://perso.wanadoo.es/festadapalabrasilenciada/images/festa21.jpg)

14.4.07

Luís Seoane


Nas "Crónicas inconformistas" (La Voz de Galicia, 14-4-07, aniversario da proclamación da II República), Isaac Díaz Pardo a exposición de debuxos comisariada por Valeriano Bozal que se expón na fundación do artista e escritor coruñés.

Céntrase Díaz Pardo na faceta plástica, mais non deixa de citar a obra literaria e algúns aspectos da biografía que conforman a figura de Seoane.

Déixovos o artigo enlazado, por se queredes botarlle unha ollada.

13.4.07

María Mariño. Novas luces


No Galicia Hoxe temos a noticia da presentación dun libro de María Mariño, oculto unha chea de anos. Este libro misceláneo misceláneo (poesía e prosa) bota luz sobre a etapa máis escura da poeta.

(Foto de Ramón Escuredo publicada no Galicia Hoxe, 13-4-07.)

11.4.07

Eva Moreda. O demo e o profundo mar azul



Para o club de lectores d'O demo e o profundo mar azul.


Os que teñades curiosidade por achegarvos á biografía da autora podedes consultar a ficha da BVG. (A foto é desa páxina.)

Tamén hai datos nesta curiosa páxina.

Para quen estea interesado no aspecto musical, moi importante nesta novela, consulte estoutra páxina.

Para unha achega máis xeral á obra: este blog.


Como xa vos coñezo e sei do voso espírito de traballo non fai falla que vos diga onde podedes deixar as vosas reflexións sobre esta interesante novela: Oleiros, Matacristos e asociados, ou nesta mesma bitácora a través dos comentarios.

Saudiña e que vos preste a lectura. Estou seguro de que así será.

(Nota sen gastos: Aínda que o profe é algo inocente, creo que sabe distinguir entre "traballar en equipo" e "copiar con todo o equipo". Dígovos isto porque mo comentou así de pasada. Abur.)