Imaxe: O legado xornalístico... |
O libro estrúturase nas seguintes partes:
a) Unha biografía xornalística, de Tucho Calvo, enfocada dende o punto de vista do home comprometido co país que foi Valentín Paz Andrade. Saliéntase a temperá vocación publicista do noso autor e a súa continuidade ó longo de toda a vida, mesmo nos anos negros das ditaduras. Publicar na prensa significaba crear conciencia, facer país. E non o arredaron deste camiño nin as multas nin o cárcere nin outras penitencias sufridas por tal motivo.
b) Unha escolma de artigos, que resultan aínda hoxe dunha sorprendente actualidade. Tanta que, á luz dos acontecementos destes últimos anos, fan pensar ó lector que xa estabamos avisados.
Imaxe: O legado xornalístico... |
- “Cara e cruz da autonomía”, 31-12-1997. O persoeiro viviu moi de cerca ambos os dous procesos de autogoberno, e nos artigos escolmados enfoca o tema tanto coa ollada no futuro coma na sabedoría da experiencia. Neste artigo non esquece o aviso de alerta (“que non desfagan a fe do pobo cunha nova frustración”) nin unha recomendación que non se debería esquecer (“que poña en auxe as estruturas produtivas até agora esvaciadas ou entumidas”).
- “Dous decenios de estancamento na economía galega. O índice da renda per cápita”, ?-12-1978. Comenta o índice de renda per cápita e escribe, en 1978, que nos últimos decenios a Galicia “pasoulle o sol pola porta” (p.45) e lembra a tendencia secular que “estrangula” o “destino histórico e a recuperación socieconómica dun pobo” (p. 47).
- “La hora crítica del sector pesquero”, 30-11-1978.
- “La proyección espacial y etnológica de la lengua galaico-lusitana”, 07-02-1960.
- “Cabanillas e Curros”, 16-05-1976.
Imaxe: O legado xornalístico... - “San Iago, A Coruña e Lugo na historia do proceso autonómico”, 25-07-1982. A ollada á historia do proceso autonómico supuxo unha frustración para o pobo polos escasos froitos da longa loita polo autogoberno. Pobo oprimido que se ve envolto “na corrente circular entre a pobreza, a marxinación superimposta e o éxodo aventureiro” (p. 73). Remata o artigo coa “leición recollida”: “O mal da insolidade interna do país, aínda diante dos trances nos que se xoga o seu destino político e socioeconómico vén de vello. É un andacio que se propaga no tempo, que se fai reciclante. Presente no noso tempo e presente no pasado” (p. 75).
- “A centenaria aventura da Galicia Diplomática”, 02-09-1982. “Decatarse de que ningunha pluma o lembrara, nin co gallo de se cumprir agora o centenario, é un feito ben desconcertante. Polo que de negativo ten, e pola infravaloración que supón dunha páxina esgrevia do pasado das letras galegas” (p. 77).
- “El ahorro de Galicia y la financiación industrial”, 01-01-1964.
- “Galicia problema humano. La tasa del incremento demográfico”, 06-04-1960. Hoxe é un problema que salta á vista, pero no ano 60 Paz Andrade xa se decatara de que Galicia medraba por debaixo da media estatal e a provincia de Lugo xa estaba a perder poboación. Daquela aínda non era un andazo.
Malia escolmárense só nove artigos para cubrir dúas longas décadas de actividade, son abondo para darnos unha idea cabal da figura de Valentín Paz Andrade, das súas inquedanzas e das súas liñas mestras de actuación: política, economía, sociedade e etnoloxía, lingua e literatura.
c) Canda a biografía xornalística e a escolma van “Catro apuntes sobre a figura de Valentín Paz-Andrade” redactados por personalidades que o trataron de cerca: Francisco Fernández del Riego, Isaac Díaz Pardo, Jordi Pujol e Alfonso Paz-Andrade.
d) Remata o libro cunha “Cronoloxía biográfico-xornalística” e cun útil índice onomástico.
Tucho Calvo (ed), O legado xornalístico de Valentín Paz-Andrade, A Coruña, La Voz de Galicia, 1997. Limiar de Santiago Rey Fernández-Latorre.
Ningún comentario:
Publicar un comentario