1.1.18

Rolda pola república das letras-192. Decembro de 2017

Armando Requeixo, Cunqueiro e Mondoñedo. Guía literaria
A obra preséntase como un itinerario pola histórica vila e a súa contorna. Trinta e cinco puntos xeográficos cosen as historias e os días do autor de Merlín e familia. “Cunqueiro deixou dito algunha vez que, independentemente do lugar de que estivese a falar, sempre estaba falando das rúas e os tipos de Mondoñedo”, sinala Requeixo (Daniel Salgado, Sermos Galiza, 03-12-2017).

IlMaquinario, Resaca
En Resaca, ilMaquinario transita entre os límites da realidade e a ficción nun proxecto no que os membros da compañía procuran reconstruír a súa memoria xeracional e familiar a través da historia dunha persoa común que desapareceu e que marcou as súas vidas: Álex (entrevista de Alberto Ramos, Praza Publica, 03-12-2017).

Carlos Labraña e o teatro infantil
[...] un dos autores máis premiados e de dilatada traxectoria en Galicia. A el débenselle unha chea de títulos, como O teatro dos soños (Garola, 2005), Os sons das buguinas (Baía, 2006), Lendas da noite de San Xoán (Everest, 2008), A fraga das árbores palabras (Embora, 2013), Espantallo (Fervenza, 2015) ou O apalpador (Galaxia, 2016) (Isabel Mociño, El Correo Gallego, 03-12-2017).

Estevo Creus, O lugar que non hai
Os poemas cos que Creus gañou un dos certames literarios máis veteranos de Galiza foron “concibidos para a oralidade”. “Non estaba moi seguro de se funcionarían como texto escrito, por iso o premio foi unha sorpresa”, admite (Daniel Salgado, Sermos Galiza, 04-12-2017).

Xaquín Marín, Tonecho
Unha retranca que herdou a súa creación, e que amosa en cada viñeta, sexa con ocasión das festas de Nadal, os xogos na rúa, o fútbol, as súas conversas co can Palleiro ou as discusións no seu grupo de idade ou cos maiores (Xesús Fraga, La Voz de Galicia, 06-12-2017).

Henrique Alvarellos, Xurxo Martínez González, Francisco Singul e Martín Souto, Os últimos carballos do Banquete de Conxo
[...] o libro xunta catro pequenos ensaios que xiran arredor do lugar e o que evoca, e constitúe unha alfaia singular por varias razóns (Berta Dávila, Praza Pública, 07-12-2017).

Xosé Luís Méndez Ferrín, Arraiano entre arraianos
Os textos de Ferrín publicáronse antes no Faro de Vigo, xornal co que mantén unha delongada relación. O máis antigo data de 1979. O máis recente, de hai dous meses. “Van de Asturies a Valença do Minho”, explica o editor Paco Macías, de Positivas (Daniel Salgado, Sermos Galiza, 08-12-2017).

Fernando Iglesias, «Tacholas», homenaxeado en Arxentina
Tacholas nació en Ourense en 1909 y se fue a Buenos Aires con 19 años. Allí tomó contacto muy pronto con los grupos intelectuales gallegos y cuando en 1936 llegó al país el director de teatro Manuel Varela Buxán se unió a él para formar la primera compañía argentuna de teatro gallego (La Voz de Galicia, 12-12-2017).

Matilde Felpeto, Cociña tradicional galega; Carina Regueiro, Estrelas da despensa galega
A perspectiva de Felpeto é transversal, no sentido de que mestura gastronomía, historia e cultura [...] Regueiro ofrece no seu libro 67 receitas tradicionais pero non refuga dos cambios experimentados pola gastronomía galega nos últimos anos (Xesús Fraga, La Voz de Galicia, 18-12-2017).

Francisco X. Suárez Naval, Alma e o mar
Alma e o mar achégase ao xénero da intriga para, dende a novela, abordar as múltiples violencias que sofren as mulleres (Xesús Fraga, La Voz de Galicia, 19-12-2017).

Arturo Iglesias/Xosé Tomás, Sabela. Almiranta dos mares do sur
Para documentarse sobre Sabela Barreto, Iglesias botou man de libros de viaxes, de novelas e, principalmente, do relatorio de Pablo Fernández de Quirós -piloto de navegación- arredor da travesía polos mares do sur. “O descubrimento das rexións austrais describía a viaxe que capitaneaba Sabela (Tamara Martínez Pastoriza, Sermos Galiza, 26-12-2017).

Antonio Neira de Mosquera, Galicia ante todo. Páxinas esquecidas do Rexurdimento (1840-1853)
Antonio Neira de Mosquera elaborou o seu pensamento, o traballo que recolle galicia ante todo. “É importante para entender o Rexurdimento”, esténdese Xurxo Martínez, “e axuda a facer un relato daqueles pioneiros que situaron Galiza no centro das súas inquedanzas”. Era unha elite intelectual que, máis alá de lugares comúns, “estaba en hora con todos os pobos de Europa”. Obras de Locke, Montesquieu ou Rousseau poboaban as bibliotecas particulares. “O mar era unha vía de comunicación moito máis aberta que a meseta”, conclúe (Daniel Salgado, Sermos Galiza, 27-12-2017).

Carlos Casares, O suicidio de Jonas Björklund e outras historias
O ano que a Real Academia Galega dedicou a Carlos Casares (1941-2002) chega a termo. Faino con dúas paradas nos alicerces fundamentais do seu traballo: a narrativa e o xornalismo. O suicidio de Jonas Björklund e outras historias e A ledicia de ler (Daniel Salgado, Sermos Galiza, 28-12-2017).

Xosé Constenla, O colapso territorial de Galicia
O xeógrafo compostelán Xosé Constenla ven de gañar a décimo sétima edición do premio Ramón Piñeiro de ensaio pola obra O colapso territorial de Galicia. Unha lectura dende o espazo da construción social do país [...] (Susana Luaña, La Voz de Galicia, 29-12-2017).

Ningún comentario: