10.3.16

Mário de Sá-Carneiro. A confesión de Lúcio

Imaxe: Hugin e Munin
Lúcio Vaz, narrador e dramaturgo, cumpriu dez anos de cadea polo asasinato do seu amigo poeta Ricardo Loureiro. Lúcio non cometera o crime nin se defendeu da acusación. O seu relato tenta aclarar co estraño da súa actitude e a incredulidade que provoca. O protagonista nin intenta xustificar os seus actos agora como non intentou defenderse antes de ser condenado; só tenta explicar o misterio que o converteu en vítima. Nin o propio protagonista entende a situación vivida e pide ao lector que acepte esa vida na incerteza, nesa franxa imprecisa entre a realidade e o misterio. A voz narradora confesa que non é doado entender —nin crer— o relato que vai desenvolvendo.
Nesa franxa de incerteza vai gañando protagonismo a figura de Marta, fermosa muller chea de misterio, de pasado descoñecido para o narrador. Está casada con Ricardo Loureiro, pero mantén relacións extraconxugais cos seus mellores amigos. O narrador cre que o marido ten que coñecer estas relacións e mesmo sospeita que as fomenta. O lector non se sente especialmente estrañado da situación dado o ambiente amoral no que se moven os personaxes, pero si pola razón de tales relacións: Ricardo Loureiro, incapaz de corresponder ao afecto dos amigos, válese da entrega da muller como sucedáneo. A decepción que provoca esta situación acelera o inexplicable desenlace: Ricardo dispáralle a Marta, pero o único cadáver que aparece na escena é o del. Cumprida a condena, o narrador remoe a experiencia na soidade da vida no campo.
Os personaxes da novela presentan uns trazos que fan visible o autor. Os estudosos da literatura portuguesa (Saraiva, Lopes, Barreiros, entre outros) coinciden en sinalar fundamentalmente dúas:
  • A angustia: os personaxes, o mesmo que o creador, viven nun permanente desencontro consigo e co mundo; nin eles entenden o mundo no que viven nin o mundo os entende a eles; séntense desprezados como persoas e como artistas. A vida angustiada e dispersa que levan condúceos ao suicidio, que se presenta na novela como solución ao fracaso.
  • O egotismo: visible na adopción do punto de vista (narrador en primeira persoa) pero sobre todo na actitude do narrador, que se erixe en intérprete único da súa historia, da súa obra e da dos seus amigos.
Ambas as dúas características son unha boa base para provocar a
  • Frustración, que pode levar a acabar coa vida ou a destruír a obra, caso do noso protagonista.


Dictiografía

Mário de Sá-Carneiro, A confesión de Lúcio. Santiago de Compostela, Vólvense os paxaros contra as escopetas, 2013. Tradución de Benxamín Constante.

Ningún comentario: