Diego Ameixeiras. Dime algo sucio. Cuestionario
|
Imaxe de Edicións Xerais |
Para o grupo de lectura de Dime algo sucio de Diego Ameixeiras.
- Comentade os efectos que pode ter sobre o lector o coñecemento de feitos aínda non descubertos pola policía.
- Valorade como lectores o feito de que un crime vaia quedar sen castigo.
- Analizade a estrutura da novela. Establecede a súa relación coas técnicas empregadas no cine.
- Comentade o uso que se fai na novela das redes sociais.
- Hai personaxes con nome e outros sen el. Ata hai algún con nome e apelido. Comentade este aspecto.
- Pode
afirmarse que os personaxes da novela están en crise. Analizade as
causas, as consecuencias e o método co que se enfrontan a ela.
- Comentade como, a medida que avanza a novela, as historias particulares van tecendo unha trama aos ollos do lector.
- En
distinta medida, algúns personaxes amosan sentimentos relixiosos.
Explicade os casos. [Véxanse especialmente os capítulos 52, 62, 74, 78 e
85].
- Na novela atopamos dúas voces narradoras (P1 e P3). Analizade o papel de cada unha desas voces.
- Ameixeiras relátanos unha historia movida, mais semella que o tempo estivese detido para o lector. Analizade este aspecto.
- A
historia particular de cada personaxe vaise desenvolvendo en orde
cronolóxica. Pero hai unha excepción. Identificádea e analizádea.
- Explicade o título da novela.
- Os
personaxes móvense por toda a cidade. Aínda así, o lector ten a
sensación de que o espazo literario está moi delimitado. Comentade este
aspecto.
- Dísenos
na novela: “ En contra da nosa vontade inicial, a todos nos convenceron
algunha vez de que o destino ao que pretendiamos dirixirnos non era o
máis emocionante. Alguén provocou que modificásemos a nosa folla de ruta
e acabamos por agradecerllo ata a fin dos nosos días” (p. 189). Á luz
da lectura, ¿pode sosterse tal afirmación?
- O consumismo e a tiranía das marcas na novela.
- O tema da vellez na novela. Enfoque e tratamento.
- ¿Preséntasenos na novela unha sociedade gobernada pola amoralidade?
- Comentade a novela como inventario de tipos humanos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario