10.11.10

Noticias de literatura-89

A política mete a culler na sopa da literatura. Carvalho Calero, Otero Pedrayo ou Valle-Inclán como botóns de mostra.
Xosé Antón Laxe Martiñán fala no Galicia Hoxe (1-11-2010) de lingua, lilteratura, sociedade...
David Pérez López publica Os foxos do lobo. A caza do lobo na cultura popular:
un estudo etnográfico ao redor da figura histórica do lobo. “O obxectivo que busquei é achegarlle á xente o patrimonio etnográfico vencellado ao lobo. Ademais tamén busco o compromiso da conservación desta especie que, en culturas anigas era un deus, pero que co cristianismo adquiriu trazos de ser un animal diabólico” (Xornal de Galicia, 2-11-2010).
Todo é silencio, de Manuel Rivas, vai ser levada ó cine: 
A historia sobre o contrabando da última novela de Manuel Rivas centrada nunha hipotética vila costeira galega, de nome Brétema, enfila xa a súa existencia cara a pantalla grande do cinema (Faro de Vigo, 2-11-2010).
María Rosendo gaña o Pérez Parallé de poesía:
Nómade nace dun "movemento migratorio no sentido literario e metafórico", asegura María Rosendo. A autora reflicte no poemario a súa experiencia vital durante unha viaxe que realizou a Bos Aires en 2007. Nos seus versos deixa patente "a busca do lugar físico propiamente dito así como a procura dun non-lugar, un espazo propio, un sitio individual no mundo" (Galicia Hoxe, 3-11-2010).
Faíscas, de María Canosa, recomendado por Galicia Hoxe (3-11-2010):
Un volume cheo de relatos sentimentais, de cousas vividas, soñadas e imaxinadas; outras que lle contaron a María Canosa, de noticias, de cousas que lle gustan e doutras que lle producen xenreira. Tres ducias de relatos independentes entre eles pero con referentes comúns, como poden ser o mar, tan presente, a auga, a ribeira e a costa, que aparecen  cada pouco e nos trasladan á Galicia costeira.
Víctor Freixanes publica Cabalo de ouros:
"É a crónica dun tempo que me interesa moito, o período da posguerra dos anos 40 e 50, no que se produciu un fenómeno pouco coñecido, a cultura do wolfram, xente que perde unha guerra e se dedica a sobrevivir. Xente que sempre me fascinou, a xeración de meus pais. É unha partida que dura tres días coas súas noites, afastados de todo, na que participan sete xogantíns: tratantes de gando, médicos composteláns, o secretario do arcebispo... Esa partida ocorreu realmente, e non foi a única" (El País, 5-11-2010).
Domingo Rodríguez Teijeiro analiza o sistema de prisións dos inicios do franquismo en Presos e prisións na Galicia de Guerra e posguerra (1936-1945):
É un exercicio de memoria histórica baseado na documentación dos centrosde reclusión e das fontes de carácter lexislativo, militar e estatístico, ademais da importante memoria dos presos. O historiador realiza unha ampla reconstrución do proceso de creación do sistema penal franquista e da evolución da represión nos inicios da ditadura que seguiu á Guerra Civil (Xornal de Galicia, 6-11-2010).
Kiko da Silva, humorista gráfico, entrevistado en Galiciaé (6-11-2010) co “secuestro” da revista Retranca como pano de fondo:
Home, eu nacín para facer banda deseñada. Téñoo claro e creo que é unha arte que ten moito por dar e dá moita liberdade á hora de traballar, probablemente, porque non está metida nun circuito de marchantes, deses nos que se moven tantos cartos e no que realmente hai máis postureo que traballo en si. O cómic é algo moi persoal do autor co lector e iso nótase despois á hora de ver obras. Realmente hai unha comunicación moitísimo máis forte nun cadro cando está nun museo. Non chegas da mesma maneira ao espectador e na banda deseñada iso conséguese porque realmente a persoa acaba trasladándose a un mundo que doutra maneira non poderías atopar.
A praia dos afogados, de Domingo Villar, será levada ó cine:
A novela anterior que protagoniza Caldas, 'Ollos de auga', foi tamén considerada, pero escritor e produtores inclináronse pola seguinte. Domingo Villar recoñece que os personaxes danse a coñecer en 'Ollos de auga', «pero a súa función nesa novela era unicamente  servir para o desenvolvemento da historia; están trazados con pincel gordo, sen entrar en detalles da súa vida», cando si se parou máis en darlle corpo en 'A praia dos afogados' (Galiciaé, 7-11-2010).
Helena Villar Janeiro fala da lingua e da súa creación literaria con Manuel Vidal Villaverde:
Identifícome cunha Galicia galega e, para min, a Galicia galega pasa por non estar subordinada a outra cultura e a outros intereses que non sexan os da súa xente. Non fun escolarizada desde os 6 ata os 14 anos. No en tanto, fun traballadora na xastrería de meu pai e educada por el, un republicano que me inculcou moitos valores que non estaban presentes na escola da época e por iso mesmo non me enviaban a ela. Eu coñecín moi noviña a existencia do feminismo e dos vellos ideais  da liberdade, fraternidade e igualdade entre as persoas e os pobos. Son universalista, pero para selo hai que ter os pés chantados e ben chantados nalgún lado e nalgunha cultura. No meu caso é Galicia e a súa lingua. Ser galega é a mellor maneira que eu coñezo para ser solidaria con outros pobos e nacións porque desde aquí podo comprender moitos dos seus problemas, das súas loitas e dos seus desexos (Galicia Hoxe, 8-11-2010).
Vázquez de la Cruz presenta Luz de Tebra:
un libro que cando un o le, segundo Manuel Rivas, «sente o calorífico levedar desa luz da escuridade. E sente a inconfundíbel felicidade clandestina de quen é agasallado co bisbar da boca da mellor literatura» (La Voz de Galicia, 10-11-2010).
Inma López Silva premiada co San Clemente polr Memoria das cidades sen luz.

Ningún comentario: